Jaime de Olano foi nomeado monteiro na rapa de Viveiro

O Concello traballa por recuperar a declaración de interese turístico

O deputado por Lugo do Partido Popular, Jaime de Olano, foi nomeado o domingo monteiro de honra da que está considerada a segunda rapa das bestas máis antiga de Galicia, a que se celebra no curro vivariense de Candaosos, na parroquia de Boimente. Entre outros monteiros nomeados en anteriores edicións figura a alcaldesa, María Loureiro. A concelleira de turismo, Marisol Rey, traballará por recuperar a declaración de interese turístico galego que chegou ter esta cita que leva 50 anos celebrándose ininterrompidamente grazas á comunidade de montes.

"Quixen levar esta xoia que temos en Viveiro, como é a rapa, á feira do turismo Fitur e sigo tendo esa idea, coa intención non só de difundir este encontro, senón tamén de recuperar a declaración de ineterese turístico para Galicia", precisou a concelleira. Rey, que leva tres anos asistindo coma edil a esta cita, apreciou que nesta edición había "máis turistas, tamén estranxeiros", aparte dos veciños e dos mariñáns que adoitan acodir para ver o espectáculo no que varios xinetes concentran nun curro a deceas de cabalos, 300 desta vez, moitos deles salvaxes, para marcalos e curtarlles as crins.

O sol permitiu lucir o espectáculo, así como a primeira carreira encuestre da tarde, e a choiva, que caeu con forza en Viveiro, foi máis feble nos montes. Os asistentes refuxiáronse nos diversos postos que había pola zona. Tamén se homenaxeou a un dos fotógrafos máis afamados que inmortalizara a cita.

Comentarios