En Marea instará á Xunta a actuar contra a "vulneración de dereitos laborais" en Sargadelos

Paula Vázquez acusou ao actual administrador único da empresa de "estar a xogar tanto co legado como co emprego" 

Entrada de la fábrica de Sargadelos. IRIA LV
photo_camera Entrada de la fábrica de Sargadelos. IRIA LV

O grupo de En Marea no Parlamento galego instará á Xunta a actuar contra a "vulneración de dereitos laborais" que se produce na fábrica de cerámica Sargadelos de Cervo, que leva xa 20 despedimentos, e a "preservar" o legado cultural, co que o administrador único da empresa "está a xogar".

Así, nun comunicado, a formación política indicou que preguntará á Xunta no Parlamento "que ten que dicir" sobre a situación da fábrica de Sargadelos de Cervo, catalogada como conxunto histórico artístico en 1972 e ben de interese cultural.

Deste xeito, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao denunciou o xeito de actuar do administrador único de Sargadelos, Seguismundo García, ao que acusa de estar "a xogar tanto co legado desta emblemática marca como co emprego da fábrica de Cervo".

Ademais, o grupo parlamentario lembrou que o pasado 17 de agosto, nunha rolda de prensa, o Administrador do grupo Sargadelos, convocou ao persoal da fábrica de Cervo para "anunciar por sorpresa 49 despedimentos", que atribuíu á "presión sindical".

Nesta liña, destacou que, para o Administrador de Sargadelos é necesario "rebaixar os salarios" e "admite que a súa actitude é un pulso aos sindicatos". Por iso, segundo sinalou En Marea, Sargadelos leva 20 despedimentos en Cervo, tanto de novos empregados como de veteranos, "despedimentos que, con moita probabilidade, serán nulos".

FALTA DE RESPECTO AOS DEREITOS LABORAIS

Por todo iso, En Marea asegurou que a actual dirección do grupo mostra "unha falta de respecto pola lexislación laboral vixente" e "polos dereitos laborais básicos", xa que o grupo empresarial "cometeu numerosas infraccións no ámbito laboral", o que "non só vai en contra dos dereitos laborais, senón tamén contra o futuro da propia empresa en Cervo".

"Sargadelos é máis que unha fábrica de artigos decorativos: era unha editorial (Ediciós do Castro), un Laboratorio de Formas que garante unha dirección artística e un conxunto de proxectos que son patrimonio inmaterial colectivo, a pesar de que a actual administración do grupo deturpara esta labor" destacou Paula Vázquez.

Todas estas cuestións, segundo anunciou En Marea, serán levadas ao pleno, porque considera que "a Xunta terá algo que dicir ante a vulneración de dereitos laborais" por parte da mencionada empresa e para "coñecer que pensa facer o Goberno galego para preservar o legado cultural de Sargadelos".

Comentarios