José García Rodríguez: "Estou moi ledo de facer historia e de ter recibido tantos apoios"

Son un rapaz de 19 anos do Campo da Cabana de Foz, un lugar onde adoitaba xogar de pequeno cos nenos do barrio. Dese tempo conservo a miña mellor amiga, Fátima Novo, que será unha das miñas damas xunto con Ainoa Fanego. As dúas acompañaranme na aventura de ser o primeiro rei do Entroido de Foz, algo que me fai moita ilusión.

José García Rodríguez. JOSÉ Mª ALVEZ
photo_camera José García Rodríguez. JOSÉ Mª ALVEZ

O rapaz podería pasar á historia local como José I, rei de Foz. Un título que máis aló de ser algo festeiro agocha a simboloxía de ser o primeiro home que desfilará no alto da carroza do Entroido, unha das principais festas da localidade. Unha tradición que se rompe polas boas, feito polo que José asegura que só recibiu parabéns. «Foi moita a xente que me apoiou», confesa abraiado.

Que lle supón ser o primeiro rei do Entroido?
Pois o primeiro unha gran alegría, porque eu son un namorado do Entroido de Foz e disfrázome dende sempre, así que estou moi contento de ter sido escollido, pero tamén significa moito para min a gran cantidade de apoios que recibín da xente, que me está a demostrar moito cariño, por ser o primeiro rei, que me din que xa ía sendo hora.

E non houbo ninguén que criticara a perda das tradicións?
A verdade é que non, a min todos os comentarios que me chegaron foron positivos de que era bo que se intercambiaran os papeis e que xa estaban cansos de que fora unha muller a representante da festa.

Para a coroación do sábado hai lista de espera porque é xa todo un acontecemento. Está todo previsto?
Si, todo en proceso e imos os tres, eu e máis as damas, disfrazados da mesma temática e coas mesmas cores, pero prohibido adiantar nada. Logo non insisto co modelo do desfile, será tamén ‘top secret’. Tamén está perfilado. A ver o resultado! O que si che adianto é que imos sorprender porque son traxes moi diferentes ao que se fixo ata o de agora.

Debe ser difícil porque xa son moitos desfiles.
É complexo elixir o modelo, pero non só para o desfile, senón para saír o resto dos días, porque todo Foz xa foi de todo.

Xa terá ganas de que chegue o 10 de febreiro, día do desfile.
Pois por unha parte si e por outra non, porque temo que en canto subamos á carroza vai pasar todo moi rápido. Xa me dixo a raíña do ano pasado que desfrutara desde que me escolleron porque logo pasa.

Unha raíña que pertence á súa mesma comparsa, Sen Xeito, das máis laureadas do desfile de Entroido e das máis numerosas. Como se organizan tan ben sendo máis dun cento de persoas e de idades diversas?
Temos unha directiva que se encarga de todo, pero o certo é que como a todos nos gusta tanto o Entroido cada un pon o seu grao de area para que todo vaia para adiante. O modelo escóllese por votación entre os varios que se presentan como posibles e logo os tocados facemos cada un o seu e xa levamos tempo ensaiando os bailes para que todo saia perfecto. A verdade é que somos todos unha gran familia.

Sempre se disfrazou?
Dende sempre, empecei da man da miña irmá, que é maior ca min, e logo cos nenos do colexio, o Número 1, no que estudei a primaria, para despois pasar a formar parte da comparsa Sen Xeito, coa que saio nos últimos desfiles.

Recorda algún disfrace ao que garde especial cariño?
Pois un de Charlie Chaplin co que me disfracei con tres ou catro aniños, que me fixo a miña nai, como todos os que levamos sempre a miña irmá e máis eu. Recordo que era xenial, aínda que eu pedira ir de Peter Pan, como ían a maioría dos nenos ese ano.

Como se recorda de neno?
Pois, como un neno feliz e extrovertido e tamén algo traste, ao que lle encantaba xogar no calexón preto da casa na que vivo, no barrio do Campo da Cabana, onde daquela saiamos xogar xuntos os nenos e as nenas que eramos veciños da zona, entre os que conservo bos amigos.

Na súa casa séguense a disfrazar todos?
Si, agás o meu pai, a quen non lle gusta nada. Na miña casa é acabarse o verán e non oírse nada máis que a máquina de coser, pero é algo que se vive en moitos fogares de Foz, porque se remata un Entroido e xa estamos a pensar no seguinte e saes á rúa e todo o mundo está co mesmo, porque o Entroido de Foz é bo tamén para o comercio e para a hostalaría.

Que ten o Carnaval en Foz para que guste tanto?
Eu creo que é porque o vivimos dende pequeniños. O Entroido é como unha adicción, métente a primeira vez nun desfile e logo xa non queres saír (risas), así que animo a todo o mundo a que non falte á cita do 10 de febreiro en Foz, porque lle vai encantar o noso desfile e a nosa festa e estou seguro de que todo o que vén unha vez, seguro que repite.

Comentarios