Manuel Maseda: "Alí onde estea reivindico a miña raíz pataqueira"

O pregoeiro das festas de Burela, de 47 anos de idade e mestre de música en Ames anticipa que o seu discurso será unha  viaxe polas lembranzas que garda da xuventude dun pobo que nunca esquece
Manuel Maseda, disfrutando de Burela. EP
photo_camera Manuel Maseda, disfrutando de Burela. EP

Vostede é o pregoeiro este ano das festas do seu pobo. Como se sentiu ao sabelo?
Estou moi emocionado e moi agradecido porque se acordaran de min para ser o pregoeiro deste ano. Sempre é un compromiso moi importante, pero máis aínda neste caso que pregoarei as festas do meu pobo. É unha honra porque en Burela somos moitos os que temos una conexión e un magnetismo especial polo pobo e reivindicamos a nosa raíz pataqueira.

Como será o pregón?
Creo que mañá será unha viaxe polo tempo, por diferentes capítulos da historia de Burela. Para recordar as distintas fases que vivimos e tamén de como un ve Burela cando está fora e como tira o sentimento pataqueiro.

Pódenos adiantar algo?
Non podo desvelar nada aínda do que será o texto final, pero o que si que podo dicir e que a xente pode vir preparada para bailar e para rememorar vivenzas.

Vostede viviu o cambio de Burela dun pequeno pobo a unha localidade de maior entidade. 
De feito será parte do pregón. Nos anos oitenta Burela estaba chea de guindastres, todo eran grúas e un constante ir e vir de xente. Pasamos de non ter hospital a telo e tamén chegou Alcoa. Os nenos desa época pasamos de xogar nas terras a vivir nunha urbe.

Que aspectos da vila son os que mais destacaría?
A interculturalidade de Burela, con xente chegada de moi distintos puntos. É moi significativa e non a hai en calquera sitio. Conviven moitas nacionalidades sen ningún tipo de problema.

Vostede é agora mestre no IES Milladoiro, canto tempo leva fóra?
Marchei para A Coruña cando empecei a dar clases como mestre de Música fai 25 anos. Estiven en varios centros da provincia;  botei moitos anos no IES de Baio e agora estou no IES de Milladoiro, pero con un pé sempre posto en Burela e reivindicando a miña raíz pataqueira.

"O faro de Burela ten algo telúrico; está no mar e está na terra, sempre marcando o lugar onde está a casa"

Segue mantendo contacto coa vida social do seu pobo?
Si, fun moitos anos membro coordinador da festa da Marosa. E sempre intento axudar no que podo en todo aquilo que me precisan. Tamén manteño o contacto co tecido cultural.

E a familia que ten por Burela e os amigos, que lle dixeron cando souberon que pregoaría estas festas?
A miña nai está encantada, fíxolle moita ilusión, para ela é un orgullo e para min decirllo, unha honra.

Que lugar é o que máis bota en falta de Burela?
Podo dicir que o porto. A miña furgoneta por inercia cando vou a Burela é incapaz de ir ata a casa da miña nai sen pasar antes polo porto. Aprendín moito traballando alí e teño moitos recordos daquel tempo.  

E a imaxe que primeiro lle vén á mente ao pensar en Burela?
A do faro de Pena Burela, que é unha seña de identidade do pobo. É una chamada a todos os burelaos. Ten algo telúrico; está no mar e está na terra, sempre marcando o lugar onde está a casa.

Comentarios