Karina Parga Chao: "Sen o estímulo das familias, non se consegue educación inclusiva"

Neste momento de cambios no sistema educativo, a profesora de lingua francesa e responsable da biblioteca do IES Perdouro de Burela defende unha escola comprometida coa cohesión social. A docente explica tamén como era o ensino cando ela se criou na Borgoña francesa
Karina Parga. LUCÍA RIVAS
photo_camera Karina Parga. LUCÍA RIVAS

Hai agora algo máis de 900 anos, un nobre de orixe francesa chamado Raimundo chegou á nosa terra e tan ben se sentiu nela que aquí formou a súa familia e mesmo se converteu en dirixente político entre 1093 e 1107. Asentou a base das posteriores relacións culturais entre as cidades de Lugo, Compostela e Braga coa Borgoña, como está de manifesto na poesía e na prosa medievais. Como este histórico personaxe, a protagonista desta entrevista, Karina Parga Chao, naceu neste departamento francés, dez séculos despois, para asentarse máis tarde en Galicia. 

Filla de emigrantes galegos, de Mondoñedo e de Abadín, veu a luz na cidade borgoñesa de Joigny cando seu pai levaba alí uns oito anos e a nai só tres. Naquela terra de acollida recibiu o cariño familiar e a formación académica desde o xardín de infancia á entrada na Universidade de Santiago de Compostela. Agora, con toda esa experiencia aínda latente, ten un destacado protagonismo na acollida e no acompañamento académico de mozos e mozas adolescentes recén chegados á nosa terra, como resultado da emigración. Por iso quixemos coñecer de primeira man a súa valoración.

Tendo en conta que é filla de emigrante e naceu nunha cidade con moita inmigración de diferentes continentes, como foi a súa educación para primeira infancia. Por exemplo, en que idiomas? 
Mentres fun bebé, fun educada en galego. Axiña recibín o francés, porque miña nai coidou de dous xemelgos da miña idade na nosa casa, e logo naceu tamén a miña irmá. Éramos catro crianciñas. 

Como foi a súa escolarización? A que idade empezou? 
Fun escolarizada aos 3 anos en infantil e logo pasei para o nivel de ensino primario. Tanto nun como noutro, era unhas das poucas estranxeiras. Na miña promoción só eu. De feito os meus compañeiros de xogos eran franceses. Xa no secundario, no patio había máis xente de fóra, de orixe europea —fundamentalmente portugueses, españois e italianos—. No instituto, a partir de cuarto de Eso, encontreime con alumnado magrebí. Na miña clase tiña un compañeiro de Marrocos. 

Como eran aqueles centros escolares? Eran de titularidade pública ou privada? Había reforzos escolares como existen hoxe no noso sistema? 
Eu sempre fun a centros públicos. 

E había reforzos? 
Non recordo con certeza, mais creo que non os había. Tampouco había clases particulares. Eu nunca fun a elas. 

Hai que dotar as escolas de equipos informáticos pare evitar unha fenda social por causas económicas

As comunidades emigradas viven entre dous mundos, o de orixe e o de acollida. Como recorda as primeiras visitas a Mondoñedo e a Abadín, sentíase estranxeira aquí e alí? 
Sempre viaxei a Galicia todos os anos. Sendo moi nena, ata os 3 anos, viña nos meses de inverno. Pero cando entrei na escola viñamos en agosto. 

Como se sentía? 
Realmente, en Francia sempre fun ‘española’ aínda que en ningún momento me fixeron sentir estranxeira. En Galicia, cando comezas a coñecer xente na etapa da adolescencia, sempre fun ‘a francesa’. Non era que eu me sentise estanxeira, mais ben que a xente de aquí sempre me preguntaba de onde era. O acento é unha marca moi forte. 

Tendo en conta que estudou na Borguña e que agora é ensinante na Mariña, cal é a diferenza entre a escola na que aprendeu e esta na que ensina, se a hai? 
Hai un cambio xeográfico —entre Galicia e a Borgoña—, mais tamén hai un cambio de xeración e iso é moi importante. O ambiente escolar aquí mudou moito e en Francia tamén. A primeira diferenza: o respecto total ao profesorado, tanto no colexio como no instituto. Os mestres eran autoridades e así mo transmitiron meus pais. Creo que isto se perdeu algo na actualidade. 

Máis alá da relación entre familias, alumnado e persoal docente tamén mudou a maneira de ensinar e aprender. 
Antes tiñamos moito que saber de memoria, mais aínda así teño moi bos recordos do sistema de ensino en Francia, agás na facultade. Hoxe tratamos de que o alumnado entenda o noso mundo e sexan críticos. Daquela non había relación entre as materias como pode haber hoxe cos proxectos interdisciplinares. Tiven a sorte de participar nun intercambio escolar con Inglaterra e deume a base perfecta para xustificar os beneficios do intercambio que ata o ano pasado organizaba con Francia como profesora. 

Apoiándose na súa experiencia como alumna e agora como docente, cales cre que son as claves para conseguir a promoción educativa e a inclusión social nos centros de ensino? 
Teño claro que non se consegue a inclusión social sen o respaldo das familias. As familias teñen que comprometerse coa formación dos seus fillos e fillas. Obviamente, tamén inflúe a ratio; que haxa grupos de vinte estudantes facilita que se poda chegar a todos. A masificación das aulas non favorece unha boa atención ás necesidades. Certo é que tamén ten importancia o método: traballar moito a comprensión lectora desde o principio é unha boa receita. Con todo, sen o estímulo familiar, todo é moitísimo máis difícil. Se se necesita un apoio individual ou clase particular, sempre debe ser individualizado. 

Coeducación. 
Evidentemente! Educar en convivencia, sempre. Traballo en equipo onde quen avanza máis rápido axude a quen ten máis dificultades. Sempre educación para a vida diaria: intercambios e viaxes interculturais para entender as outras culturas e ter un espírito aberto. Por iso é tan importante que os centros organicen actividades culturais ou deportivas extraescolares mixtas, con participación equilibrada de homes e mulleres. 

Seguindo a súa traxectoria, a pregunta sobre o uso das novas tecnoloxías —libros dixitais, vídeos, blogs, radio...— é pura retórica. 
Si, claro. O uso das novas tecnoloxías non implica que haxa que prescindir de recursos tradicionais que funcionan ben, mais é necesario dotar as escolas de material, de ferramentas informáticas para evitar unha fenda social motivada por causas económicas. 

Como pode o sistema educativo aplicar un enfoque intercultural de forma transversal? É isto posible? 
Vaia pregunta! Posible é, pero ten que haber un traballo de equipo por parte do profesorado para establecer as liñas de traballo. Para chegar a alguén que está aprendendo a aprender, temos que buscar referentes de todos os campos, dos países de orixe dos nenos para incluílos na práctica docente. E viaxar moito!

Comentarios