En compañía de animais

Iván Castro Rojo: "Titán para min é unha terapia, sánache as emocións"

Este pastor alemán é moi activo e nervioso, gústalle moito xogar á pelota, os nenos, e é sociable cos outros animais, segundo o seu dono
Iván con Titán-JOSE M. PALEO
photo_camera Iván Castro posando con Titán. JOSE M. PALEO

O focego Iván Castro Rojo quería poñerlle nome de Deus ao seu can e decidiuse por Titán, que ten un ano e tres meses. Ocorréuselle  ao ver que tiña unhas patas enormes. "Era o máis grande da camada, púxenlle Titán pensando que ía ser enorme. Sabía que sería forte, con óso e pola magnitude estaba entre Titán ou Ares".

Iván sae correr con él pola praia e polos montes xunto da fervenza de Santo Estevo do Ermo. "É un can que necesita moverse moito, queimar enerxía, gústalle exploralo todo e intento alternar as carreiras xunto do mar cos bosques. Tamén lle gustan moito os nenos pequenos, é moi dócil con eles".

Os pais deste can pasaron unhas probas de aptitude para crialo. Ao dono de Titán no futuro gustaríalle que o can pasase os exames de obediencia, rastreo e defensa, aínda que "polo traballo é difícil,  teño pouco tempo libre".

Iván sempre quixo ter un can grande e "nun momento da miña vida vin que necesitaba un. Para min é como se fose unha terapia, sánache moito o tema emocional e faime moita compañía. Hoxe, no século XXI, as persoas traizoan moito, non dan o amor incondicional que pode ofrecerche un animal. Doume conta que con él teño esa conexión, esa afinidade, faime feliz, éncheme moito". 

Pensa que deben telos persoas que saiban coidalos e educalos para que sexan equilibrados. "Ten un carácter marcado, potente, cun instinto forte e hai que poñerlle límites de vez en cando". Nos coidados segue os consellos da criadora, a veterinaria e xuíza internacional da raza Cristina Brea de Cádiz.

"Doulle aceite de salmón para o brillo da pelame, necesita boa alimentación e dar varios paseos diarios, adora xogar á pelota. Ten un carácter super extrovertido e sociable cos outros animais. Comigo é superprotector e gardián, é marabilloso". Dálle un penso especial e di que "agora hai debate entre comida natural e penso, de vez en cando tamén lle cozo unha pota de carne. Tráiolle ‘snacks’, rabo deshidratado, e está sempre baixo supervisión".

Iván cre que as mascotas parécense aos seus donos. Conta que Titán "é supernervioso para ir ao veterinario, eu cando fun poñer unha vacina de neno quitei do brazo a agulla, a él houbo que poñerlla cinco veces. Eu son activo, él tamén; é cariñoso, pero non é cargante, sabe gardar a distancia de seguridade", sinala.
 

Fillo de campións
Titán de la Hundra Fiel é neto de Groovy di casa Massarelli, campión do mundo, de Italia, reprodutor en Alemaña e un dos mellores da raza pastor alemán. É fillo de Naldo von Vierhundert, un dos mellores en Alemaña, e de Hilton von Turia, campiona de España (2016). Titán destaca pola súa beleza, pero é só unha das súas cualidades.

Comentarios