Unha iniciativa popular homenaxeará a tres represaliados en Mondoñedo

Diversos actos o sábado 13 de xaneiro honrarán a memoria de Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, políticos e sindicalistas asasinados en 1938
 

Enterro laico en Mondoñedo en 1936. No centro, O Gardarríos, entre Xacinto Calvo e O Purrelo. AMA
photo_camera Enterro laico en Mondoñedo en 1936. No centro, O Gardarríos, entre Xacinto Calvo e O Purrelo. AMA

A cidade episcopal será escenario o sábado 13 de xaneiro dunha homenaxe a tres mindonienses "asasinados polo fascismo en 1938", Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. A iniciativa parte de veciños de Mondoñedo que segundo indican teñen o apoio da "totalidade" dos grupos que integran a corporación municipal para esta honra.

O acto comezará ás doce do mediodía no parque da Travesía, detrás do cemiterio vello e a carón do lugar onde foron asasinados. Alí tomarán a palabra familiares de Siervo González e Graciano Paz así como representantes políticos municipais, cunha actuación musical como peche. Despois celebrarase unha mesa redonda na Casa da Xuventude na que participarán "persoas que teñen estudado a figura dos homenaxeados e o contexto social, cultural e político de Mondoñedo nese momento histórico". Para rematar haberá un xantar de confraternidade.

Os tres homenaxeados, segundo di colectivo impulsor, "foron uns mindonienses bos, asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado".

Os tres foron ocuparon cargos directivos da Sociedade de Obreiros Católicos e eran membros da Confederación Nacional do Traballo (CNT), que no caso de Siervo González Rivas presidía a nivel local. Este era funcionario municipal, militante do Partido Sindicalista e da Unión Sindicalista Galega. Graciano Paz Amieiro, O Latoeiro, ademais de directivo do Sindicato de Oficios Varios da CNT tamén era militante da Unión Socialista Galega, ao igual que Manuel Rodríguez Núñez, comerciante residente na rúa Fabeiro que militou tamén no Partido Sindicalista.

O obxectivo deste acto é "restaurar a memoria dun tempo histórico que sistemativamente nos foi negado, recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia de Mondoñedo e facer xustiza con estes tres veciños inxustamente asasinados o 12 de xaneiro de 1938", argumentan.
 

Convidan a sumarse a veciños e colectivos
O grupo promotor considera que hai "razóns dabondo para homenaxear a estes tres veciños de Mondoñedo" e a todos aqueles que foron vítimas da represión nesta cidade. Por iso fan un chamamento á participación de colectivos sociais, veciñais e culturais tanto do municipio 
como da Mariña para sumarse a este acto de honra. Para calquera consulta ou dúbida poñen a disposición dos interesados o correo electrónico [email protected] e o número de teléfono 607.79.23.99.

 É o mesmo número ao que deben chamar as persoas que queiran participar no xantar de confraternidade, aberto a todo o mundo pero que terá unha capacidade máxima de 50 comensais polo que é preciso inscribirse antes.
 

Comentarios