"O importante é ter un proxecto a medio prazo e ilo desenvolvendo pouco a pouco"

Xabier Pardiñas Suárez, concelleiro de desenvolvemento local e tenente de alcalde de Alfoz, chegou á política municipal nas últimas eleccións  e continúa ilusionado cun traballo do que empeza a ver os primeiros froitos

Xabier Pardiñas, ás portas do consistorio de Alfoz. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Xabier Pardiñas, ás portas do consistorio de Alfoz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Formar parte do goberno dun concello pequeno implicar facerse cargo de moitas cousas. No caso de Xabier Pardiñas Suárez (Alfoz, 1976) supón levar nove áreas —obras, urbanismo, promoción económica, emprego, comercio, industria, cultura, patrimonio e turismo— aínda que aparezan englobadas baixo o nome de desenvolvemento local. Todo un reto para alguén que nunca pensara entrar en política.

Estreo en política, cun partido independente — Veciños Independentes de Alfoz (Vía)— e entra a formar parte do goberno. Esperaba todo isto?
Para empezar non contaba entrar en política. Tivera varias propostas e sempre dixera que non, pero desta volta foi algo diferente porque aínda que non tiña, nin teño aínda claro o de entrar nun partido dos chamados ‘xa establecidos’ porque ás veces están máis ao servizo dos partidos que dos veciños, o proxecto de Vía surxiu de xente daquí e apostei por entrar. O de formar parte do goberno foi unha decisión dos veciños que nos percibiron como unha posibilidade de cambio. Conseguir o 20% dos votos a primeira vez que te presentas é complicado, pero os veciños déronnos ese respaldo e temos que responder.

Como recorda aquela noite electoral?
Con moitos nervios, porque en Alfoz levabase moito tempo sen ningún cambio. Unha vez coñecido o resultado con moita ilusión e cando xa reflexionas daste conta da responsabilidade que asumes.

E as negociacións ata entrar no goberno?
Foron 20 días bastante complicados incluso a nivel persoal porque a xente fixo moitos comentarios lonxe da realidade. Tomar unha decisión así esixe responsabilidade e nós falamos tanto co PP coma co PSOE, pero pensamos que se os veciños o que querían era un cambio tiñamos que apoiar aos socialistas. O de entrar no goberno foi unha decisión posterior que adoptamos para que este fora o máis estable posible.

Foi a decisión correcta?
Temos que desmostrarlle á xente que non nos equivocamos e eu penso que os veciños están contentos co cambio que houbo. Aínda que é certo que cando chegamos eramos adversarios do PP e do PSOE, porque ninguén sabía se viñamos pola dereita ou pola esquerda. De tódolos xeitos, o feito de estar gobernando co PSOE non quere dicir que nos definamos coas ideas dese partido.

Fíxose cargo de nove áreas, como se xestiona iso?
Hai certas concellarías para as que xa hai persoal no concello que se ocupa delas e outras que dependen máis do concelleiro. Pero este é un concello pequeno é hai que facer un pouco de todo.

Identíficase máis con algunha en particular?
O turismo e a promoción económica neste concello eu penso que van moito da man, porque o sector turístico eu enténdoo como unha forma de xerar economía. De feito, nos últimos dous anos duplicáronse as prazas hoteleiras e hai proxectos para que sigan medrando. Pasamos de non contar a nivel turístico a aparecer. O turismo tamén vai unido á cultura, como reflexa o castelo de Pardo de Cela e no que se refire a empresas e urbanismo quédame preto pola miña profesión de arquitecto.

Como está resultando a experiencia de gobernar?
Se chegas da empresa privada, como no meu caso, o principal atranco que existe é que dende que tomas unha decisión ata que consegues poñela en marcha pasa moito tempo. Pero o importante é ter un proxecto a medio prazo e ir levando a cabo pequenas accións para ilo desenvolvendo. Estar agora nun goberno local véxoo como unha formación máis.

"Alfoz non contaba a nivel turístico e agora xa aparecemos"

Que proxectos conseguiu?
A dinamización turística é un proxecto que non está acabado pero colleu inercia e xa vai rodando só. Tamén conseguimos que a escola infantil tivera comedor que era unha eiva coa que contaba o servizo.

E no lado contrario?
Agora mesmo vamos intentar desenvolver chan industrial e intentaremos solucionar o tema da vivenda, que penso que é un dos problemas máis graves de Alfoz. Levamos máis de 20 anos arrastrando un proceso de concentración que nos condiciona moito,
pero espero que se vaia solucionando, aínda que é algo no que tamén dependemos doutras administracións.

Como son as relacións dentro do grupo de goberno?
Somos dous grupos bastante diferentes, non sei si por idades ou por ideas, pero temos unha relación correcta porque temos que ser responsables e traballar xuntos porque estamos aquí para solucionar os problemas dos veciños. Ademais o feito de que haxa puntos de vista distintos tamén enriquece o goberno.

E a súa relación co alcalde?
Temos unha boa relación.

"Para unirse hai que pensar en se estás de acordo co proxecto futuro. Nas vindeiras eleccións o contador estará a cero"

Chegado o caso, repetiría o pacto de goberno?
Para facer unha coalición non hai que pensar no pasado senón en se estás de acordo co proxecto futuro. Nas vindeiras eleccións o contador volverá estar a cero e, unha vez que se coñezan os resultados, se precisas dalgunha coalición terás que xuntarte con aqueles cos que teñas máis puntos en común.

Resulta complicada a conciliación da política co traballo e a familia?
Bastante. Sempre estivera metido en colectivos e asociacións pero tiveno que ir deixando porque todo o tempo libre que me queda intento pasalo en familia para compensar a perda de tempo.

Aínda así volverá repetir en 2019?
En 2015 eramos unha agrupación de electores e agora somos un partido que fará unha asemblea xeral para configurar unha lista e elixir un candidato. A miña intención é seguir se os compañeiros así o consideran porque agora o proxecto está empezado e gustaríame darlle continuidade.

"As formacións independentes temos futuro porque a desafección é máis cos partidos que coa política"

É complicado configurar unha lista para concurrir a uns comicios?
É complicado e no noso caso incluso máis porque é unha aventura para a xente que entra porque non sabe moi ben onde aterra.

A desafección coa política é un hándicap a maiores?
Parecía que esta desafección se ía solucionar coa aparición dos novos partidos, pero as políticas que están levando a cabo parece que aínda a están acentuando máis. Eu penso que os partidos independentes a nivel local teñen futuro porque a desafección é máis cos partidos que coa política. No caso dos independentes a desvantaxe que temos é que non contamos con representación nas administracións por encima, pero aí tamén entra o saber negociar.

Comentarios