"Hoxe en día a páxina é un foro moi útil sobre todo para quen vive fóra"

María José García Burgo, ‘Masé’, está á fronte de 'Non eres de Ribadeo se non...'
►Nunha poboación de 10.000 habitantes como a ribadense, contar cunha rede social de máis de 5.000 seguidores é un éxito. ten servido estes anos para pulsar o sentir dos veciños sobre calquera acontecemento local e a plataforma ten desenvolvido campañas solidarias

María José García Burgo, Masé, fronte aos Cocos, na praciña de San Roque IG
photo_camera María José García Burgo, Masé, fronte aos Cocos, na praciña de San Roque. I.G.

A empregada pública ribadense María José García Burgo, ‘Masé’,  que traballou na biblioteca da Universidade da Coruña e no Instituto Social da Marina, entre outros destinos, herdou, por así dicilo, un perfil de Facebook que creara outra veciña, María Penelo Riva. Nomeouna coadministrativa da conta ‘Non eres de Ribadeo se non...’ e, cando a fundadora deixou a actividade, continuou Masé coa páxina online. 

¿Como foi nas orixes o perfil? 
Ao principio era unha páxina nostálxica, na que volvíamos desfrutar dos nosos recordos de infancia e mocidade. Pero a día de hoxe é un foro, con máis de 5.000 seguidores. A intención é a de que sexa de utilidade e facer vecindade, no bo senso da palabra.  

¿Pero ás veces xorden conflictos entre os internautas? 
Tamén xorden os problemas. No vecindario tamén hai rencillas e conflictos que logo se ven reflectidos na páxina. Ás veces, a xente reflexiona e vivimos periodos de relativa paz, pero outras, os ánimos exarcebanse e semella que se perpetúan os ataques persoais. Temo que calquera día asistamos a un conflito, porque o que se publica na rede trae consecuencias; non é o que comentas cos amigos nunha cea. Estás facendo pública unha mensaxe e hai que facerse responsable do que se di. 

¿Cal é o aspecto máis positivo?
O positivo da páxina sobre todo é que a aproveitan os que viven fóra, porque están en contacto co pobo e coas súas novas e festexos. De feito, serviu para coñecer ou recuperar amizades. Mesmo temos convocado despois xuntanzas para coñecernos en persoa. E temos realizado campañas solidarias. Ao comezo eramos uns centos, pero agora os membros van invitando aos seus amigos e familiares. Somos principalmente veciños dos pobos do Occidente de Asturias e da Mariña, vinculados a Ribadeo. Ademais de persoas que residen noutros lugares, mesmo no estranxeiro. O perfil aglutina a xente de tódalas idades, credos, ideoloxías e profesións. 

¿Para que ten servido sobre todo?
En ocasións ten servido para pulsar o sentir dos veciños sobre os acontecementos locais e supoño que outras veces alguén se terá feito eco dos desexos veciñais. Pero insisto sempre en que non se debera utilizar como arma arroxadiza contra ningún representante de ningunha institución. Pódeselles demandar información e servizos aos responsables de calquera área, pero sempre con respecto polas persoas.

¿Interesa convertelo en colectivo? 
Sería ingobernable se fora unha asociación. É posible que vaia languidecendo, pero só depende dos seus membros o manter vivo o perfil de Facebook.

¿Que cousas comentan os veciños, por exemplo? 
Que as rúas e lugares teñan máis accesibilidade por exemplo para a xente con escasa mobilidade, con baños adaptados, rúas sen baldosas soltas e sen tantas costas.

"A residencia era prioritaria e menos mal que terán acceso  a ela as pensións baixas"

Un dos temas que máis preocupa aos ribadenses é o da vellez e os servizos para esta franxa de idade. A propia García coida da súa nai e traballa nun centro de día; lugares que considera "eficaces para conciliar a vida dos coidadores e manter activos aos maiores". A asistencia a domicilio parécelle "unha gran conquista". 

¿E que lle parece a nova residencia de anciáns de Ribadeo?
Era prioritaria. Menos mal que coa axuda da Deputación e do Concello poderán acceder os que teñen as pensións máis baixas de España: os lucenses. É un éxito de varios, pero hai que destacar a José María Rodríguez, que foi xefe meu durante dez anos. Que lástima que non poda vela inaugurada. 

Ten publicado moito sobre os pensionistas, ¿non si? 
Levo publicado tantas homenaxes ás xeracións que levantaron este país dende a posguerra, que pasaron penurias ou que traballaron dende nenos. Deberan estar bailando en Benidorm e non dando de comer a fillos e netos.
 

Comentarios