Sucesor de Mancebo, unha imprenta chea de historia e tesouros

A Imprenta Sucesor de Mancebo, que vén de cumprir 150 anos, garda moitos recordos da cidade, entre eles unha boa parte do traballo epistolar de Álvaro Cunqueiro ► O seu propietario, Fernando López, fala da especial relación de amizade que mantivo co escritor
Fernando López, dono da imprenta Sucesor de Mancebo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fernando López, dono da imprenta Sucesor de Mancebo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Século e medio de existencia dunha imprenta dá para gardar unha gran cantidade de recordos e documentar a vida de calquera pobo ou cidade. Isto é o que sucede en Mondoñedo coa imprenta Sucesor de Mancebo, que o ano pasado sopraba os 150 anos de vida.

Entre os recordos deste negocio atópanse as máquinas coas que funcionaron durante máis dun século e tamén moitos traballos escritos por Álvaro Cunqueiro. A piques de cumprirse o 40 aniversiario do falecemento do xenial escritor mindoniense, aínda aparecen moitos secretos gardados.

Un dos que garda máis tesouros da súa creación é precisamente Fernando López González, propietario da imprenta Sucesor de Mancebo e unha das persoas que máis tratou con Don Álvaro, a quen consideraba un grande amigo.

"Con Cunqueiro tiven moita amizade. El pasaba moito tempo na imprenta, onde creo que escribiu a maioría de artigos que lle publicaban nos xornais, e eu ía case todos os días á súa casa. Entraba nela como se fose a miña", sinala Fernando López para amosar a especial vinculación que o unía co escritor mindoniense.

Para el só ten boas palabras. "No referente á súa personalidade só podo dicir que era un home bo, intelixente, culto, moi humilde, cunha grande imaxinación e unha memoria sorprendente. Sabía de todo, mesmo de medicina, falaba con todo o mundo e ao mesmo tempo estudaba os personaxes populares da cidade e logo plasmaba todo o que vía en traballos e libros. El non se daba ningunha importancia, era moi sinxelo", explica.

Froito das horas que pasou Cunqueiro na súa imprenta, López garda moitos recordos e traballos dun dos autores máis prolíficos e destacados da literatura galega.

Un destes pequenos tesouros son as tarxetas de felicitación para o expresidente da Xunta Manuel Fraga ou as pequenas poesías que lles facía a persoas necesitadas que pedían o aguinaldo durante o Nadal. "Sempre nos viña encargar unha tarxeta escrita en latín para felicitar polo santo ao seu amigo Manuel Fraga Iribarne, que sempre acompañaba cunha tarta de Mondoñedo, a maioría delas elaboradas pola súa amiga Alicia Tella-Villamarín", recorda.

Cunqueiro era moi perfeccionista e non deixaba ningún detalle ao azar. "Sempre traía con el a Francisco Fanego, gran latinista, para que o texto fose ben corrixido, sen erros", lembra.

FIRMA DE FRAGA. Logo de que Don Álvaro morrese, Fernando López tivo ocasión de que Fraga lle firmase unha das tarxetas, recordo que aínda conserva: "Foi no Día das Letras Galegas do 1991, dedicadas a Cunqueiro. Fun ao Hotel Montero e falei con Cacharro Pardo, que era o presidente da Deputación. Estivo moi atento comigo e expliqueille que quería que Fraga me firmase as tarxetas que Cunqueiro lle enviaba polo seu santo. Fraga tamén me atendeu moi ben e díxome: Senta na mesa e a ver as tarxetas do amigo Cunqueiro. Despois pediume unha de recordo e dinlla coa miña firma e data". 

Este encontro gardáballe aínda unha sorpresa maior a Fernando: "Foi unha sorpresa moi agradable ver publicada a tarxeta nun libro que se imprimiu sobre dous discursos pronunciados por Manuel Fraga falando sobre Cunqueiro". 

Pero o escritor o mesmo preparaba as tarxetas para Fraga que case para calquera que lle pedira o favor. "Polo Nadal había persoas que, necesitadas de gañar algo de cartos, pedíanlle que lles fixese unhas poesías e el sentíase orgulloso de poder cumprirlles o gusto. Esas poesías ían tan ben escritas, que expresaban de forma perfecta a forma de vivir e de ser da persona á que ía dedicada. Daba gusto lelas", indica Fernando López.

DETALLISTA AO EXTREMO. Cunqueiro non perdía detalle de todo o que se movía na cidade episcopal e das xentes que a poboaban. Así recorda un aguinaldo que lle preparara a un mozo que facía recados. "Sabía diso e tamén que a veces viña á imprenta a dar roda porque daquela non había motores. Fíxate se estudaba a xente que na tarxeta lle puxo: Especialista en recados, es chico trabajador: parte leña, y en la imprenta es oficial de motor (...) Si usted por casualidad tiene suelto en el bolsillo, dele a LUIS el aguinaldo, que anda escaso, el pobrecillo", rememora.

E tamén tivo tempo de facer chanzas co pai de Fernando, coñecido en Mondoñedo como Suso do Laredo: "Meu pai era músico de orquestra da catedral e tocaba o contrabaixo e a frauta. Como a frauta era de madeira, ao non tocala asiduamente quedaba seca, así que meu pai escupía nela porque non lle daba sacado son. Iso facía que ao soprar saíse a saliva por baixo". Cunqueiro fixouse no detalle e púxolle: "Cando Suso do Laredo toca a frauta, hai que poñer un paraugas diante". E tamén: "El más extraño, casi mágico, flautista del mundo. Sopla, naturalmente, en el agujero de la parte superior de la flauta, pero suelta gotas de saliva por la parte inferior en lenta lluvia". 

RÁPIDO E CLARO. Fernando López destaca a rapidez e claridade de ideas da que facía gala Cunqueiro cando se poñía a escribir. "Cando viña escribir artigos para algún xornal, recordo que chegaba sobre as tres e cuarto ou as tres e vinte da tarde, pedía papel e sobre, e era moi rápido escribindo. Non traia borrador nin nada que se lle aparecese e tiña todo listo para mandar no coche de liña para A Coruña que saía ás catro. Leváballe o artigo a Vicente, o encargado do reparto da Empresa Ribadeo, dáballe 200 pesetas e á noite xa estaba no xornal para a edición do día seguinte", confirma.

A Imprenta Sucesor de Mancebo é unha das máis veteranas da comarca e da provincia. As súas máquinas serviron para deixar constancia da historia de moitas vilas de Galicia e Asturias.

CORENTA CABECEIRAS. "Nesta imprenta tiráronse unhas 40 cabeceiras. Co confinamento empezamos a investigar e temos documentadas 39. Só nos falta atopar algún exemplar do Eco de Muras, que sabemos que tamén se imprimía aquí", explica Suso Robles, actual responsable da imprenta, que se puxo á fronte da mesma cando se xubilou Fernando López, aínda que este pasa todos os días por ela. "Veño por ler o xornal e pasar un pouco o tempo porque fóra non se pode facer nada", di.

Robles leva xa 33 anos traballando alí. "Entrei con 28 anos e agora teño 61", precisa. Pola súa banda, Fernando entrou con 10 anos e a empresa estivo ao seu nome desde o ano 1982. "Mondoñedo tivo fama e vanagloriábase das súas imprentas. Aquí tiramos 40 cabeceiras, pero imaxina cantas se podían imprimir nalgunha época aquí tendo en conta que había moitas máis. Algunhas ao mellor duraban moi pouco porque tiñan demasiada tendencia política, pero houbo épocas con moitos negocios", sinala Robles.

Na antiga imprenta Mancebo tirábanse cabeceiras de "Luarca, Vegadeo, Ribadeo, Navia, Vilalba, Muras, Foz ou O Valadouro", concreta Suso Robles.

A finais do pasado ano, Fernando López e a súa imprenta recibiron unha pequena homenaxe por parte do Concello de Mondoñedo e a asociación de comerciantes polos 150 anos da imprenta. "Regaláronme unha réplica da catedral e naturalmente estou moi contento e agradecido polo detalle que tiveron comigo", afirma.

López agarda poder festexar estes 150 como tiña pensado. "Iamos facer unhas mesas redondas con impresores da zona, pero polo covid deixámolo para máis adiante. A ver se este ano se pode, porque facer algo con máscara e separados non me gustaría. A idea é facer tamén unha misa polos traballadores e unha ofrenda floral onde están enterrados os Mancebo e meu pai, como se fixo no 125 aniversario", engade.

DOAZÓN DE MÁQUNAS. López doou moitas das antigas máquinas e traballos que tiña no seu taller para crear o Museo da Imprenta de Mondoñedo, que se atopa na Casa dos Coengos. "Quedei con algún moble e un par de máquinas das que non me quero desfacer. Cando vén xente de fóra fágolles unha demostración de como se traballaba antes", conta.

E algunha volta tamén exerce de guía no propio Museo da Imprenta. "Cando veñen asociacións de visita, ás veces chámanme da oficina de turismo e vou alí explicarlles un pouco o funcionamento de cada cousa. No museo hai unha guillotina, unha máquina semiautomática, unha linotipia e tamén hai clichés antigos ou uns chibaletes, así como outros elementos", enumera.

Tamén conservan unha auténtica reliquia do primeiro histórico taller, que se atopaba na rúa Batitales (agora Lence Santar), "hai unha máquina moi antiga, plana, feita en Bruxelas no ano 1872 e da marca H. Jullien. Foi das primeiras coas que se traballou na imprenta e ao ser de formato grande era coa que se imprimían os xornais", destaca Fernando.

Nos primeiros anos tiñan que acudir en moitas ocasións ao estranxeiro para equipar o seu negocio. Deste xeito, a primeira "mercárona en Alemaña por 3.000 reais, unha máquina con tinteiro automático da marca Carlos Blors cos que empezaron os Mancebo no 1870", explica Suso Robles.

Nos 73 anos que leva na imprenta, Fernando López foi testemuña da auténtica revolución que supuxeron certos cambios para o negocio, sendo a máis importante a última, a dixital: "Cambiou moito todo. Empecei en tipografía e agora trabállase coas impresións offset e dixital", rememora

Pese a todo, agarda que as pequenas imprentas poidan sobrevivir. "Está a cousa complicada, pero de momento vaise tirando. Nos pobos pequenos sempre hai traballos de pouca cantidade e sempre xorden cousas. Xa non se traballa con encargas grandes ou editoriais potentes, pero penso que as imprentas sempre han de existir", vaticina.

Felicitación: tarxeta en latín para Fraga

Cunqueiro tiña o costume de felicitarlle o santo ao expresidente da Xunta e exministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, cunha tarxeta escrita en latín. Os dous considerábanse bos amigos. Para evitar que levase algún erro sempre ía á imprenta acompañado do latinista Francisco Fanego.

Axuda: escritos para pedir o aguinaldo

Cunqueiro botáballe unha man a case calquera que llo pedira. Deste xeito, en Nadal era habitual que fixese escritos para traballadores que necesitaban unha axuda e pedían o aguinaldo. Á hora de escribilos aproveitábase da súa cualidade de fixarse nos hábitos da xente que poboaba o seu Mondoñedo.

Colaboración: Museo da Imprenta 

Da imprenta que dirixiu desde 1982 Fernando López e que agora está ao cargo de Suso Robles saíron moitas das máquinas e traballos que hoxe se expoñen no Museo da Imprenta de Mondoñedo ubicado na Casa dos Coengos. López aínda colabora ás veces coas visitas guiadas que se fan no centro.

Experiencia: unha vida facendo impresións 

Fernando López tomou a remuda de seu pai, coñecido en Mondoñedo como Suso do Laredo, á fronte da imprenta no ano 1982. Comezara a traballar no negocio familiar con 10 anos e durante os últimos 73 presenciou en primeira persoa todos os cambios que se produciron no negocio da impresión. 

Comentarios