domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

As ideas están tras a curuxa

Luis López, na súa oficina. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Luis López, na súa oficina. JOSÉ Mª ÁLVEZ
A empresa burelá Logaidea cumpre 14 anos creando a imaxe de empresas e de campañas

A empresa burelá Logaidea, detrás da que está Luis López, chega o vindeiro luns ao seu 14 aniversario. Foron anos de cambios, non só no mundo da comunicación corporativa no que se move senón tamén para el mesmo como empresa, aínda que a ilusión coa que naceu segue igual que o primeiro día. "Quixen ter unha axencia de publicidade dende o instituto, pero o meu concepto cambiou cando me puxen a traballar", explica. "Ao principio ofrecía todos os servizos vinculados á comunicación, pero tiven que ir limitando o abano porque eu só non podía con todo e agora ofrezo o deseño ou imaxe de marca". E todo isto baixo a atenta mirada da curuxa, un símbolo que López escolleu "porque me gusta desde pequeno e polos horarios nos que me gusta traballar, que son preferiblemente nocturnos".

Os seus deseños identifican a un bo número de negocios mariñáns de distintos sectores coma o comercio, a alimentación, a pesca, a gastronomía ou a hostalaría. "Síntome afortunado coa carteira de clientes que teño", recoñece, "hai un núcleo de empresas coas que traballo moi a cotío e outras con contadas accións ao longo do ano e coas que xa teño un calendario planificado e tamén conto con outras coas que os traballos son máis espalladas no tempo".

Cada cliente é un mundo, aínda que todos parecen ter algo en común: a falta de planificación. "A planificación é un cabalo de batalla dende sempre, porque desgraciadamente premiase máis a rapidez que a creatividade ou a calidade", explica López, que recoñece que trata "de concienciar ao cliente que os traballos planificados non só son mellores senón tamén máis baratos". De todos os xeitos, despois de anos de negocio, o deseñador nota a evolución dos clientes no tocante á súa concepción da imaxe de marca: "Nos primeiros tempos, confundían publicidade con merchandising e agora xa están máis profesionalizados e demanda servizos máis acordes ao que fago na axencia", explica este creativo.

Pero non todo resulta sinxelo e moitas veces hai conceptos que aínda é preciso remarcar, como por exemplo, que a continuidade dunha imaxe é importante á hora de manter contacto co público. "Algúns clientes terían deseños de marca diferentes cada día, pero iso non pode ser porque en todas as campañas precisas que haxa un pose común porque senón podes despistar ao público", afirma.

Unha volta de torca ao mundo da comunicación foi a chegada das redes sociais: "As redes sociais cambiárono todo. Moitos clientes apostan todo a elas e abandonan os soportes publicitarios máis clásicos, pero non creo que sexa a solución. O importante é facer un "mix" de todos os medios porque é a mellor forma de chegar ao teu público".

Quizais un dos traballos máis especiais para López foi o deseño da imaxe turística de Burela. "Foi un orgullo facela e estou satisfeito co resultado", recoñece. Tiña claro o concepto de Burela Bonita dende o principio porque era algo que lle rondaba a cabeza, incluso antes de recibir o encargo. "Si unira a palabra bonita a outra vila, igual resultaría forzado, pero no caso de Burela é algo natural porque á parte das connotacións que ten en si mesma, en Burela é un camiño lóxico".

As ideas están tras a curuxa
Comentarios