FUNDADOR DE H2GZ ENERGIZING

José Manuel Vale: "A xente en Mondoñedo está pisando ouro e non é consciente"

José Manuel Vale. EP
Este vicedense impulsa varios proxectos no municipio mindoniense que cre que servirán para loitar contra o despoboamento e xerar postos de traballo. Un deles aposta pola creación dunhas terrazas robotizadas de produción agrícola no monte do Padornelo

O vicedense afincado en Bertamiráns José Manuel Vale Vale é o responsable de H2GZ Energizing, unha empresa que espera atopar axuda e financiación para poñer en marcha varios proxectos que manexa na actualidade en Mondoñedo. Un deles, a creación de terrazas agrícolas robotizadas no monte do Padornelo, participou nos Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que concede a Universidade de Santiago.

En que consiste o proxecto?
A proposta é utilizar o monte do Padornelo, unha zona que está quedando despoboada, para poñer en marcha unha produción de terrazas robotizadas. Todo o sistema de cultivo e produción moveriase a través de equipos colocados en raís. Sería unha especie de complemento para o proxecto de hidróxeno verde que temos tamén para Mondoñedo, que obteriamos pola electrólise da auga a partir dunha fonte de enerxía renovable primaria, que sería o vento. Esa zona ten moito potencial. A xente de Mondoñedo está pisando ouro e non é consciente.

Suporía un cambio moi importante para os agricultores?
Haberá que cambiar a mentalidade do agricultor cara a robotización. Case pasaría a ser máis técnico de robótica, pero loxicamente con coñecementos de agricultura. Cremos que é o futuro e, se facemos as súas condicións de traballo máis sinxelas, será máis fácil atraer a xente nova ao campo.

Que produtos se poderían adaptar a estas terrazas?
En principio vai destinado a plantas novas adaptadas ao clima da zona. Trataríase de produtos de recolección moi rápida e sobre as que empeza a haber unha gran demanda, como por exemplo as setas e outros ingredientes de dietas veganas e vexetarianas. Estas terrazas gozarían da versatilidade que lles dá a automatización, xa que poderías pechar de noite, facendo unha especie de invernadoiro para evitar o castigo das xeadas, e abrir xa de día. Ademais, contamos coa vantaxe da néboa, que tamén axudaría na produción.

Que vantaxes lle traería á zona e aos agricultores?
Supón unha grande transformación na agricultura, que é moi necesaria. Creo que atraería a xente con importantes coñecementos e que poderían establecerse aquí polo avance da industria tecnolóxica no campo.

Por que escolleu Mondoñedo?
Porque é moi versátil, xa que ten zonas de sol e outras de non tanto. Neste caso o básico é que ten un grao de inclinación importante para facer as terrazas e que se trata dun lugar que está quedando despoboado. E logo, Mondoñedo ou Lourenzá teñen un grao higrométrico importante e que reteñan moita auga na terra é algo que axuda.

Que deberían levar aparellados estes proxectos para ser viables?
Necesitamos a implicación das administracións para lograr a financiación. En Galicia temos o problema de que ás veces non é fácil convencer a todos os actores implicados de que, por exemplo, se poden facer unhas terrazas automáticas en Mondoñedo. A nosa industria estase apagando por completo e levar a cabo estes proxectos sería avanzar creando unha base industrial nova. Son, ademais, proxectos escalables, que se poden ir implementando paulatinamente.

Para que funcionase, faría falta xente formada especificamente?
Sen dúbida. Mondoñedo tería que ter un centro de Formación Profesional especializado en novas tecnoloxías, Traballaríase cun gas e para iso é moi importante a seguridade.

A que se podería destinar o hidróxeno obtido en Mondoñedo?
É unha zona que ten moita enerxía sobrante e iso axudaría a traballar con moi pouco custo. Ese factor convértete en moi competitivo e se conseguimos hidróxeno, non só se crearían postos de traballo, senón que se revalorizaría todo o terreo. E logo hai outra posibilidade de negocio moi grande. Alcoa seguirá si ou si, xa sexa en mans duns ou doutros, e vai necesitar de hidróxeno. E logo a posibilidade de exportar a través da liña de gas Ferrol-Xixón, que pode ser a autopista do hidróxeno. Ten moitas posibilidades e confío nelas.

"O Vicedo é outro sitio idóneo para obter hidróxeno porque conflúen todos os ventos"

José Manuel Vale está convencido de que outros lugares da provincia poden ser propicios para o hidróxeno e pon o exemplo de Mallorca, "onde co proxecto ‘Green Hysland’ van xerar unha industria tecnolóxica con traballos para que a xente non marche da illa".

En que outras zonas ve opcións?
Muras é outro sitio viable polas súas montañas e, como nacín en San Román, tamén me gustaría intentalo no Vicedo. Conseguir un proxecto de I+D+i para aí sería importante porque é un punto neurálxico onde conflúen todos os ventos. A ver se o Ministerio de Transición Ecolóxica aposta por Mondoñedo, porque o Noroeste de España está quedando fóra da implantación do hidróxeno e é o futuro. Toyota e Hyundai xa teñen coches impulsados con hidróxeno cunha autonomía de 600 quilómetros, pero se non temos hidroxeneras non van vir aquí. Para iso hai que investir en I+D+i como fan noutros países europeos