¿Que foi de... Marcelino García?

Sorprendeu a todo o mundo por partida dobre: presentándose como candidato do PSOE á alcaldía de Trabada con só 24 anos (nese momento foi o máis novo de Galicia) e logo sacando uns resultados que, curiosamente, presaxiaron o que viría despois: a maioría absoluta de súa irmá, ela con 27 anos
Marcelino García Bermúdez. EP
photo_camera Marcelino García Bermúdez. EP

Non parecía Marcelino García Bermúdez chamado a ser alternativa de José Manuel Yanes Ginzo nas eleccións de 2007. Era un rapaz de 24 anos, pero el non o dubidou. Presentouse e amosou algo que xa pasara en eleccións anteriores, como en 1991, que a maioría do PP non era tan sólida como reflectían os resultados. Malia ter só 24 anos sacou uns resultados sorprendentes... e dimitiu. Lembra aquel salto como "unha decisión de compromiso para ofertar unha alternativa de goberno seria, moderna e solvente á veciñanza de Trabada; que viña de estar á deriva naqueles anos, cunha política local clientelista e caciquil que xa non nos representaba á xente nova".

Tivo que traballar arreo para facer unha candidatura da que ficou satisfeito "porque aglutinaba perfís de rexeneración e que tamén contaba con xente experta e xa militante. Eramos, sen ningunha dúbida, a lista máis capaz; cun perfil de equipo e non dun cabeza de lista e o resto perfís planos de recheo. Estou moi agradecido a todos os compañeiros e compañeiras que me acompañaron no proxecto, en especial a Antonio Oliveros que foi o meu cicerone".

Segue a política municipal e está convencido de que non acadou a alcaldía nas eleccións de 2007 só por un exceso de xuventude

A campaña fíxoa "porta a porta" e "investindo moito tempo" no que se levou "gratas sorpresas e charlas inesquecibles, incluso nas casas dalgún dos que ían noutras candidaturas. Un momento moi especial foi a xornada de reflexión, aínda me segue emocionando a día de hoxe".

Dos resultados que sacou, di que non calculou nada, que só tirou para adiante "porque era neófito en política local, se me colle hoxe, arraso".

Marcelino García no ano 2007. ARCHIVO
Marcelino García no ano 2007. ARCHIVO

E se se fala disto con Marcelino García Bermúdez é imposible non referirse ao que pasaría no ano 2015. A súa propia irmá, Mayra García Bermúdez, con 27 anos, asaltaría a alcaldía de Trabada desde o seu mesmo partido, o PSOE: "É moi satisfactorio ver como algo que un non acadou o consegue un ser querido; sobre todo polo bo facer e os resultados da boa xestión que Mayra e o seu equipo de goberno están a facer no concello de Trabada".

Son irmáns, así que é sinxelo supoñer que houbo un momento no que a actual alcaldesa lle plantexou a el que se ía presentar á alcaldía de Trabada "e, sinceramente non a animei". "Pero na miña casa somos xente de mal convencer cando cremos en algo e aí está, rexenerando a forma de gobernar un pobo rural pequeno e dando servizos de calidade de vida á veciñanza, que é o máis gratificante dunha alcaldía", asegura.

Marcelino García Bermúdez, garda civil de profesión, reside agora en Foz, pero segue en contacto estreito con Trabada e confesa que segue a vida política. E non só a de súa irmá: "Sigo a política en xeral, gústame estar enterado e poder chegar a conclusións pola miña cabeza, 'sen tutelas, nin tutías".

Comentarios