Monteagudo: "O labor cultural de Del Riego hai que entendelo tamén nun sentido político"

Unha vintena de alumnos participan dende este lunes ata o mércores en Lourenzá no curso de verán da Uinversidade de Santiago Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, que se realiza baixo a dirección do académico e catedrático da USC, Henrique Monteagudo. 
Henrique internet
photo_camera Henrique Monteagudo. RAG

Lourenzá, vila natal de Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, alberga dende hoxe e ata o vindeiro mércores un curso no que preto dunha vintena de especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra deste autor desde distintas perspectivas. 

Neste curso abordarase a figura de Del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor. Unha análise completa. 
Si. El foi un persoeiro moi polifacético e central na cultura galega do século XX. Procuramos abranguer os distintos aspectos da súa traxectoria e da súa obra. Foi escritor, pero tamén intelectual e activista e como tivo unha vida tan longa e sempre activa, estamos cubrindo unha traxectoria moi ampla. 

Nunha vida case centenaria, pódense identificar as súas facetas con épocas concretas?
Foi moi polifacético dende o comezo, o que pasa e que os contextos históricos empuxárono máis cara a un lado ou cara outro dependendo das posibilidades que había. Por exemplo, na República claramente era un dirixente das mocidades galeguistas, na primeira dictadura destaca polas súas publicacións en prensa, cando empeza con Galaxia ten o papel de editor e como referente da cultura galega foi sobre todo nas décadas dos 50,60 e 70. Foi unha persoa que sempre estivo adaptando o seu servizo á cultura galega e ao país a cada momento histórico cun compromiso total e cun traballo moi eficaz. 

A faceta que máis chegou á sociedade actual foi a cultural?
O que sería a parte central da súa vida viviuna baixo o Franquismo e para aqueles intelectuais foi vivir baixo un réxime que os perseguía, que calquera iniciativa que tomaban era sempre a contracorrente, entón decidiron que a resistencia cultural era fundamental nese momento e eso determinou moito o legado que don Paco nos deixou no eido cultural. Pero é un labor cultural que el entendía, e que nós temos que entender tamén, como un labor que ten un sentido político no sentido máis amplo da palabra, de labor cívico e de facer país. 

Como influíu a súa idea de Galicia na Galicia actual?
Temos que pensar que a autonomía que temos hoxe é o resultado do esforzo e dos soños da xente que a concebiu na República e aí estaba Del Riego. Claro que cambiaron moito os contextos históricos, pero no fondo a idea de que Galicia tiña que ter autonomía e un autogoberno non a entendía moita xente e tiveron que pelexar moi forte e iso xa forma parte do legado histórico de Don Paco. 

É suficientemente coñecida a figura de Del Riego en Galicia?
No mundo cultural e intelectual si, pero na sociedade no seu conxunto non tanto. Tamén é verdade que el faleceu moi maior e levaba tempo sen ter a presenza pública que tivera antes. A sociedade galega ten un déficit no coñecemento da súa propia historia e don Paco merecía ser máis coñecido. 

"Unha das grandes satisfaccións que tiña era ver a xente nova comprometida con Galicia"

Como está presente Lourenzá na súa vida?
Era un home moi apegado ás súas raíces e era moi consciente do lugar onde nacera e se criara. O groso da súa vida non o pasou en Lourenzá, pero sempre a tivo presente. As raíces sempre son moi importantes, sobre todo cando gardas unha fidelidade a elas como foi o caso de don Paco, así que Lourenzá está presente no sustrato de como el viu Galicia e o mundo porque nesa infancia e primeira mocidade conformase a maneira de ver a vida. 

Cal é o seu Del Riego particular?
Tiven a fortuna de coñecelo persoalmente, así que teño unha visión moi persoal del como unha potencia humana, cunha capacidade de traballo extraordinaria e con moita alegría de vivir. Víalo como unha persoa maior, pero con moita enerxía. Representaba esa vontade de sacrificio que tiña esa xente pola país, pero alegremente e con fe no futuro. Durante a dictadura chegaron a pensar que aquilo ía acabar coa súa idea de Galicia, por iso unha das súas grandes satisfaccións era ver a xente nova comprometida co país. 

Comentarios