Alcalde de Ourol (PSOE)

José Luis Pajón: "Estamos traballando no centro de día"

Melloras básicas para os veciños nos abastecementos de agua, os viais aos núcleos ou os centros sociais son algunhas das medidas impulsadas polo rexedor, que ten como gran obxectivo a creación dun centro de día, mellor se pode ser con residencia. Tamén lle queda pendente mellorar os accesos á fervenza de Xanceda e ás mámoas de Miñotos

José Luis Pajón. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera José Luis Pajón. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O SOCIALISTA José Luis Pajón Camba fai balance do seu mandato como alcalde de Ourol, un posto que ostentaba por primeira vez.

Como foron estes catro anos, os seus primeiros como alcalde?
Era unha experiencia nova xa que non é o mesmo estar na oposición que gobernando e atópaste con moitos atrancos burocráticos pero o balance é positivo e moi reconfortante. Satisfáceme moito tratar de mellorar a vida dos veciños.

De que proxecto levado a cabo se sinte máis satisfeito?
Un deles foi a ampliación dunha traída de auga que levaban demandando os veciños da parroquia de Xerdiz moito tempo e que conseguimos facer este ano. Antes repuxemos tubaxes que daban moitos problemas na parroquia de Merille e melloramos os depósitos de Bravos, Merille, Ourol, Besteburiz e a depuradora de Ourol, onde puxemos cloradores automáticos.

Que outras actuacións demandaban os veciños?
Arranxáronse bastantes accesos a núcleos e tamén recuperamos centros sociais como o de Ambosores, que tiña a cuberta derruída e no que puxemos dous baños; o de Merille, onde tamén se actuou na cuberta e nos baños, ademais de facerse un peche, ou o de Miñotos, onde se fixo o tellado cunha subvención da Deputación para eficiencia enerxética.

Temos unha área de autocaravanas que no verán estivo moi concorrida, ao igual que a piscina

Un dos seus obxectivos era a creación dun centro de día.
Estamos traballando niso e gustaríame pronto poder empezar co proxecto, porque é unha cousa moi necesaria nun concello de poboación tan envellecida e non hai prazas nas residencias da contorna. Xa abordei o tema coa Deputación e quedamos en volver a falar a principios de ano.

Sería entón unha residencia con centro de día? Onde se ubicaría?
A miña pretensión é que fose as dúas cousas, pero se primeiro ten que ser o centro de día empezaremos con eso. Queriamos aproveitar o edificio do colexio e facerlle as reformas que fosen necesarias. O solar é importante, son máis de catro mil metros cadrados, e os técnicos opinan que é factible poder facelo aí.

Que outras iniciativas teñen para a xente maior?
Facemos actividades todo o ano, como ximnasia ou talleres de memoria. Tamén recuperamos nós a comida dos maiores, que aquí están moi dispersos e ao mellor hai meses que non se ven e encóntranse ese día. Outra cousa que impulsamos foi a xuntanza das mulleres.

Que medidas poden levar a cabo para loitar contra o despoboamento nun concello coma este?
É un tema complexo e dende os concellos pouco podemos facer. Nós temos axudas para libros de texto e material escolar e tamén outras de transporte para os rapaces que están estudando fóra. O colexio pechou en 2015 con oito alumnos e agora resulta que o autobús leva para o de Galdo (Viveiro) a vinte. Perder servizos é fácil pero recuperalos é complicado.

Tamén teño que dicir que desde a Deputación recibimos máis diñeiro que desde a Xunta

Á parte da construción do centro de día, que outros proxectos lle quedan por facer?
Teño en mente seguir mellorando os abastecementos de auga na parroquia de Miñotos, que se fixo nos anteriores mandatos do PP pero que ten deficiencias criminais e cando alguén da parte de abaixo abre o da parte de arriba queda sen auga, sen presión. A miña intención é que se poida aproveitar a captación que hai e poder levar a auga tamén ás Lobeiras.

Que ofrece Ourol dende o punto de vista turístico?
Temos unha área de autocaravanas que no verán estivo moi concorrida, ao igual que a piscina, á que se achega xente ata de Viveiro. Está vindo xente de fóra que busca tranquilidade absoluta a comprar casas, e hai moitas fermosísimas, de pedra, que é unha pena deixalas deteriorarse. Dende o Concello tamén queremos poñer un bo acceso á fervenza de Xanceda e en Miñotos hai unhas mámoas que haberá que tratar de facer algunha ruta de senderismo ata elas.

Unha fonte de ingresos importante para Ourol é o canon eólico, canto supón?
Sobre 235.000 euros. Tamén teño que dicir que desde a Deputación recibimos máis diñeiro que desde a Xunta, só no plan único xa van sobre 270.000 euros.

"A miña intención é volver a presentarme ás eleccións"
Xa decidiu se vai volver presentar a súa candidatura á alcaldía?
Si, a miña intención é volver a presentarme e, se saio elexido, estar cando menos outros catro anos. Teño proxectos iniciados que me gustaría ver rematados e outros como o do centro de día que me gustaría velos en marcha.
Acadou a alcaldía co apoio da edila do PP Begoña Moreiras. Entenderon os veciños esta situación?
Unha gran maioría da xente entendeu perfectamente a posición dela, porque que a segunda forza (PP) non presente candidato e lle dea a alcaldía ao menos votado (CxG) non era moi entendible. Incluso votantes do PP non comprendían esa manobra.
Contará con ela para integrala na próxima candidatura?
Aínda a estou confeccionando pero se ela quere eu estaría de acordo. Está integrada no goberno, é a primeira tenente de alcalde e hai unha relación moi boa, de colaboración total. Só teño palabras de agradecemento para ela, valoro moito o seu traballo.
Que está a ser o mellor e o peor de ser alcalde?
Saca tempo de estar coa familia e algún hobby déixase algo máis apartado, pero para min pesa máis o positivo que o negativo. Agrada moito que os veciños che agradezan unha mellora que se fixo, velos con cara de felicidade saca todos os sinsabores que tiveras na semana.
Que afeccións ten fóra?
Pasear, charlar cos amigos ou facer algún traballo na finca da miña casa de Xerdiz, onde teño unha egua. Gústanme os cabalos.

Comentarios