María Loureiro: "Son alcaldesa as 24 horas, o meu número teno todo o mundo"

A alcaldesa viveiresa presume de ser accesible para os veciños e de aprender das críticas no seu labor no Concello, un traballo que non considera de por vida e no que ten pendente un impulso á industria.
María Loureiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María Loureiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

María Loureiro, licenciada en Dereito e nai de dous fillos, é a alcaldesa de Viveiro dende decembro do 2013. Tamén é deputada provincial de muller e igualdade.

Que balance fai destes xa máis de seis anos na alcaldía?
Sempre é positivo. Calquera que accede a ser candidato á alcaldía faino voluntariamente e porque lle gusta, estamos aquí porque queremos e o balance é positivo. Houbo un cambio desde que tomei posesión no 2013 ata agora porque a morte de Melchor Roel nos colleou desprevidos, foi algo tráxico, pero houbo que seguir e en dez días formamos o goberno, eu que era a número dous fun alcaldesa e aí estiven ano e medio. Nas eleccións do 2015 foi distinta a cousa porque xa fun de candidata e tiven o apoio da maioría dos veciños, e volvemos confirmalo en maio do 2019.

Cambioulle a vida ser alcaldesa?
A vida cambia porque non se deixa de ser alcaldesa nas 24 horas do día, estás constantemente vinculada ao Concello e en calquera sitio paras a falar coa xente, párante pola rúa para comentarche algunha cousa, algo que a min me gusta. Non fai falta que veñan á alcaldía, en calquera lugar non me importa falar e escoitar os veciños e xa non só na rúa, agora tamén a través das redes sociais ou do WhatsApp, o meu número de móbil teno todo o mundo.

Leva ben as críticas?
Hai xente que critica por todo e outra que falta ao respecto, pero gústanme as críticas, sobre todo as construtivas, e son autocrítica. Fanche pensar e ás veces podo estar equivocada, somos persoas.

"Intento unha ou dúas tardes á semana estar cos nenos porque moitas veces cando chego á casa xa están durmindo"

Como é un día normal seu? 
Como calquera nai, levántome cedo, algo antes das sete da mañá, despois levanto os nenos. lévoos ao cole e vou para o concello ás nove e media. Pola tarde, depende de se teño que ir a Lugo ou teño reunións ou saio tarde do concello, tiro da miña parella, dos avós... e así andamos. Intento unha ou dúas tardes estar cos nenos porque moitas veces cando chego á casa xa están durmindo e non os vexo ata o día seguinte, por iso me gusta tamén aproveitar as mañás.

Escoitou nalgún momento algún comentario por ser muller no cargo de alcaldesa?
Non, comentario machista propiamente dito non o recibín, pero é verdade que cando tomei posesión escoitaba cousas pola idade. Tiña 32 anos e había moitos escépticos que dubidaban de que sería capaz de poder con todo o que comporta unha alcaldía, pero teño que dicir que en ningún aspecto da miña vida notei machismo directamente cara a min.

Deulle o seu toque persoal ao Concello de Viveiro?
Tiña xa certa experiencia no Concello, tiven a sorte de ser a número dous de Melchor, unha persoa coa que aprendías no día a día, e non atopei nada diferente, foi unha continuidade. Evidentemente a experiencia como alcalde adquírese co tempo, cada un vai tendo o seu carácter e dá o seu toque, a súa forma de actuar é diferente.

Tivo que renunciar á acta de deputada provincial no anterior mandato cando foi imputada polo caso das licenzas. Como foi a volta á Deputación?
Tiven que dimitir por ética do partido cando saíu o xuízo oral e fíxeno tranquilamente, orgullosa de que o PSOE tivese esa liña vermella. Agora volvín á Deputación con moitísima ilusión, con moitas ganas de seguir e de traballar representando á Mariña.

"Dimitín de deputada tranquilamente e agora volvín con moitísima ilusión e ganas de traballar representando á Mariña"

Sentarse no banco do xulgado foi o máis complicado a nivel persoal?
Agora queda nunha anécdota máis que podo contar. Todos estabamos tranquilos, sabiamos que non fixeramos ningunha irregularidade e o tempo acaba poñendo a cada un no seu lugar, pero pásase mal sobre todo pola familia, tiven que declarar embarazadísima, o trato na prensa con respecto á imputación e á absolución non foi compensado, a campaña do 2015 foi terrible, o presidente da Xunta veu dicir que non tiña ética... pero os veciños volveron confiar en nós e iso arróupate.

Como lle gustaría ver Viveiro no futuro?
Temos unha asignatura pendente que é fundamental, pois carecemos de industria e moitos rapaces teñen que ir fóra porque aquí non hai traballo. En épocas de bonanza, cando se fixeron parques empresariais e autovías, Viveiro sempre foi o concello abandonado, relegado. O parque empresarial chegou no 2007 nunha crise, a autovía do Cantábrico pasou por Vilalba, e en tempos de crise é cando se ven as dificultades e as carencias que temos, que son de fondo. Pero estamos traballando, temos un sector servizos forte, tamén a pesca, o forestal e o turístico. Cada vez hai moita máis xente que vén a Viveiro e cada vez se desestacionaliza máis.

Pensou na vida fóra da política?
Si que penso, teño claro que aquí estamos temporalmente, estou na alcaldía de maneira ocasional. Nunca pensara en ser alcaldesa, funo a raíz do que comentei anteriormente, e sei que non é un cargo permanente e que hai vida fóra da política.

A que lle gustaría dedicarse?
Son licenciada en Dereito e gústame moito o mundo das leis. Á parte tamén me gusta moito o trato coa xente, a atención ao público, escoitar, sería algo relacionado.
 

MOI PERSOAL || "Sempre leo o final dos libros antes" 
Que está a ler?
Ultimamente leo a mulleres autoras e libros onde as protagonistas son mulleres do mundo actual, agora estou con Megan Maxwell.
Algún defecto?
Teño un gran defecto porque sempre leo o final dos libros antes de rematalos, se non sei como vai acabar créame ansiedade, teño que saber como rematan para desfrutar da lectura. Tamén me pasa cunha película, teño que saber o final antes de vela e entón decido se a vexo ou non.
Que música escoita?
Gústame moito o pop rock, sobre todo español dos 80, gústanme moito Los Rodríguez, Loquillo,...
Cal é o seu destino de vacacións?
Adoitamos ir de cámping uns días porque é o máis idóneo para os nenos, polas Rías Baixas.
Que lugar ten pendente ver?
Quero coñecer máis Europa. Tamén Nova York, a eterna cidade.
Onde se refuxia?
Cando quero desconectar porque estou saturada poño os tenis e vou andar ao paseo de Covas.
É escrava das redes sociais?
Teño Instagram e Facebook e úsoas de forma moderada. Gústame ver os portais de queixas porque te enteras de que rompe algo antes de sabelo no concello.
Que lle inculcaron seus pais e transmite aos fillos?
A humildade, o saber de onde vimos, a tolerancia, a empatía de poñerse sempre no lado do outro e respectar a todo o mundo.

Comentarios