Os Maios de Viveiro non contarán con desfile polas rúas por culpa da pandemia

É o segundo ano consecutivo que sucede
_LBB7424
photo_camera Desfile doutro ano polas rúas viveiresas. ARCHIVO

Os Maios de Viveiro quedarán este ano na casa. José Luis López Rivera forma parte da organización desta tradición que percorre as rúas da cidade no mes de maio e confirma que "non van saír, mentras non deixen xuntarse máis xente preferimos non arriscarnos. Hai que esperar a que isto mellore e podamos recobrar un pouco as festas", di.

Os veciños de Campo Urraca e da Veita son os encargados de artellar esta festa para celebrar a chegada do bo tempo, unha tradición que data de comezos do século XX, aínda que algúns incluso din que puido empezar arredor da década de 1890. Os residentes no barrio recuperárona a finais da década de 1960.

Os organizadores buscan sempre a xornada máis axeitada para desfilar polas rúas facendo de comparsa ao Maio, quen se engalana con arbustos silvestres propios da Mariña. É o único de Galicia vivo, que durante a andaina fai carantoñas aos veciños para que o agasallen. El é o máis sufrido, pois soporta calor e o peso dos arbustos, o que obriga a facer paradas para tomar un refixerio de cando en vez. Este personaxe tírase ao chan, levántase e baila ao ritmo que marcan os pasodobres que interpretan os músicos que o acompañan, pero tamén durante os cantos do Maio.

A tradición mantense de xeito voluntario por parte dos veciños que aspiran a sacala á rúa de novo en canto sexa posible. Maiores e nenos bailan e cantan arredor do Maio. O número de participantes foi a máis nos últimos anos, debido a incorporación dos máis novos e ademais a tradición estendeuse polos colexios. Todos os asistentes visten roupas coloristas e levan cestos adornados con flores, nos que adoitan levar caramelos ou algunha vianda para recuperar forzas a longo do seu camiño.

Os participantes fan paradas nas distintas prazas da cidade do Landro para coa súa ledicia característica animar aos veciños. Arrincan en Juan Donapetry e detéñense nas prazas de Santa María, Porta da Vila, de Lugo, da Fontenova, da Herba, a Praza Maior e na Ribeira antes de volver ao punto de saída, en Campo Urraca, lugares todos eles que se nomean nos cantos do Maio, que datan de 1900.

Os organizadores viviron momentos gloriosos na década pasada co seu paso polo programa televisivo Luar ou chamadas para desfilar en cidades coma Ferrol, A Coruña ou Ourense, onde lles roubaron as empanadas que levaban para comer e o diñeiro.

Comentarios