Director xeral de Industrial Recense

Luis López Fulgueira: "Hai hortos solares por todo o mundo con pezas nosas"

O director xeral desta empresa da Pontenova dá este venres unha charla en Ferrol sobre a situación da industria na Mariña. A súa firma semella unha excepción á tónica xeral, pois medra sobre todo coa produción de fixacións metálicas para a construción industrial e instalacións fotovoltaicas
Luis López Fulgueira, director xeral de Industrial Recense. EP
photo_camera Luis López Fulgueira, director xeral de Industrial Recense. EP

O director xeral de Industrial Recense na Pontenova e vogal de Asime, Luis Fernández Fulgueira, foi convidado a participar nas xornadas Puerto-Empresa organizadas pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao este xoves e venres no CIS A Cabana, onde intervirá o segundo día para falar da situación industrial da comarca. Nesta conversa tamén repasa a actualidade da súa empresa de fixacións metálicas, que conta con 61 traballadores e un afianzado mercado internacional.

A súa charla titúlase A Mariña Lucense, un futuro con incertidumes. Así o ve?
Paréceme que ese título define o que pasa agora na Mariña, a incertidume a nivel industrial. Todos coñecemos as carencias que ten e non sei ata que punto se pode facer algo para darlle a volta ao que parece que vai por un camiño non moi positivo.

Que se fixo mal e que se pode facer para invertir a situación?
Ás veces a touro pasado é moi fácil dicilo, pero posiblemente non se fixo o traballo ben feito que había que facer, non hai infraestruturas nin un tecido industrial autónomo para ese porvir desde o punto de vista industrial. O problema principal é que hai unha carencia moi importante nas infraestruturas, levamos moitos anos cunhas estradas que para nada están de acordo co que A Mariña necesita. No caso da nosa empresa ao estar na Mariña Oriental e cara ao interior somos dos menos prexudicados, porque tanto a A-8 como a A-6 non as temos tan lonxe e aínda así o illamento industrial que temos é un problema, pero non tan grave como teñen na Mariña Central ou na Occidental, onde sofren máis as consecuencias. Ese illamento tamén daría lugar a pensar moitas veces na Mariña nun gran polígono industrial onde puideramos estar máis xuntos, máis apoiados.

"O problema principal para a indutria na comarca é que hai unha carencia moi importante nas infraestruturas, non están de acordo co que A Mariña necesita"

Cal é a súa idea dese polígono?
Non sei se hoxe chegamos a tempo ou non, pero os grandes polígonos industriais son os que tiran das cousas. Cando se puxo en marcha Alcoa ao mellor era o momento de facer que ao lado houbera un tecido industrial, que crecera o sector do aluminio con un Cortizo, Exlabesa ou Extrugasa, e que a partir de aí nacerían outras empresas e outros servizos. Pero para iso hai que empezar por ter unha boa estrada.

En que situación se atopa agora mesmo a súa empresa?
Nós en principio estamos en crecemento, nunha situación de diversificación de sectores; para nada me teño que queixar da situación en canto á evolución propia da empresa. Despois, todos estamos sufrindo as situacións de falta de persoal e no meu caso ese illamento industrial que teño alí na Pontenova, e tamén o problema xeral do incremento de prezos, que se está vendo na macroeconomía e nas contas xerais. Indibidablemente estamos todos á expectativa do 2023, a ver que pasa.

Resúltalle complicado atopar traballadores cualificados para traballar alí?
Indubidablemente atopar xente cualificada é un primeiro problema, e o segundo é que veña para unha zona rural. É importante que a xente que teñas arredor teña a oportunidade de formarse na zona. Este ano conseguimos que no IES da Pontenova volva a impartirse un ciclo de FP de soldadura e calderería, somos nove empresas da zona as involucradas no tema e este ano hai once alumnos que xa teñen adxudicada a súa empresa.

Que áreas de negocio son as máis boiantes?
O noso lema é La fijación a su medida e somos moi diversos en sectores e produtos, pero destacan dous. O pseudosector no que máis estamos crecendo é o de solucións para prefabricados de formigón e tamén temos unha cota de mercado importante en fixacións para placas solares de fotovoltaica. Lideramos bastante este mercado, hai hortos solares por todo o mundo con pezas nosas.

A que lugares exportan?
Nós a nivel de exportación directa centrámonos en países de Europa e América, pero indirectamente a través da fotovoltaica hai empresas españolas líderes a nivel mundial colocando hortos solares en todos os continentes menos Oceanía para os que suministramos as fixacións.

Como vai a súa unión con Terwa?
É un partner, unha empresa holandesa á que subministramos unha parte dos produtos que van para a construción industrializada de formigón e temos unha relación histórica e de desenvolvemento de cousas en común. Son camiños paralelos pero independentes, o que non quere dicir que o día de mañá se o director xeral se xubila e se desfai da empresa, ao mellor é o momento de pensar se pode ser un punto de encontro co accionariado de Recense.

"Eu nacín no medio dunha fábrica na Pontenova e gustaríame que seguira esa filosofía na empresa"

Gustaríalle que se mantivese a súa fábrica na Pontenova no futuro?
Non me gustaría que nos pasara o que a algún cliente da fotovoltaica, que viñeron os americanos ou sobre todo os chinos, compraron a produción e desprazárona a eses países. Eu nacín no medio dunha fábrica e quixera que seguira esa filosofía, niso traballamos e o equipo humano que ten Recense vai por aí.

Que funcións ten como vogal de Asime?
Asime ten máis de 600 asociados que significan máis do 20% do Pib de Galicia e teñen máis de 80.000 empregados. Temos un peso importante á hora de falar do tecido industrial de Galicia e creo que se fai un traballo importante desde aí para buscar a colaboración con institucións e administracións para que as cousas funcionen o mellor posible.

Comentarios