José Antonio Veiras, bombeiro de Viveiro: "Non somos Superman nin facemos milagres"

A afluencia aumenta as intervencións destes profesionais nesta época, aínda que o lume está presente na vida cotiá de todos
Veiras, subido a unha das escaleiras ca que contan no parque dos bombeiros de Celeiro. IRIA L.V.
photo_camera Veiras, subido a unha das escaleiras ca que contan no parque dos bombeiros de Celeiro. IRIA L.V.

O SARXENTO do parque de bombeiros viveirés recoñece que algúns os ven como heroes, pero di que elixiu esta profesión por vocación e que salvar vidas é "o meu traballo", que desenvolve 335 días ao ano.

E que fai no tempo de descanso?
Os 30 días de vacacións son o único momento no que podo desconectar do traballo polo feito de que estou atado a un teléfono as 24 horas de 335 días. É o único mes no que podo liberarme. Teño unha autocaravana coa que percorro quilómetros e gústame coñecer sitios, pois unha das miñas afeccións é viaxar, satisfáceme interactuar e coñecer outras culturas. Gústame ir tranquilamente e parar onde me apeteza.

O bombeiro, nace ou faise?
Francamente non nacín bombeiro, foi co tempo que me interesei. Ao mellor foi o feito de entrar encontacto con eles o que espertou a miña vocación e cada vez me identifico máis con estar a disposición do cidadán e poder axudalo, é a miña forma de ser.

Que significa o lume?
Como bombeiro significa un risco, co que estou aprendendo a convivir, pero por moita práctica e cursos non che ensinan a actuar en cada lume. É inevitable que cando che din que hai un incendio te poñas nervioso ou che suban as pulsacións, o nerviosismo ao mellor eres capaz de controlalo, pero ese subidón de adrenalina penso que é inevitable por moitas intervencións que teñas. Por moi dominado que teñas o lume, como elemento natural, por moito que queiramos controlar a natureza non somos capaces, só podemos intentalo.

Pónme os pelos de punta pensar nunha intervención na que se vexan implicados nenos dun xeito grave

Asústalle algunha cousa?
Teño medo a unha actuación na que se vexan implicados nenos. Nos máis de doce anos que levo de servizo nunca me tocou ter que intervir onde se viran implicados de forma grave, ponme os pelos de punta pensalo.

Quen apaga os lumes na casa?
Intento apagalos eu, así como os prendo, no que a elemento da natureza se refire. Os outros véñenme de rebote, hai de todo, como en calquera outra casa, ao fin e ao cabo somos persoas.

Hai algún perigo insalvable?
Por moi bo bombeiro que sexas, hai cousas que che van custar, non vou dicir que sexa imposible. O incendio dos neumáticos de Seseña estivo ardendo un mes; iso non quere dicir que os bombeiros non saiban traballar. Tamén hai que valorar cal é o escenario. A rotura dunha balsa de lodos como a de Alcoa é un risco,nós non somos nin Superman nin Batman nin facemos milagres. Cada intervención require un nivel de sofisticación maior. O progreso leva consigo unha serie de riscos aos que estamos expostos, porque gústanos ter de todo: móbiles,coches, luz...

Non se debe xogar con lume?
Penso, manteño e defendereino, se ben é certo que o que non xoga con lume non se queima. Levar o día a día implica xogar con lume e cando se descontrola hai unha incidencia.

Comentarios