A Invernal Galicia reúne a fin de semana os afeccionados ás motos en Mondoñedo

O motoclub Ruta N-634 organiza a trixésima edición da concentración, que abre en galicia o calendario deste tipo de eventos, e agarda centos de participantes

Mondoñedo acollerá durante a fin de semana a trixésima edición da Invernal Galicia, a concentración moteira que primeiro se celebrou en Galicia xunto á de Sanxenxo (Pontevedra), en 1988. Malia que desde entón houbo dous anos que non se celebrou, anualmente marca o inicio deste tipo de reunións dos afeccionados ás motos na comunidade galega. A organización corre a cargo do motoclub mindoniense Ruta N-634, e novamente conta co apoio do Concello e os empresarios mindonienses.

"A ver se temos a sorte e o tempo nos acompaña", explica o presidente do motoclub, Miguel Arias: "O ano pasado tivemos que aplazala pola cicloxénese Félix, e finalmente houbo menos xente que noutras edicións". Ata o momento as previsións de afluencia de público "son boísimas", engade, "con moitas inscricións e prazas xa reservadas na ampla oferta hostaleira de Mondoñedo para a fin de semana". A Invernal Galicia adoita congregar a centos de moteiros procedentes tanto da comunidade galega como doutras zona de Europa.

O motoclub Ruta N-634 toma o seu nome da adaptación á comarca da Mariña da coñecida Ruta 66 estadounidense, un dos percorridos idílicos para os afeccionados ás motocicletas. "Os que empezaron co motoclub foron quen decidiron chamarlle así, e agora somos 40 socios que traballamos prácticamente todo o ano para poder facer esta concentración", explica Arias.

Co gallo da trixésima edición do evento prevese que A Invernal —así chamada polas coincidencia destas datas con condicións meteorolóxicas ás veces propias do inverno— teña unha programación se cabe máis atractiva e reúna a maior número de afeccionados.

Este sábado haberá unha ruta nocturna e para o domingo está previsto un percorrido pola Mariña

Este sábado ás 12.00 horas procederase á apertura das inscricións, e a partires das 16.00 haberá actividades de animación, con música, sorteos e xogos, tanto para os moteiros como para todas aquelas persoas que desexen achegarse a gozar da xornada. Pouco despois dará inicio a exhibición acrobática de Jaque Stunt e NH Pina Stunt Team na avenida de Bos Aires, nas proximidades da gasolineira. Ás 20.00 comezará unha ruta por Mondoñedo en lembranza e honra aos motoristas falecidos, e logo haberá unha cea para as persoas participantes na concentración, que se desenvolverá no pavillón. Haberá petiscos, empanada, cervexa, camisetas, sorteos, regalos...

A música na xornada do sábado chegará a partires das 23.30 horas coa actuación da orquestra Pontevedra. No descanso entregaranse os trofeos habituais deste tipo de eventos, para logo retomar a troula "ata que o corpo aguante", comentou Miguel Arias.

O domingo, logo do almorzar nalgún dos establecementos hostaleiros mindonienses, sobre as 11.00 horas darase a saída a unha ruta turística pola Mariña, cunha parada para tomar uns cafés, uns refrixerios e uns petiscos antes de regresar a Mondoñedo. A xornada pecharase cun xantar, ás 14.00 horas, no pavillón municipal.

Todas aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse "ata as 20.00 horas do sábado", explica Miguel Arias. "Pódese vir con motos de calquera cilindrada, e tamén quen non teña moto. A maiores da concentración en si, do que se trata esta fin de semana é de pasalo ben". É o único requisito. "Temos a sorte de contar coa axuda do Concello en todo o que precisamos, e tamén dos comerciantes e os hostaleiros", engadiu.

Arias tamén ten palabras de agradecemento para Germán Bouso —o anterior presidente do motoclub Ruta N-634—, e para xente "como Platero, Etho Vilaseca, Cachopo... e moitas outras persoas que ao longo destes anos foron quen fixeron posible que chegaramos a celebrar este trixésimo aniversario", comentou Arias.

O obxectivo é poder gozar durante moito tempo tanto das motos como de todo o que supón esta concentración "para os afeccionados e tamén para Mondoñedo e A Mariña", engade.

PROGRAMA
SÁBADO
12.00 ▶ Apertura do evento, diante da catedral de Mondoñedo.
16.00 a 20.00 ▶ Animación, xogos, sorteos, firma de camisetas...
17.00 ▶ Exhibición acrobática a cargo de Jaque Stunt e Nh Pina Stunt Team na Avenida Buenos Aires, nas inmediacións de la gasolineira.
20.00 ▶ Ruta nocturna na honra aos motoristas falecidos.
21.15 ▶ Cea no pavillón municipal.
23.30 ▶ Comezo da festa a cargo da orquestra Pontevedra.
23.30 a 24.30 ▶ Entrega de trofeos.
DOMINGO
10.00 ▶ Almorzo para os inscritos nos diferentes locais de Mondoñedo.
11.00 ▶ Saída da ruta turística por A Mariña desde a catedral de Mondoñedo.
14.00 ▶ Chegada da ruta e comida despedida no pavillón municipal.
TODA A SEMANA
▶ Acampada cuberta gratuíta,con baños e duchas con auga quente.
▶ Recinto con carpa.
▶ Diferentes trofeos por categorías.
▶ Regalos para sortear.
▶ Bolsa de benvida con camiseta e obsequios para os participantes.

Comentarios