martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

"Doce Lecer é un local con moita vida e cheo de bonitas historias"

Dori e Tata, de Doce Lecer, que acabar de recibir un Solete da Guía Repsol. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Dori e Tata, de Doce Lecer, que acaba de recibir un Solete da Guía Repsol. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Somos Tata e Dori e hai seis anos que nos aventuramos por un modelo de negocio no que ofrecer produtos caseiros doces e salgados, pero o Doce Lecer é máis que iso. Temos un local con moita vida e con moitas historias que vén de ser recoñecido cun Solete da Guía Repsol, o que é unha satisfacción

Cantas veces lles dixeron que estaban tolas?
Moitas (risas), pero a xente que nos coñecía sempre confiou en nós e veuse que era acertada a nosa idea de negocio e nós sempre crimos no noso proxecto e puxémoslle toda a ilusión, paciencia e moito amor.

E iso que viñan ambas de traballos en cousas que nada tiñan que ver. Xa eran de andar con masas?
Tata si, pero eu nada, e nos cursos que fixemos antes de abrir non ía de cero ía, de menos 20 —di Dori, sete anos menor ca súa irmá—. A idea inicial era que Tata se adicara ao obradoiro e eu a atender fóra, pero intercalamos os papeis para non acabar queimadas.

Tata e Dori, donas de Doce Lecer. JOSÉ Mª ÁLVEZ

E só están as dúas para todo?
Agora si, antes da pandemia tiñamos empregadas, pero coa incertidume decidiron buscar outros traballos, normal, e nós tamén decidimos darlle unha volta e pasamos a pechar pola tarde e imos seguir así, coa opción de reservar o local para xente que necesite facer algo e non teña espazo; por exemplo en decembro vai haber charlas de nutrición, contratouse para merendas ou para xente que tivo un bebé e apostou por recibir aquí aso seus amigos.

Niso dos horarios sempre foron moi vangardistas, case que revolucionarias en Burela?
O noso negocio é moi importante pero a nosa calidade de vida tamén e para poder levar un negocio con ilusión e con ganas tes que ter vida e cos horarios da hostalería sería imposible.

O noso negocio é moi importante pero a nosa calidade de vida tamén

Un negocio que costa definir, porque é a suma de moitas cousas.
Así é. Non somos pasteleiras nin camareiras e ofertamos un conxunto que vai máis aló do noso produto. É un local con moita vida e moita historia, aínda que en decembro faremos só seis anos, pero hai moitas historias moi bonitas ao redor que nos enchen de ilusión.

Cóntenme algunhas 
O rapaz que nos fixo o logo, Óscar Villarquide, fixera Belas Artes, pero traballaba no porto e costoumos convencelo e empeñámonos en que o fixera el e foi un empurrón e agora dedícase á arte; a exposición que temos agora é de fotos de Paco López, un afeccionado que ten un don e xa nos dixo que foramos as culpables de que fixera outras mostras. Tamén gustou moito a de Pilar Casabella, que empezou a pintar a raíz de pasar moito tempo na casa por un cancro e nestes días temos á venta figuras de Nadal feitas pola asociación Camiña.

Dámoslle preferencia á terra, o feminino e o natural

Falemne do seu produto
Temos un repertorio fixo que nos funciona moi ben como as galletas, a torta de queixo, a de cenoria ou as roscas, e outras que imos experimentando co fin de ofrecer un postre á medida do cliente, aínda que o noso forte seguen a ser os almorzos. Temos un obrador modesto e moitas veces non podemos coller todas as encargas; de feito, xa temos para o Roscón de Reis porque só podemos facer 30 ao día.

Traballan con Quilómetro 0?
Tratamos de que o produto que non é feito por nós sexa local e senón galego. Dámoslle preferencia á terra, o feminino e o natural.

"Doce Lecer é un local con moita vida e cheo de bonitas historias"
Comentarios