Luís Iglesia: "Prefiro un humor que deixe ler entre liñas, non con animaladas"

O selo do riotortense Luís Iglesia na televisión e no cine en Galicia abarca dobraxes e series como Matalobos. Entre os éxitos el destaca proxectos moi persoais, pezas como a comedia Senior que este sábado representa ás oito e media da tarde no Teatro Pastor Díaz

A veteranía é un grao e sen a experiencia e o traballo de Luís Iglesia o audiovisual galego quedaría mudo e os teatros orfos dun actor que, lonxe do sesgo glamuroso, entende o oficio "dun xeito máis proletario" e valora os traballos non polos premios ou os grandes directores que tivo, senón pola conxunción da satisfacción persoal e do recoñecemento do público. O sábado volve a Viveiro cunha obra na que moita xente se poderá ver reflexada e onde amosa un rexistro ben distinto deses papeis de malo malísimo que lle deron soa nas series de televisión.

Luís Iglesia. CULTURACTIVAO público do Pastor Díaz sempre lle responde.
Levamos xa tempo con esta función e, xunto con outras prazas como Ribeira, a Viveiro non faltamos nunca. Nótase moito os sitios onde se programan habitualmente espectáculos. O público esta afeito, entrenado, formado, saben “recoller” as risas para seguir escoitando….

E iso que parecen estar de moda o humor tosco dos marulos.
Respecto que á xente lle guste eses estilos de humor,  pero a retranca galega é moito máis fina ca todo iso. Para respectar ao público téslle que dar moito á cabeza. É parecido a facer malabares: a dificultade do exercicio é un signo de consideración ao espectador. Eu prefiro un humor que deixe ler entre liñas, non a base de animaladas ou chavacano. Como cómico tes que sementar unhas claves para entenderte co receptor, se non funciona o problema adoitan ser as claves.

E por onde vai a función Sénior?
Esta peza é un texto e dirección de Avelino González. comparto escenario con Marcos Orsi, que é un maravilloso clown. Rímonos de nosoutros mesmos e conseguimos que a xente pase hora e vinte tamén con gargalladas mentres xogamos cos tópicos de cando un se mete nos cincuenta e pico anos e aparecen o colesterol, a prexubilación, a ,esa marabillosa presbicia que nos descubre o mundo doutra maneira. E intentamos ter tamén a visión feminina desa idade.

Un papel alonxado do de Carmelo Matalobos con que todo o mundo o identifica a vostede. Agora protagoniza tamén na TVG A estiba. É un persoaxe tamén amable?
É moito peor có de Carmelo Matalobos porque ese tiña humor e determinados límites que non sobrepasaba nunca. En cambio, o policía Emilio Fortes de A estiba non respecta nada. Ao mellor coida máis as formas pero no fondo é moito máis salvaxe. Carmelo tamén era duro e frío pero con Emilio é moito máis difícil empatizar.

Leva unha carreira longa e diversa dende os anos 80, como se ve agora en escea?
Logo cumprirei 58 anos e estoutro día a miña muller díxome que 'aínda te conservas bastante ben' pero logo deuse contra de que os 60 están aí á volta... e botou as mans á cabeza. Véxome feliz de seguir enriba das táboas, de contar co apoio do público, e de ilusionarme máis có primeiro día.

Xa non cría formigas con zucre, como de pequeno en Riotorto?
Pois mira que meu fillo, de pequeño, tamén andaba ás carricantas que metía con mantis no mesmo frasco. Recordo que a el os veciños tamén lle deixaban carricantas e saltóns en frascos á porta da casa.

Acorda o seu primeiro papel?
Facíamos funcións polo Nadal na igrexa de Riotorto e logo no Seminario. Daquela, anos 70 e 80 era impensable incluso facer carreira de actor en Galicia, había que marchar fóra. Tivemos a fortuna de que apareceu a TVG e eu entrei na dobraxe. O primeiro que cobrei, ainda estaba facendo o curso de iniciación. Escolleume Daniel Dicenta, para dobrar a Anthony Quinn en ‘Los dientes del diablo’, unha película de esquimais.
 

"Son bastante de pensar pola miña conta e estou moi cómodo nos platós de TV"
Como actor e director de dobraxe dende 1986, pon voz galega a Paul Newman, Robert de Niro, Harrison Ford ou debuxos animados. "O que máis se fai son debuxos animados e agora estou dobrando un tomate e un melón da serie americana Os vexecontos".

Algo como actor lle tira máis?
Sempre se dixo que non había nada comparado ao teatro, polo directo e a imposibilidade de repetir. E non falta razón nesta afirmación. Pero eu creo que o máis importarte é que te ilusione o que fas, xa sexa teatro, dobraxe, cine……, eu estou moi cómodo nos platós de televisión, máis inclusoca no cine. Agora imos con novos capítulos de Serramoura e no teatro Macbeth de Shakespeare, sen deixar Senior.

Ten tempo para ir por Riotorto?
Cando vou, síntome moi querido pero tamén retorno con pena ao ver unha poboación tan envellecida. Na praza das Rodrigas hai moita xente que ronda ou pasa dos 90 anos e novos poucos. Morren coñecidos sen enterarme. Pero volvo alí mirar da casa,  e porque á miña muller e fillas tamén lles encanta Riotorto.

 

"Teño concepción proletaria do oficio; o glamur dos premios é moi incoherente"

Luís Iglesia diferencia o éxito da popularidade. 
Ás veces o triunfo non vai unido ao maior disfrute persoal e profesional. Outras si, ocorreu con Matalobos, ou en pezas teatrais como Gaivotas Subterráneas que fixen con Xabier Deive, foron exitos de público e crítica a pesar de estarmos nos peores momentos da crise, e de crecemento persoal.

Aínda ten por interpretar a súa gran película?
Valoro máis ser capaz de parir o meu propio produto e non que me chame Scorsese, por exemplo. Estou intentanto escribir unha historia sobre o amor, seguramente con temas musicais. Isto para min e moito máis ilusionante, sempre procuro ter algo na gabeta que me aporte como aprendizaxe. Teño a inmensa fortuna de traballar no que máis me gusta e ás veces teño a fortuna de traballar no que me ilusiona.

Non entendo como non lle deron alomenos un premio dos Mestre Mateo por Matalobos.
Non son membro da Academia, e non sería elegante criticar o traballo que fan. En calquera caso, isto é unha evidencia, mesturan cine e televisión: os presupostos, os tempos, a repercusión, as audiencias…. non teñen nada que ver. O meu premio é o traballo, o recoñecemento do público, e agradezo moito que me nominaran, pero entendo que iso é un agasallo a maiores. 

Se cadra teño unha concepción máis proletaria do oficio;  o glamur co que se revisten os premios é moi incoherente coas queixas de que faltan cartos para o sector, que é unha realidade. Pero non sei se a nosa xente entenderá esta contradición.

Comentarios