Arqueólogo focego

Luis Cordeiro: "As ferramentas dixitais modernizan a arqueoloxía"

Os arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro están a investigar unha nova tipoloxía de xacemento en Galicia
Luis Cordeiro. J.M. PALEO
photo_camera Luis Cordeiro. J.M. PALEO

LEVA UN terzo dos seus 45 anos asentado en Ourense, aínda que continúa empadronado en Foz porque se resiste a volver a súa terra como veraneante. Un lugar do que saíu para estudar Historia, unha carreira que o foi levando cara á arqueoloxía e estivo en escavacións por toda a comunidade. Un dos seus últimos traballos é sobre os círculos invisibles, uns xacementos da Idade do Bronce descubertos na Galicia do século XXI grazas ás ferramentas dixitais.

Como se pode definir que son os círculos invisibles?
Son unha nova tipoloxía de xacemento que se descubriu en Galicia en 2006 a partir da excavación da Roda en Barreiros, que inicialmente estaba catalogada como un castro, pero as datacións co carbono 14 deron como resultado unha cronoloxía anterior, que o sitúa na Idade do Bronce final.

Debe ser algo incrible para os arqueólogos descubrir algo así.
A sorpresa foi grande, si, e máis porque era a primeira vez que aparecía un xacemento deste tipo. Era normal que se confundira cun castro porque tiña esa morfoloxía pero cando se viu que no interior non apareceron estruturas habitacionais e despois coa cronoloxía, o que saíu á palestra foi unha nova tipoloxía de xacemento.

O de Barreiros foi o primeiro de moitos outros por toda Galicia.
Pouco despois escavouse o xacemento de Ventosiños, en Lugo, cunha cronoloxía similar e xa máis recentemente houbo unha intervención en Traba e actualmente en Lalín, que parece que ten unhas pautas similares aínda que hai que esperar que as datacións cronolóxicas o confirmen, polo que hai que ser cautos.

As estruturas líticas semellan ter función de carácter funerario ou ritual

Na comarca, hai tamén constancia de varios, media ducia segundo Mariña Patrimonio.
A partir destes modelos foron catalogados dous máis en Cervo (Mourisca 1 e Mourisca 2) e o de Lavandeira (Xove). É moi importante pór en valor o traballo feito por esta asociación, que ten localizados outros posibles recintos.

Son círculos perfectos?
A tendencia é circular, pero nalgúns casos tende a un óvalo. As dimensións son variables pero a maioría están entre os 45 e 65 metros, aínda que moitos a nivel de campo non son perceptibles porque están bastante arrasados polos usos agrarios, ao que axudou ademais que o perímetro que o bordea non era moi alto, de aí a denominación de invisibles.

E como chegan a detectalos?
Ás veces só é posible con visores dixitais e con estas ferramentas podemos ver na orografía do terreo restos de estruturas que semellan ser antigas. A arqueoloxía vai actualizándose en función dos datos que imos tendo e coas ferramentas da actualidade, tamén o xeorradar ou a fotogrametría, van aparecendo máis cousas. Os círculos son unha gran novidade pero continuamente a arqueoloxía está renovándose e modernizándose, como a sociedade, porque vive no seu tempo.

Que función tiñan?
Polos datos recollidos parece que teñen un carácter funerario pero sobre todo ritual. Temos só indicios, porque neste caso non podemos traballar con fontes escritas que nos poidan dar máis pistas sobre sociedade, modo de vida ou crenzas.

Están relacionados con henges británicos?
O da Roda de Barreiros vinculouse polas similares características que presenta co henge británico, pero falamos dun espazo xeográfico diferente e unhas peculiaridades que precisan que se lle dea unha denominación diferente, porque aínda que de aspecto morfolóxico son similares as cronoloxías son distintas.

Comentarios