Luz Pozo Garza, emocionada no acto no que a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro estrea o seu nome

A escritora, a pouco de cumprir 96 anos, amosouse agradecida e transmitiu o seu agarimo aos asistentes: "Quérovos moitísimo", díxolles

Luz Pozo Garza recibe un ramo de flores na Escola Oficial de Idiomas de Viveiro. J.M.PALEO
photo_camera Luz Pozo Garza recibe un ramo de flores na Escola Oficial de Idiomas de Viveiro. J.M.PALEO

Luz Pozo Garza amosouse "moi emocionada" e agradecida no acto que organizou a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro para celebrar que xa leva oficialmente o nome da escritora, ao que asistiu emocionada e agradecida e no que recibiu o agartimo de toda a comunidade educativa e das institucións.

"Cando me anunciaron que me propuxeran para levar o nome da escola quedeime sorprendidísima. Son moitos anos, vou cumprir 96 en dous meses e pensei que como non llo darían a unha muller máis nova, máis activa, máis vital, que teña máis relacións sociais e intelectuais", apuntou, pero tamén se considerou afortunada: "Pensei 'que sorte teño'. Estou moi emocionada, cantos máis anos ten un máis se emociona, máis sensible é ao cariño, ao amor, á amizade. Quérovos moitísimo", dixo aos asistentes.

Ademais de alumnos e profesores ao acto asistiron o delegado da Xunta, a xefa territorial de Educación, concelleiros e integrantes do Observatorio da Mariña pola Igualdade

Luz Pozo Garza escoitou os poemas seus que lle leron alumnos da escola en italiano, alemán, francés e inglés e ela mesma recitou un de Ovidio en latín. Tamén dixo que está a punto de publicar un libro novo, Pazo de Tor, no que conta que a súa familia foi fundadora deste ben no século XIV. "E teño outros tres ou catro libros para sacar", sinalou.

O director do centro, Francisco Pérez, abriu o acto no que tamén falaron Paula Ferreiro e Cristina Lestegás, integrantes do Observatorio da Mariña pola Igualdade, plataforma que impulsou a campaña Nomearnos en feminino para poñer nomes de mulleres a centros educativos á que se sumou a EOI, que así "se coloca na vangarda do feminismo na educación". Lembraron que na comarca só hai un centro con nome de muller —sen contar denominacións relixiosas— e convidaron a que outros se sumen. "Hai nomes de mulleres que non podemos deixar no esquecemento, como os de Maruja Mallo ou María Tobío López", propuxeron.

A poetisa avanzou que está a piques de publicar un libro sobre o Pazo de Tor e que ten "outros tres ou catro" pendentes

Tamén interviron a representante do alumnado no consello escolar e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que considera un acerto o nome de Luz Pozo Garza para a escola. "É un acto de xustiza con vostede, coas nosas escritoras e con todas as mulleres que contribúen a facer máis grande a nosa cultura e o noso país", díxolle á poetisa, á que ademais lle trasladou a felicitación por parte do conselleiro de Cultura e do presidente da Xunta.

A xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde, e edís da corporación tamén asistiron ao acto, que rematou co descubrimento da praca co novo nome do centro.

Más en A Mariña
Comentarios