Alberto García: "Imos devolver Mondoñedo ao lugar que historicamente se merece"

Centrado no momento presente e desfrutando deste mandato, o concelleiro máis novo de goberno mindoniense defende as posibilidades que ofrece o municipio para a xente moza 

Alberto
photo_camera Alberto García.

A POLÍTICA sempre estivo presente na vida de Alberto García (Mondoñedo, 1984) e ata estudou Ciencias Políticas, polo que parecía lóxico que dun xeito ou outro acabara neste mundo. Foi a actual alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, a que apostou por el para formar parte das listas do PP nas pasadas eleccións municipais, despois de ter formado parte xa da agrupación de Novas Xeracións no concello.

Por que decidiu dar o salto ao mundo da política?
A política gustoume sempre como espectador, lía a prensa e vía tertulias políticas e estudei Ciencias Políticas. Elena Candia ofreceume entrar no seu proxecto en 2015 porque sabía que me gustaría chegar a ser concelleiro, pero daquela pensaba que non era o momento. De tódolos xeitos aceptei porque as oportunidades preséntanse unha vez. A política tamén me interesou para defender as situacións inxustas e a desigualdade.

Vostede xa formaba parte de Novas Xeracións.
Si, en Novas Xeracións entrei no 2010 porque considerei que era o partido que máis se identificaba coa miña ideoloxía. Tamén se podería dicir que foi o único partido que lle ofreceu á xente moza a oportunidade de entrar nas bases dunha formación política en Mondoñedo.

Esperaba chegar a entrar nun equipo de goberno?
Como non estabamos gobernando era un reto. Víase desgaste no goberno, pero tamén é certo que xa se vira nas anteriores eleccións e non conseguíramos a maioría absoluta. Naquel momento sabía que de chegarmos a gobernar ía ser concelleiro, senón non.

Como está sendo a experiencia?
Globalmente considéroa unha experiencia positiva a pesar do traballo constante. No meu caso ademais non teño dedicación total nin parcial, polo que teño que compaxinar o meu traballo coa concellaría e ás veces resulta complicado encaixar todo, porque como edil teño o teléfono as 24 horas do día a disposición dos veciños. Imos facer tres anos no goberno pero coa sensación de levar máis tempo porque se vive intensamente e a axenda en Mondoñedo é moi ampla.

Está contento coas concellarías que lle tocaron?
Si. Non son as máis decisivas ou as máis cercanas, como poden ser as de obras ou de servizos sociais, por exemplo, que poden ser máis directas. Pero estou satisfeito das cousas que me permiten facer e incluso tamén collo algún tema de cultura.

"O tema económico sempre é importante, polo que intento facer cousas tendo isto en conta"

En que proxectos traballou?
Estou orgulloso de cousas que fixen, como por exemplo a reactivación da banda de música que estaba parada e dende o ano pasado está recuperando actividade e tamén doutras iniciativas que aínda non tendo moito calado resultan importantes para a imaxe da cidade coma os concursos dos adornos de Nadal ou de ornamentación nos balcóns agora no verán. Tamén teño en mente un proxecto que me gustaría levar a adiante que é o de poñer en marcha unha aplicación móbil para manter aos veciños informados.

E gustaríalle ter feito algo que aínda non puido?
O tema económico sempre é un problema importante, por iso intento facer cousas tendo en conta esta parte. Ás veces intentas facer algo máis, pero ten que ser asequible e entendo que hai outras áreas prioritarias.

É Mondoñedo un concello para a xente nova?
Si, e neso estamos traballando. Apostamos porque a xente vexa o concello como un lugar para vivir, traballar ou abrir o seu negocio. Mondoñedo é un concello no que as empresas teñen acceso a internet, conta co espazo coworking, ten incentivos á natalidade e tamén facilidades para establecer un negocio. Incluso se pode acceder a un local do viveiro de empresas. Estamos intentando que Mondoñedo empece a soar en positivo, algo que nos últimos anos non estaba pasando. Moitos amigos me din que agora Mondoñedo está de moda e eu creo que o estamos devolvendo ao lugar que historicamente se merece.

"Temos que seguir traballando para atraer investimentos que consigan xerar emprego no municipio"

Como é a relación entre o equipo de goberno?
Moi boa. Somos un equipo e cada un sabe o lugar que ocupa nel. Colaboramos moito entre nós e a alcaldesa tamén nos consulta moitas veces a nosa opinión.

Mantén boa relación con ela?
Estupenda. Entendémonos moi ben.

E coa oposición?
Tamén hai bo trato, tanto no persoal coma no político. Mondoñedo non precisa confrontación política e eu penso que todos temos afán colaborativo máis que de sacar rédito político e tamén penso que é o camiño a seguir dadas as circunstancias.

Cales cre que son os proxectos pendentes en Mondoñedo?
Agora urxe darlle unha saída á residencia de maiores San Rafael pensando na terceira idade, aínda que non é cousa só do Concello. Xa está feito o centro de día que foi fundamental. Tamén temos que seguir apostando por atraer inversións que sirvan para xerar emprego e seguir apostando polo
turismo para que os visitantes non teñan a Mondoñedo só como un sitio de paso e conseguir que o concello se vexa como un lugar para vivir, traballar e desfrutar.

"Todo o mundo debería pasar pola política para entender moitas das decisións que tomamos"

Aspira a facer carreira na política?
Estou contento con estes catro anos de goberno e estou centrado niso. Non teño máis pretensións de futuro.

Repetirá nas listas de 2019?
Non é unha decisión miña. Agora mesmo céntrome no goberno e entenderei calquera decisión que se tome neste senso. O meu obxectivo cando se me ofreceu formar parte desta candidatura era traballar por Mondoñedo e eu estarei satisfeito con aportar o meu gran de area para mellorar as cousas. O que teña que vir, benvido sexa pero sempre centrado no momento actual.

Recomendaríalle á xente nova entrar en política?
Todo o mundo debería pasar pola política ou achegarse a ela un pouco para saber porque facemos o que facemos os que temos un cargo público. Non sempre se entenden as nosas decisións e se todo o mundo soubera o que hai dentro, entenderíanse mellor.

Que lle dixeron os seus amigos cando lles dixo que iría nunha lista electoral?
Xa sabían que me gustaba a política, así que por esa parte non houbo sorpresa. Ao mellor lles chocou máis que me identificara con este partido, pero todas as opinións son respectables.

 Dedícalles menos tempo.
Si, a eles e á familia, pero intento compaxinalo o mellor posible.

Más en A Mariña
Comentarios