"O máis complicado vai ser portarse ben antes de tocar, porque hai bandas moi boas diante"

Os muradáns The Rapants, que veñen de lograr o premio Sonidos Mans, serán os encargados de pechar esta edición do festival, no que será a súa estrea en Burela. Agardan que a xente goce tanto como o van facer eles sobre o escenario
Louro, de The Rapants.INSTAGRAM
photo_camera Louro, de The Rapants.INSTAGRAM

OS MURADÁNS The Rapants son os elixidos para rematar esta edición do Osa do Mar, enchendo a praza do Concello de Burela cos ritmos que mesturan distintos paus, pero co denominador común de xerar bo rollo. Chegan avalados polo premio Sonidos Mans.

Din que sodes unha banda de surf, garage e indie. É así?

Creo que máis ou menos si, porque non temos un estilo definido. O outro día Vituco Neira definiunos como pop enxebre e é certo porque nós basicamente facemos pop.

É a vosa primeira vez no Osa?

Si, a primeira.

E para debutar, nada máis e nada menos que pechando o festival. Engade presión?

O máis difícil vai ser portarse ben ata a hora que nos toque subir a nós, porque hai bandas moi boas diante nosa. Temos moitas ganas de pechar porque cremos que é unha hora na que a xente pode estar máis aberta a gozar da nosa música e lograr que o pasen tan ben coma o imos facer nós.

Tedes referencias do festival?

Si, sobre todo por bandas da nosa zona, que nos falaron fenomenal do festival. Os de Monoulious DOP dinnos que é onde mellor o pasan e logo Nuno Pico tamén nos di que é un festival incrible. Ademais, temos moi boa relación coa organización. Vírannos no Caudal Fest de 2019 e a partir de aí fómonos coñecendo e xa tiñamos pechada a actuación desde antes de que empezase a pandemia.

O domingo estivestes en Alfoz recoñecendo o terreo.

Si, tocamos alí e a Burela xa foramos a principios de verán a un concerto de Nuno. Alí leváronnos tomar algo os do Osa do Mar e estivemos moi a gusto.

Este ano tocastes nun bo feixe de festivais.

Importante que se reactive o sector musical. Si, para nós, que somos unha banda emerxente, é fundamental. O covid foi bastante duro porque estivemos sen tocar desde marzo do 2020 ata este mes de maio. Fíxosenos longuísimo e a nosa prioriade era tocar a toda costa, demostrar que seguimos vivos.

Comentarios