"O máis importante é que te sintas apoiada"

Raquel Amieiro recolle nas 341 páxinas de 'Un año contigo' a súa experiencia na loita contra o cancro para axudar "a quen pase polo mesmo". Este venres, ás oito da tarde, presenta o libro na casa da cultura de Foz. 
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Raquel Amieiro, no porto de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O confinamento serviulles a Raquel Amieiro e a Pepe Peinó para darlle forma a Un año contigo, o libro no que contan "unha historia triste, mais ao mesmo tempo enriquecedora e humana" na que ela narra as súas vivencias tras serlle diagnosticado un cancro de mama en 2019. 

Que a animou a escribir un libro para contar a súa experiencia?
Cando estaba no proceso e iba aos tratamentos pasábamolo moi ben e había compañeiras que ían diante de min e me explicaban todo o que ía pasar. Por iso me propuxen que cando todo pasara escribiría un libro para axudar a todas aquelas persoas que estean pasando polo mesmo que eu pasei.

Como foi escribilo con Pepe, a súa parella?
El foi unha axuda tremenda porque eu era todo ideas, todos os recordos me viñan de golpe e foime guiando. El estaba encantado porque estaba facendo algo que lle gustaba e pensando que me pasara a min o ‘gusanillo’.

Como foi o momento de recibir a noticia?
Ese foi o peor momento de todo o proceso. Foi un día pola tarde e caeume a alma aos pés. Ese día chorei, pero penso que foi o único que chorei en todo o proceso. 

E afrontar todo o proceso?
O día que recibín a noticia foi o peor, pero dala á miña familia tampouco foi sinxelo. Teño unha filla que daquela tiña 15 anos, meus pais e unha avoa de máis de 90. Tes que dar a noticia sacándolle todo o ferro posible. 

É certo que a actitude é fundamental para afrontar o tratamento?
Si, se te fundes non saes do pozo. Eu penso que unha persoa que se empeña en morrer, acaba morrendo. É certo que se sofres unha enfermidade terminal por dicir que vas vivir, non vives pero si que podes alongar os días de vida e estar moito mellor. 

Un enfermo de cancro sempre teme que a enfermidade volva?
Si, sempre estás coa mosca detrás da orella. De feito despois de min meu pai tivo cáncer de próstata e miña irmá pequena de mama, tamén e a raíz diso fixeronnos unas exames xenéticos nos que eu din positivo. 

Cal foi a súa reacción?
Querer sacar as mamas e os ovarios. Foi unha decisión difícil pero tes que pensar que vai ser para ben porque o outro pasa por estar sempre pendente e co medo a volver pasar polo mesmo. 

Que papel xoga o apoio do entorno en todo proceso?
É básico, pero tamén vas necesitar apoio psicolóxico porque hai moitas cousas que á familia non lle conta. Que esteas apoiada é o máis importante. 

A loita contra o cancro ten momentos positivos tamén?
Moitísimos porque aprendes a valorar as cousas mínimas que che ofrece a vida. E acabas facendo amizades que nuncha pensaches que farías; nos tratamentos colles unha familia adoptiva. 

Que lle diría a quen está pasando por algo semellante?
Que estea tranquila e non se asuste. Haberá momentos moi malos, pero pasan e é importante saber de anteman ao que se vai ter que ir enfrontando. Diríalle que valentía e forza para adiante.