Manuel Galdón Couto: "Coas redes sociais facemos máis visible o noso traballo"

Manuel Galdón Couto foi nomeado esta semana oficial da Policía Local de Burela. Nesta entrevista conta como empezou, repasa as necesidades do corpo e diferentes temas nos que están a traballar dende o Concello burelao baixo a dirección da Alcaldía
Manuel Galdón Couto JOSE M PALEO
photo_camera Manuel Galdón Couto. JOSE M PALEO

Manuel Galdón Couto é de Foz. Estando de socorrista na Rapadoira un compañeiro faloulle das prazas de Policía Local en Cervo. Acabara Graduado Social e presentouse. Hai cinco anos fixo Relacións Laborais. Necesita facer deporte para estar ben e é afeccionado ás motos.

Acaba de ser nomeado oficial. Que supón levar a xefatura?
Cambia totalmente, porque as funcións son distintas e as responsabilidades tamén.

Como afronta esta nova etapa?
Coa ilusión de intentar mellorar as cousas, o servizo que se lle dá á cidadanía, aos compañeiros e ao concello en xeral.

Vai cambiar algo?
Dende que estou aprobamos a nova ordenanza de tráfico, que está a punto de saír publicada. Tamén participo na elaboración da de terrazas e na do mercado. Está pendente de reformar a ordenanza de contaminación acústica, que imos facer este ano, e tamén temos que aprobar, por imperativo legal, un regulamento de funcionamento da Policía Local.

Teñen moitas competencias.
Temos moitas e ademais en plantillas pequenas como a nosa non temos a posibilidade de ter especialidades, como por exemplo na Coruña, onde hai de Menores, Tráfico ou Medio Ambiente. Nós temos que sacalo todo adiante e cada vez temos máis, porque as administracións están delegando nos concellos; ao final traballamos como policía administrativa. Por exemplo, levamos o seguimento de vítimas de violencia de xénero, actuamos como Policía Xudicial, tamén perseguimos delitos, e a nivel administrativo estamos en benestar animal, comercio, venda ambulante ou actividades recreativas.

É complexo dirixir o corpo?
É complexo, como dirixir calquera grupo humano. Estando entre a alcaldía e os compañeiros tes que atopar un equilibrio entre as necesidades das dúas partes, que ás veces non son coincidentes. Como somos  funcionarios, ao final sempre prima a normativa. Que conste que teño sorte, pois tanto por parte da alcaldía como dos compañeiros estanmo poñendo doado, estanme apoiando e ao estar empezando agradécese.

Como é o ambiente laboral?
É bo. Temos moita carga de traballo e unha das cousas que necesitamos é aprobar unha Relación de Postos de Traballo, que levamos esperando desde hai varios mandatos e que retomou a Alcaldía, que está traballando niso.Agora teñen redes sociais.

Como repercute cara á cidadanía?
Notamos unha mellor percepción por parte da xente, hai cousas que nin sequera sabían que faciamos, notaban menos presenza da que hai. As redes axúdannos a comunicar coa xente e facernos máis visibles. Teño que agradecerlle a un compañeiro que me axudou moito a poñelas a funcionar, porque non tiña moita idea, pero recoñezo que é unha moi boa ferramenta. Estou contento. Tamén imparte clases na Academia Galega de Seguridade. Son técnico superior en Prevención de Riscos Laborais, levo anos dando cursos de grao medio e superior e puxéronse en contacto comigo porque sabían que tiña experiencia e formación en contaminación acústica. Levo dez anos impartindo os cursos que acreditan para facer medicións.

Que necesidades ten a Policía Local de Burela?
O principal problema é que nun ano e medio xubilaranse tres compañeiros e coa taxa de reposición a curto prazo imos quedar un tempo moi xustos de persoal e iso vai influír no servizo que poderemos dar.

Hai algún conflito na vila?
Burela é un pobo tranquilo. Non temos ningunha problemática específica, nin a nivel directivo nin conflitos coa hostalería por ruídos, está todo bastante ben. Agora estamos traballando para aprobar un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que está na última fase e vai mellorar a fluidez do tráfico e a mobilidade na vila.

Comentarios