"Levámola correr por sitios onde non haxa xente"

Ter este exemplar fixo que Sonia Vidal tivese que facer un test psicolóxico e un seguro, aínda que nunca viron que tratase de atacar
Sonia Vidal, coa súa parella e con Hela, en San Cibrao. M.A.N.
photo_camera Sonia Vidal, coa súa parella e con Hela, en San Cibrao. M.A.N.

Cando o rapaz que acolleu a Hela lle dixo ao seu dono orixinal que ía poñerlle unha denuncia se non a coidaba, este contestoulle que podía levala se quería. E así foi. El tiña outros cans, vivía en Cervo e púxoa en adopción definitiva ao non poder facerse cargo. A viveiresa Sonia Vidal Cervo foi coñecela e decidiu acollela cando contaba uns oito meses. "Como a collemos cuns meses, fomos un par de meses a un adestrador para que nos dese unhas pautas, para aprender a controlala, xa que tiraba moito da correa á hora de saír pasear".

Conta que é un cruce de pitbull con outra raza que descoñece. É de tamaño mediano, pesa 27 quilos e di que "é moi boa". Sonia Vidal tivera de nena cans —sempre de tamaño grande—, pero este é o primeiro de seu. "Sempre me gustaron moito e cada vez máis. Tiñamos finca pechada e sacábamolos pasear ao monte "Levámola correr por sitios onde non haxa xente" ou á praia para que corresen e fixesen exercizo". Nunha saída ao campo rompeu unha unlla e dende aquela tentan que non lle medren moito: "Cúrvanse moito e levámola para que lle recorten as puntas".

Sobre o seu estado, di que "está coma un touro, necesita facer moito exercicio, levámola correr a sitios onde non haxa xente. Recordamos tamén os adestramentos, sobre todo exercicios de obediencia, que estea queda, sentada, lánzolle a pelota, fágolle vir onde estou. É moi obediente", subliña. A súa máxima recompensa consiste en tirarlle a pelota ou un pau cando xogan con ela, e cando van a unha terraza soen darlle algún chuche. Na casa danlle o pau de dentes para manter a dentadura en bo estado.

Hela come un prato combinado de arroz con carne picada, que a súa dona mistura na tixola cuns ovos e logo co penso.

O feito de que sexa un exemplar de raza perigosa obrigounos a facer un psicotécnico —test psicolóxico—, necesario para obter a licenza e tamén fixeron un seguro. A cadela xa tiña chip, pero había que cumprir unha serie de requisitos, como que estivese nunha contorna segura. "Cando saímos polo pobo vai con correa e cunha boceira. Nunca vimos que tratase de atacar a alguén. Penso que son moi bos cans para ter nun piso ou nunha casa, é moi raro que fagan algo dentro, pis ou caca, a non ser que estea mala da tripa. É moi cariñosa, o único que quere é xogar".

Comentarios