"O Lugar da Feira do 13 conserva a esencia do encontro social"

Borja Rego Cao, estudante e secretario da asociación cultural O Castelo de Alfoz, elixe este lugar da parroquia de Carballido como o seu recuncho no concello 
Borja
photo_camera Borja Rego, a carón do río Ouro ao seu paso polo Lugar da Feira do 13. JM PALEO

Di o refrán que ‘Nace o corvo na pena e tira para ela’ e no caso de Borja Rego Cao, estudante e secretario da asociación cultural O Castelo de Alfoz, é ben certo porque sendo da parroquia alfocense de Carballido tira para a casa e elixe o Lugar da Feira do 13 , a carón do río Ouro, como o seu recuncho preferido en Alfoz. "Xa ía alí de pequeno porque era o sitio no que nos reuníamos a pandilla para xogar e facer trasnadas", asegura e recoñece que o lugar segue mantendo co paso dos anos a esencia de lugar de reunión que tivo dende sempre para o pobo, porque segue a ser o punto onde se celebran moitas das actividades da parroquia. 

"Sempre foi un sitio para xuntarse, xa fai anos o día 13 de cada mes se celebraba unha feira de gando e un mercado que era un sitio de encontro social para a xente", explica. Esta é unha feira que se recuperou en 2018 da man da asociación de veciños San Sebastián no mes de xuño facéndolle coincidir coa que chamaban ‘a feira das cereixas’ porque era na que se vendía esta froita. Este ano volveu encher de xente o Lugar da Feira 13 despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia. 

Pero non é esta a única actividade que acolle o lugar, aínda que quizais si a máis representativa: "Tamén acostuma a ser un sitio no que se fan todo tipo de actividades na parroquia, por exemplo este verán houbo unha festa acuática para os nenos e é o sitio idóneo porque o río alí é tranquilo e non leva moita auga". 

Borja recoñece que nos últimos anos arranxaron a zona para facela máis funcional e que os veciños podan facer un mellor uso dela. "Dame moito gusto vela así reformada porque é o lugar de sempre, pero mellorado e pódense desenvolver alí moitas máis actividades dun xeito cómodo".  Agora está acondicionada unha área recreativa e un parque para os nenos "e tamén hai árbores que dan sombra e resulta agradable pasar alí o día". 

Un lugar máis para coñecer en Alfoz fóra dos sitios habituais.