José Veiga: "Estar na Rede europea de Pascua influiu moito a nivel de difusión"

A Semana Grande da Paixón está en portas e xa están en marcha os preparativos desta cita viveiresa declarada de Interese Turístico Internacional hai unha década ► Dende aquela distinción (2013), a celebración non deixou de medrar e de promocionarse no estranxeiro 
Jose Veiga junto a los heraldos de la Semana Santa-JOSE M ALVEZ
photo_camera Jose Veiga junto a los heraldos de la Semana Santa-JOSE M ALVEZ

A engranaxe da Semana Maior de Viveiro está en marcha e o seu presidente da Xunta de Cofradías, José Veiga, "asinaría para que veña bo tempo e, como mínimo, haxa a xente do ano pasado". Veiga repasa a evolución da celebración e os proxectos para o futuro.

En abril cúmprense dez anos do recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Como influiu na celebración?

Influiu moito, tanto a nivel de promoción para que viñese máis xente, como económico, pois temos máis axudas. Cremos que foi para ben.

O patrimonio das cofradías segue a medrar. Sempre hai cousas que mellorar?
As cofradías están moi vivas todas, sempre teñen novidades, non imaxes, senón renovación de andas, estandartes e outras, retíranse as antigas vestimentas e tamén aumenta o número de hábitos porque participan máis nenos. Antigamente eran dos cofrades, pero hai anos que son as cofradías ás que os compran para deixarllelos aos cofrades.

Tamén aumentou a promoción no exterior, como está repercutindo?

Sí, antes buscabamos onde poder ir, pero agora chámannos, o feito de estar na rede europea inflúe moito a nivel promoción.

Que chama máis a atención?

O que máis chama a atención é o Encontro do Venres Santo. Poñemos os vídeos, coas imaxes articuladas que perdéronse en moitos sitios, e tamén do Desenclavo, que son os actos máis tradicionais e diferentes da Semana Santa daquí.

Traballan case todo o ano para estas datas.

Hai que estar todo o ano dun lado para outro, só paramos no verán, pero hai que estar sempre encima, porque as cofradías sempre teñen renovación de elementos, publicacións, a promoción, hai que preparar as exposicións.

Levan moito tempo os mesmos á fronte das cofradías.

Vai habendo incorporación dalgunha xente nova, pero a maioría empezamos nos anos 1990. Xa hai unha experiencia, unha bagaxe que axuda, sae rodado pola boa sintonía que hai entre todos.

As visitas á exposición permanente dos claustros de San Francisco siguen aumentando?

Vén moita xente, o vicepresidente está todo o ano recibindo grupos aos que lles amosa vídeos e explica. No último ano pasaron máis de 4.000 personas pola exposición, que levaron material promocional, funciona moi ben.

Que aportou a incorporación á Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua?

Agora na rede museística europea hai unha peza exposta por cuadrimestre, xa tivemos o Prendemento, a Piedade e o Santo Enterro. Axuda que a xente doutros países coñeza a exposición e o patrimonio de Viveiro.

Como van coa montaxe da carpa antesala dun museo?

Agora empezamos antes porque o sábado 25 acollerá o Certame de Bandas. Coa montaxe das imaxes empezaremos o mércores 29 para tela lista para o día 1 de abril. 

Cantas persoas traballan niso?

Somos uns 80 voluntarios de todas as cofradías, colaboramos todos con todos, axudamos todos na montaxe común de alumeado a ODS, que encárgase da decoración da carpa. Vén xente sen chamala e ponse a axudar, xente que nin coñeces, iso tamén é bonito; canta máis xente participe mellor.

Aínda demandan a creación dun museo sacro en San Francisco?

Estamos negociando coa Xunta para dispoñer dunha sala máis en San Francisco porque hai moito patrimonio gardado. En Viveiro non hai ningún museo e xa que temos a exposición alí, se podemos chegar a ter un museo con apertura diaria, mellor. A idea é ter un local máis axeitado e falamos co Concello para contratar unha persoa para recibir á xente que veña, entregarlle material e facer de guía, queremos seguir aumentando a exposición que xa temos alí.

Hai moitas novidades este ano?

As cofradías sempre teñen algunha novidade, algunhas teñen moito celo para que haxa unha sorpresa de última hora. No Prendemento temos renovación de vestiario.

Que pensa do cambio de percorrido da procesión da Misericordia?

É unha procesión que sae moi tarde na madrugada do xoves ao venres, cun percorrido longo, polo que acaba tarde, e ao día seguinte pola mañá é o Encontro. Decidiron acurtalo e creo que será beneficioso para todos, senón moita xente non se levanta para ir ao Encontro do Venres Santo.

Este ano cúmprense 75 anos do primeiro desfile do actual paso da Borriquita, farán algo especial?

Estreouse no 1948. Encargámoslle un traballo ao sacerdote Francisco Javier Martínez, que é de Viveiro pero está de cura en Ortigueira. Recabou información nos arquivos da parroquia de Santiago sobre a súa compra e quen se encargaba dela entón. Publícarase na revista Pregón.

Comentarios