Cañas y arena: a hostaleira que repousa no verán

Marlen Dóriga rexe o café do IES Vilar Ponte de Viveiro, que pecha no verán ao revés que a maioría da hostalería
Marlen Dóriga. ANTIA
photo_camera Marlen Dóriga. ANTIA

A celeiresa Marlén Dóriga, que fará en outubro 28 anos á fronte da cafetería do IES Vilar Ponte, considera "moi gratificante" o seu traballo nun centro educativo onde desenvolve a súa actividade só nos días lectivos, que é cando abre o instituto. "O traballo é moi gratificante porque sempre chega xente nova ás aulas, e logo a maioría de profesores e persoal son os de sempre. Para min é como se fose a miña casa realmente. Estou moi a gusto, senón non levaría aquí unha vida", comentaba xusto ao pechar ata o vindeiro 1 de setembro logo de atender os días de Abau.

Cafés e bocadillos son os produtos máis consumidos por estudantes e profesores e ten unha oferta equilibrada. "Polo curso teño froita e iogur, pero non é o máis demandado. Hai rapaces que piden bica, pero son os menos os da comida caseira".

Os recreos son os momentos de maior apuro, polo que ao estar soa "adianto traballo e así simplemente é servir e intentar facelo rápido para que aos chavales lles quede o maior tempo posible para o disfrute do recreo". Nos descansos entre as clases ten o balbordo habitual, dependendo do horario de cada un pasa a plantilla do centro tomar o almorzo ou un tetempé.

Ao ser un establecemento singular os prezos son máis baixos que noutros locais e coa inflación actual ten que amañarse "trampeando moito, súploo con traballo, elaboro moitas cousas para intentar que non se me dispare o custo, e despois hai produtos que aínda que queiras non podes ofertalos porque non sería viable. Entón, intento cinguirme ao que me demandan, pero dentro das marxes que hai. Creo que poderíanse ofertar outras cousas pero a realidade é a que é. A concesión sempre foi así", explica.

Marlén Dóriga destaca que tanto o cadro de persoal do centro —profesores e outros— "son megalegais. Cando algún rapaz se ten atopado sen diñeiro bótolle un cabo, paga ao día seguinte e non pasa nada. Sempre fomos amañando, ninguén quedou sen comer un bocadillo e eu sigo sobrevivindo. Nunca tiven problema nin cos maiores nin cos alumnos. Son moi educados, é raro que non che dean as grazas cando lles entregas o que piden. Estou encantada coa xente daquí, porque todos se involucran, estoulles moi agradecida".

Co remate da segunda volta das probas de acceso á universidade finaliza tamén temporalmente o servizo de cafetería, que se retomará no vindeiro curso. Iso supón facer unha limpeza a fondo para deixar todo listo para volver na última semana de agosto revisar todo para empezar o día 1 de setembro, pois hai que recibir mercadorías e preparar outra vez para continuar un curso máis ata xuño. "É un pouco laborioso, pero a estas alturas é o de sempre", comenta.

Marlen desfruta do verán na casa, polo que goza cos múltiples eventos que hai no pobo durante a tempada estival. "Son de andar e de facer xuntanzas na casa e tamén toca cargar un pouco as pilas para empezar en setembro con forza", recalca.

Comentarios