En compañía de animales

Lara López Leytón: "Xestionar un hotel con mascotas é difícil ás veces"

A focega di que admitir animais supón un esforzo para o seu negocio ao ter que reforzar a limpeza, pero é un valor engadido
Lara Lopez Leyton y Chula-EP
photo_camera Lara López Leytón e Chula. EP

Lara López Leytón é a xerente do hotel restaurante Leytón de Foz, un establecemento amigo das mascotas, que ademais estes días está de actualidade pola organización da oitava Xuntanza de Solteiros da Mariña prevista para este sábado 11. É unha idea que a responsable do negocio pensou hai case vinte anos cando volveu de Londres. "Pensei que todo era para os Namorados e con tanta xente guapa sen parella que hai na comarca, por que non facer unha xuntanza de solteiros".

Lara di que o tempo que pasou fóra fixo que apreciase máis o da casa. Estes días está enfaenada, organizando todo, dende a ubicación da xente nas mesas segundo a súa idade ata os mínimos detalles. "Estou a tope, quero que a xente se divirta. Xa somos máis de 150, quedou moita xente fóra porque prefiro que o encontro sexa máis pequeno e saia ben, porque se xuntas moita xente non chegas a coñecer a tódolos comensais, así é máis cercano. É unha cea baile animada polo dúo Época, que terá unha zona First Dates e moitas sorpresas". 

O evento destila amor, unha emoción que a esta focega lle fai sentir a súa cadela Lúa, de cor lume, que segue con ela logo da recente morte da terrier Chula, que tiña 13 anos e pasou de vella. "Eran complementarias, Lúa empuxábaa a correr coa súa enerxía", lembra. Ten oito anos, pedigrí, chip e pasaporte, polo que pode viaxar con ela. Lara non quixo castrala, "sempre quixen darlle a oportunidade que eu non tiven, pero as dúas xa perdemos o tren", comenta ríndose.

O Leytón atópase entre os primeiros hoteis de España que admitiu mascotas. "Meu avó nos anos 1950-60 tiña unha labradora, era Laika que saudaba a tódolos clientes como se da recepcionista do hotel se tratase. Dáballes a pata aos clientes".

A convivencia continua con animais fai que Lara estea concienciada sobre os abandonos.  Sinala que esa sensibilidade vén de "cando nos anos 60 se abandonaban os cans nos Seat 600 e nos Simca, deixábanos tirados na cuneta porque non cabía un máis na familia".

Lara di que o ano pasado foi "tremendo" o número de persoas que trouxeron con elas aos seus animais de compañía. "Xestionar un htoel con mascotas é difícil ás veces, hai cans de tódolos tamaños, uns fan ruido, outros non". Por iso, a súa presencia supón un custo para o hotel, porque "hai que facer unha limpeza máis a fondo, pero tamén é un valor engadido", considera.

O hotel ten normas, como que non poden deixalos sós na habitación cando saen á praia. "No restaurante fixemos a proba, pero á hora das comidas non poden entrar, outra cousa é o almorzo, porque non todos veñen educados", aínda que recoñece que "ás veces son máis educados que as persoas". Non permiten cans ladrando no restaurante, teñen que estar sentados e póñenlles o seu canapé, un cunco de comida e auga. "Ninguén sabe que hai un can no restaurante".

A hostaleira reclama maior sensibilidade. "Cando cando imos de vacacións non podemos deixalos sós, porque na casa dannos tanto agarimo, hai que darse conta do que nos axudan, nos rescates, o valor emocional, cando acompañan aos doentes nos hospitais", enumera.

Historia de amor
Esta york shire ten apelido. Lara ía buscar uns peixes e na tenda de Fauna tiñan uns cans soltos. "Ela era a última de todos e escolleume a min nada máis abrir a porta. Pregunteille: A onde vas golfa?. Custaba 400 euros e paguei a prazos. Unha vez no colo xa non puiden deixala, saiu boísima, é amor incondicional, moi sociable".

 

Comentarios