Luis del Río: "A pesar das dificultades, nunca tiramos a toalla e iso deunos a permanencia"

O presidente do Viveiro valora o esforzo que fixo todo o plantel e recoñece que lle gustaría que renovasen Alberto López e moitos xogadores, "pero non vai ser posible porque vivimos nunha economía de guerra e van ter mellores ofertas"
El presidente del Viveiro, Luis del Río, posa con el puente de la Misericordia de fondo
photo_camera El presidente del Viveiro, Luis del Río, posa con el puente de la Misericordia de fondo. J. M. PALEO

O presidente do Viveiro, Luis del Río, logo dunha fin de semana chea de celebracións pola permanencia en Terceira División, xa comeza a planificar o vindeiro curso, no que a entidade celeste volverá loitar cunhas aperturas económicas que fan que cada salvación sexa case considerada case coma un milagre.

Que valoración fai da temporada? 
Moi positiva porque a segunda volta, con 30 puntos, foi espectacular e, se chegamos a ganar un par de partidos máis, estaríamos case loitando polo play off de ascenso. Conseguiuse a mellor clasificación histórica deste século e todo iso é mérito dos xogadores e do corpo técnico, que o deron absolutamente todo. 

Chegou a pensar nalgún momento que era imposible salvarse?
Hai que dicir a verdade e ao final da primeira volta víao moi difícil, pero Alberto López [o técnico] e eu reunímonos varias veces e decidimos que tiñamos que dar un paso á fronte. Era un todo ou nada porque o mercado de inverno é moi complicado, non teríamos máis balas e xa estabamos facendo un esforzo extra. Non nos podíamos equivocar, pero tivemos a sorte de que a xente que se incorporou en xaneiro deunos moito e ao final logrouse o obxectivo.

E como se acerta con tantas limitacións económicas?
É unha cuestión de moito traballo, de botarlle moitas horas. Se no verán é difícil, en xaneiro moito máis porque xa quedan poucos xogadores. Miramos moitos informes, estatísticas,... Ao final fómonos quedando cos que nos parecía que nos podían dar algo e logo aínda quedaba o filtro económico, que é outra dificultade moi grande. Con cartos é todo máis fácil, así que aquí temos que facelo a base de moitas horas de traballo e moito sacrificio.

E pensou que podían facer unha segunda volta tan boa?
Hai que ser sincero e ninguén pensaba que podíamos facer semellante segunda volta, pero tanto Alberto coma eu somos moi cabezóns e nunca nos rendemos. Xa son varios anos vivindo isto e sabemos que se te rendes, estás acabado por completo. Estas temporadas estannos demostrando que hai que intentalo sempre ata o final. 

Cales foron as claves desta permanencia?
Traballo, traballo, traballo, compromiso e crer. Nunca tiramos a toalla e iso que pasamos grandes dificultades. E logo os rapaces foron crendo pouco a pouco que podían competir contra calquera e acabaron chegando os resultados. Ao mellor outros equipos teríanse dado por vencidos con 14 puntos na primeira volta, pero nós non o fixemos e ao final conseguimos o premio.

E agora toca pensar no futuro. Xa traballa no vindeiro curso?
Si, acabamos o domingo e o luns xa tiven oito ou dez chamadas de representantes ofrecendo xogadores. Falei tamén cos nosos xogadores, pero sen saber o presuposto non te podes arriscar e ofrecer o que non vas ter. Agora ábrese un período de 15 días para barallar varios puntos e seguro que se irán avanzando cousas, pero as dificultades económicas son moi importantes e non pecharemos temas ata ter o presuposto. O bo é que esta vez non temos que esperar a que se resolvan os arrastres e podemos ir traballando antes e con máis calma. Ter que esperar 45 días a saber se permanecemos ou non, como lle vai pasar ao Rápido de Bouzas, significa irse case a xullo e iso trastoca moito os plans.

Gustaríalle que continuara Alberto López?
Alberto e máis eu temos unha grande relación e, ademais de presidente e adestradores, somos grandes amigos e ímonos axudar siga ou non siga. A súa continuidade e do seu corpo técnico vai depender tamén moito do presuposto. Continúe aquí ou non, sempre lle desexarei o mellor porque penso que ten moito mérito o que fixo no Viveiro nestes dous anos. 

Cre que merece unha oportunidade máis arriba?
Oxalá a teña, porque sería algo que me alegraría moito. Creo que el tamén renovaría encantado aquí, pero as condicións económicas son un lastre. Se non segue, adestrador seguro que imos atopar sen demasiado dificultade porque adestrar na Terceira agora mesmo é un luxo do que só poden desfrutar 18 técnicos, pero a miña preferencia sería que seguira Alberto. 

Irase a maioría do plantel ou hai opcións de que continúen?
Reunímonos cos rapaces e a maioría están encantados aquí, pero moitos viñeron de moi lonxe e un ano fóra da casa custa moito. Hai que agradecerlles o esforzo que fixeron, porque hai que botarlle peito para apostalo todo ao fútbol e virse a 1.000 quilómetros das súas familias e amigos, pero practicamente temos que facer un equipo novo todos os anos porque non se pode facer doutra maneira.

Ademais, non será doado reter a futbolistas como Nacho Puente, Manu Martín ou Gamarra, que fixeron unha grandísima temporada e terán moitas mozas no mercado?
Ese é outra tema que complica que poidan seguir algúns xogadores. Fixeron unha gran temporada e ganaron a pulso todas as ofertas que reciban. Van recibir moitas ofertas de Galicia e de fóra. Estou seguro que algún xa ten hoxe algunha que triplica o que lle estabamos pagando aquí e pode que incluso manexe algunha de 2ª RFEF. Alégrome moito por eles e a todos aqueles xogadores que defenderon o escudo do Viveiro a morte, e sen ser de aquí ademais, hai que axudarlles a voar. Xa digo, moitos quedarían encantados aquí porque estiveron a gusto, pero hai que darse conta que o seu porvir está en ir subindo chanzos no fútbol.

Tocará reinventarse de novo.
Si, totalmente, pero creo que imos ter unha vantaxe que hai que aproveitar. Estanme chamando moitos representantes porque saben que a Terceira galega é unha das máis fortes de España e que no Viveiro estamos dándolles oportunidades a rapaces novos. Ven que os xogadores poden facer un nome aquí, revalorizarse, como lles pasou a moitos esta temporada, e que van ter moitos minutos na categoría. E nós temos que intentar sacarlle rendemento e a esta cuestión. 

E como valora a temporada dos xogadores da casa?
Os da casa para min este ano foron dos máis importantes porque cando houbo que dar o dó de peito, fixérono. Nos momentos máis duros estiveron sempre aí apoiando e facendo grupo. Iso é de agradecer tamén. Tiveron un protagonismo moi grande porque á hora da verdade arrimaron o ombreiro.

A nova grada de animación tamén foi un activo importante?
Fixemos 44 puntos e non vou dicir un número, pero moitos puntos débense a eles. Había moitos anos que non se vivía un ambiente así en Cantarrana e é importantísima a identificación deses rapaces co equipo. Tamén lles temos que estar moi agradecidos. 

Conseguiuse a mellor clasificación histórica deste século e todo iso é mérito dos xogadores e do corpo técnico

En cambio, a suspensión da subvención do Concello de Viveiro supuxo un furado importante nas arcas do club?
Este ano superamos moitos temporais e moitos tsunamis, pero conseguimos chegar ao final do camiño. Do Concello estabamos recibindo 20.000 euros entre o primeiro equipo e os conxuntos de base e pasamos a ingresar cero euros no último ano e medio. O noso foi unha economía de guerra total e vai seguir sendo así. Temos que estarlle moi agradecidos aos socios, e especialmente aos que aceptaron adiantar en xaneiro a cota da vindeira temporada, que serían un 70% do total. E tamén aos patrocinadores e colaboradores que incrementaron o esforzo que xa viñan facendo para botarnos unha man. Temos que seguir facendo os presupostos con lupa. 

Este ano haberá amigables de verán con equipos de superior categoría?
Agardo que si. Xa estou traballando nese tema e esta semana teño unha viaxe na que espero ir pechando algunha cousa. 

Volverá o Castilla a facer unha pequena concentración de temporada en Viveiro?
Vou intentar que volvan. O Castilla sempre nos bota unha man, polo que tamén hai que estarlles agradecidos. Ao igual que co resto de equipos galegos. Tamén conto que o Deportivo, o Racing de Ferrol ou o Lugo volvan pasar este verán por Cantarrana. 

Co ascenso do Deportivo, será máis difícil que poidan vir este verán?
Estou traballando niso. Só podo dicir que tamén era moi difícil manter a categoría e ao final fíxose. Imos intentalo ata o último momento, aínda que despois ao mellor non sae como un quere. Imos traballar para ter a maior cantidade de amigables posibles en Cantarrana.