El rincón de...

Israel Cruz: "A parte menos coñecida é a máis bonita e peculiar"

É o vicepresidente da Asociación O Pasatempo
Israel Cruz. PALEO
photo_camera Israel Cruz. PALEO

"Son do barrio de San Lázaro, pero ao independizarme elixín a zona de Alcántara para vivir porque é a que máis me gusta de Mondoñedo, recoñece Israel Cruz, que é case de todo en Mondoñedo. É vicepresidente da asociación O Pasatempo, coa que estes días anda enleado no mercado medieval; é tesoureiro da Venerable Orde Terceira, que o implica na Semana Santa; e ademais volve ser adestrador do Mondoñedo Fútbol Club.

Á hora de escoller o seu recuncho en Mondoñedo dubidou entre Alcántara ou algunha das espectaculares paisaxes que ofrece a Ruta da Auga, pero finalmente Alcántara gañou a batalla porque o traslada, di, "á nenez" e é moi especial para el. Ademais ten o privilexio de ver o seu sitio preferido da cidade cada día dende as fi estras da súa casa. Un luxo ao alcance de moi poucos.

Nesta zona da cidade respírase historia e cultura a partes iguais. "Historia por todo o peso relixioso que tivo e do que aínda conserva parte, e cultura porque aquí están o auditorio ou a escola de música", di Israel. E é que antes este espazo estaba ocupado por un convento do que queda en pé a capela da Orde Terceira, a igrexa de San Pedro de Alcántara, que foi desamortizada e hoxe alberga o centro de interpretación do Camiño Norte e "na parte de atrás está a zona máis descoñecida, e para min a máis bonita e peculiar, na que aínda se pode ver o peche de pedra que tiña o convento e o claustro, aínda que foi desprazado polas obras do aparcadoiro, e tamén a fonte que formaba parte da antiga traída da auga". "Pódese dicir que dos restos do convento naceu toda esta zona", asegura Israel e lembra que tamén aquí está o albergue de peregrinos.

Pero para el, Alcántara garda un tesouro moi especial: unha árbore e unha placa que recordan o que fora presidente do Pasatempo, Ramiro González Rivas: "Ramiro foi quen me meteu na organización da Semana Santa e en ser levador, así que o seu recordo tamén me leva a terlle un cariño moi especial á zona".

Comentarios