Lucía Ferro: "Escribín unha novela negra, pero con humor e personaxes normais"

Esta escritora de Barreiros acaba de rematar 'En Brandán', a súa segunda novela, esta de xénero negro pero que se desenvolve nunha contorna que podería ser unha vila calquera cuns personaxes calquera. Preséntaa o día 16.
Lucía Ferro, co seu libro 'En Brandán'. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Lucía Ferro, co seu libro 'En Brandán'. JOSÉ Mª ÁLVEZ

É o seu segundo libro. Está satisfeita de como lle quedou?
É unha sorpresiña que é un pouco especial. Os lectores cero que o leron poderían dicir onde recae esa sorpresa, pero si dicir que xogo moito máis coa linguaxe, coas posibilidades que dá para crear máis misterio e unha sorpresa fóra do común. Creo. 

E que pode contar a conta do libro sen que os lectores teñan demasiada información que lles estrague a lectura?
Sobre o libro, pois dicir que é unha novela negra no que é a estrutura e o seu desenvolvemento argumental. Pero despois, a maiores, ten bastante humor, os personaxes son moi normais, son xente que atopas nun pobo, nunha vila. Entón tamén atopas unhas conversas máis naturais, cun algún tabú que outro que ou ben se fala directamente ou ben se deixa entender. E logo ten tamén de parte curiosa que dá un aire a obra de teatro, porque cando comecei a escribilo fun poñéndome a min mesma o reto de mellorar as conversas. Así que empecei centrándome máis aí e digamos que iso acabou por facer que sexan o que ten máis peso no libro.

É curioso que se meta nun xénero tan particular como é o da novela negra...
Si, a ver... Din que son como unha muller do Renacemento, porque lle dou a todo. Pero eu mesma xa non leo nunca dous libros iguais. Teño lido novela negra, pero non moita especialmente. O que pasa é que si que me parece que a día de hoxe é un formato moi cómodo para levarlle á xente certos temas que ó mellor non teñen tanto interese neles. Así que deste xeito podes buscar e formarte sobre estes temas e por iso fixen uso deste xénero. Foi máis... coma un método de transporte.

A novela negra caracterízase por empregar unha serie de códigos que están bastante ben definidos. Cinguíuse a eles á hora de afrontar a escritura do libro?
O libro está feito á miña maneira. Non seguín ningún tipo de regra. Do mesmo xeito que na anterior si que seguín un patrón máis xenérico, desta volta, non. Tamén é certo que daquela, ó ser o meu primeiro libro, precisaba ter certo apoio para ir sacándoo adiante. Neste xa me fun deixando levar segundo a miña intuición. E se hai algúns patróns, igual son por causalidade.

Ten un título curioso desde o punto de vista lingüístico. Que pode dicirnos del?
O título ten unha razón de ser que basicamente é a referencia ó pobo onde transcorre case toda a novela. E aínda que hai un par de personaxes que son os que levan a voz cantante para contar os sucesos que acontecen, trátase dun libro con moitos personaxes distintos, e todo para contar o tipo de dinámica que hai neste pobo. Porque ó final o que se conta, en realidade, é o que ocorre en Brandán durante, basicamente, como catro ou cinco días nada máis. Dende un sábado a un martes.

Como xa é a súa segunda novela, que diferenzas fundamentais atopou entre a escrita da primeira e a desta?
Algo obvio é a confianza en min mesma. O feito de saber que vou chegar ó final. Teño que dicir que esa era unha dúbida que tiña na anterior, non estaba para nada segura de que fose ser quen de rematala. E despois, que como tiña o reto de centrarme máis en condensar máis a información que se recolle, pois digamos que en lugar de contar as cousas máis destendidamente, fágoo con moita máis precisión. E logo, permitinmne pasar máis tempo preparando os personaxes. Pensei moito máis os detalles. Dinlle máis voltas ó que están a facer nos momentos precisos que no feito de escribir o argumento propiamente dito. Está enfocada dese xeito.

Sendo iso un cambio fundamental, con cal dos dous procesos desfrutou máis mentres escribía?
Penso que desfrutei máis escribindo a segunda, porque xa tiña esa confianza en que algo entretido son capaz de escribir. Así que agora quixen facer algo do que sentirme orgullosa.

E desde un punto de vista práctico, o que queira facerse con En Brandán, que ten que facer?
Por agora está en Amazon e tamén estou eu preparándome para poder vendela desde a miña propia páxina web. Penso que isto pode ser interesante porque ó mellor hai xente interesada en ter os exemplares asinados. Ademais, vou repartilo polas librarías que estean interesadas, que na comarca da Mariña serán máis ou menos as mesmas que co libro anterior. Xa teño na web que calqueira libraría interesada pode contactar conmigo e fareille chegar os exemplares para a venda

Comentarios