En Marea pide á Xunta que "adiante" cartos se hai impago ao persoal de Muebles Hermida

Villares suxire que o Igape cre "un fondo de continxencia" para os casos nos que as empresas "non paguen aos traballadores durante varios meses" 
Luís Villares comparecendo para analizar os resultados das eleccións
photo_camera Luís Villares. EP

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou á Xunta que "se implique" no conflito laboral da empresa Muebles Hermida, que solicitou este mes a súa entrada en concurso de acredores, e suxeriu que a Administración "adiante" o diñeiro en caso de falta de pagamentos aos traballadores. 

Tras manter unha reunión co comité de empresa en Lourenzá, o tamén portavoz do Grupo Mixto no Parlamento galego mostroulles o seu "apoio" nas súas reivindicacións "para cobrar os salarios a empresa débelles catro nóminas– e manter os postos de traballo". 

Deste xeito, Villares insistiu en que a Xunta "se implique para a solución do conflito", dado que o Goberno autonómico "puxo varios millóns de euros" de subvencións a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). 

Neste contexto, o líder de En Marea propuxo que o propio Igape "cree un fondo de continxencia para que, nos casos nos que haxa empresas como esta que non paga aos traballadores durante varios meses, poida adiantar o diñeiro dos salarios que non foron percibidos". "Queremos que a Xunta adiante ese diñeiro que despois recuperaría a través dun proceso concursal", engadiu. 

"Muebles Hermida é unha empresa que pode ter moito futuro, que ten carteira de clientes e que produce un bo produto. Só fai falta reorganizar a produción", sentenciou.

ALCOA SAN CIBRAO. Noutra orde de cousas, Villares lembrou que xa o ano pasado, antes da poxa de interrompibilidade, o seu partido alertaba de "que tiña moi mala pinta" o futuro da planta de Alcoa San Cibrao. 

O portavoz de En Marea apremou a que "aínda que o Goberno (central) estea en funcións non perda o tempo e presente unha proposta" de estatuto para as industrias electrointensivas. 

Tanto é así que "agora mesmo xa deberían de estar (o Executivo) negociando cos que van ser os seus socios de Goberno, como o BNG ou Podemos, e xa podían presentar un borrador para que cando se forme Goberno se aprobe ipso facto". "Non sabemos a que esperan e en que están a perder o tempo. Fálase do estatuto (para electrointensivas), pero aínda non vimos un borrador en firme", afeou finalmente. 

Más en A Mariña
Comentarios