Irene Rico: "O sorprendente da carreira son todas as aplicacións que ten"

A enxeñeira biomédica chegou á carreira case por casualidade, pero agora, con ela rematada e a punto de empezar un mestrado en Copenhague, esta burelá reafírmase nunha elección que lle brinda moitas saídas profesionais e que non dubida en recomendar a pesar da súa dureza
Irene Rico. EP
photo_camera Irene Rico. EP

Acaba de rematar a carreira de Enxeñería Biomédica, unha disciplina recente na que a demanda xa non deixa de subir. O segredo é que une os principios técnicos da enxeñería e os humanos da saúde. Iso foi o que levou á burelá Irene Rico a decantarse por ela. Rematado cuarto, agora prepara a súa viaxe a Copenhague para facer un mestrado en materiais avanzados e enxeñería da saúde.

Que a levou a elixir a carreira de Enxeñería Biomédica?
Ao rematar o bacharelato estaba un pouco perdida e descubrín que unha rapaza de Burela fixera esta carreira, da que nunca oira falar. A partir de aí empecei a investigar e gustoume o que decubrín e decanteime por ela.

Que foi o que lle gustou?
Que é unha carreira que mistura a técnica da enxeñería coas ciencias da saúde e eu quería precisamente iso.

Unha vez dentro, foi como esperaba que fora?
Ao principio esperaba que fora con máis bioloxía e menos técnica, porque é verdade que os primeiros anos semellanse máis a unha enxeñería, pero a partir de terceiro xa te podes empezar a especializar. Eu fixen terceiro na universidade de Purdue, en Indiana, e alí xa empecei coa especialización.

"Espero que esta situación que trouxo consigo a covid sirva para que a xente se dea conta do necesaria que é a investigación e de que debe contar con máis fondos"

Tendo en conta que chegou a esta carreira case sen querer, houbo algo que a sorprendera?
En xeral as moitas aplicacións que ten porque ao principio non te das conta de todos os ámbitos nos que está presente. Por exemplo, vas a un hospital e dende as máquinas aos antibióticos están vinculados á biomédica. Dentro do seu ámbito pódeste dedicar a cousas moi diferentes entre si e escoller entre múltiples saídas.

E por que se decantou vostede?
Polos biomateriais e por mellorar a administración de fármacos. Basicamente quero conseguir unha medicación máis persoal para os pacientes, que con menos dosis dun fármaco este sexa igual de efectivo e teña menos efectos adversos.

É unha carreira cunha clara orientación hacia a investigación, como ve este campo agora mesmo?
En xeral invírtese pouco en investigación en España e espero que toda esta situación que trouxo consigo a covid sirva para que a xente se dea conta do necesaria que é e de que debe contar con máis fondos. Agora mesmo seguimos dependendo de vacinas de fóra, cando en España hai profesionais suficientes para desenvolver unha. Este ano precisamente sorprendeume estar en contacto con todo o proceso para desenvolver a vacina da covid. Ver esa utilidade tan directa da carreira e que eu podía estar aí.

"As persoas ás que lles guste a bioloxía e a técnica son candidatas para estes estudos" 

A quen lle recomendaría cursar esta carreira?
A alguén que lle guste a bioloxía e a técnica e que queira facer algo relacionado coa saúde pero sen ter que estar en contacto directo co paciente.

Que lle dixeron a vostede cando elixiu algo tan novo?
Meus pais sempre me apoiaron en todo e estiveron nos momentos máis duros. Nunca lles poderei pagar todo o que fixeron por min.

É unha carreira dura?
Si, é dura. Pero aínda así eu recomendaría á xente que lle gusten estes dous ámbitos que non o dubide e que a curse, aínda que ten que ser consciente de que lle vai ter que dedicar moito tempo e de que ten que ter ganas de sacala adiante.

Onde está o seu futuro?
Agora vou facer o mestrado, que son dous anos e espero poder combinalo con algún tipo de prácticas ou ben cun traballo. Despois gustaríame desenvolver o meu labor nunha farmacéutica.

Comentarios