A hostalaría de Foz amosa preocupación pola falta de afluencia aos locais en pleno verán

O alcalde, que compromete apoio para a promoción da zona como destino seguro, constata que os veciños teñen medo de acudir aos establecementos mentras Asturias capta algunhas reservas de xente que desbotou Galicia
Conversa dun grupo de hostaleiros focegos co alcalde, Fran Cajoto. AMA
photo_camera Conversa dun grupo de hostaleiros focegos co alcalde, Fran Cajoto. AMA

O nerviosismo cunde entre os hostaleiros de Foz, que este xoves se xuntaron co alcalde, Fran Cajoto, para transmitirlle a súa preocupación ante a difícil situación que están a vivir pola pandemia e a forte crise económica que esta xera ao estar limitada a mobilidade na comarca, o que impide a chegada de turistas en pleno verán, que xeraban ingresos que á maioría lle permitían aguantar o resto do ano. O rexedor constata que a esa falla de visitantes súmase "o sentimento de medo na poboación, que fai que vecinos deixen de acudir aos locais de hostalaría", Brindoulles apoio do Concello e subliña que "usando mascarillas e con distancia social pódese facer unha vida normal".

Os hostaleiros queixáronse tamén da "imaxe negativa" que se traslada e de que o propio presidente da Xunta focaliza a orixe do brote nuns bares do porto de Burela, "o cal non axuda nada". Reclaman que non se dane a imaxe de Foz nin da Mariña como destino turístico, pois "é difícil conseguir un nome e prestixio, pero é moi doado perdelo".

O alcalde é partidario do "sentido común para expoñer as bondades que temos, aquí non hai masificación, o que axuda a non propagar o virus. Pediron promoción destacando as características que fan da Mariña un sitio agradable para pasar o verán, para que o vindeiro mes de agosto poda ser normal e funcione o sector turístico, un dos principais motores da economía local, unha vez atallado este brote".

Fran Cajoto pensa que "a tormenta perfecta que anulou o turismo conflueu no verán, por iso solicitaremos recursos das administracións para que non se esquezan de investir na comarca". Tamén lle indicaron que non poderán contratar xente ou terán que prescindir do persoal que colleron, o que suporá novos Ertes.

ASTURIAS. Pola súa banda, a viceconselleira de Turismo de Asturias, Graciela Blanco, manifestou que espera que o rebrote de Covid-19 da Mariña "non entorpeza o bo devir das reservas turísticas" na rexión. Comentou que as boas sensacións dos sector empezan a facerse realidade cun incremento das reservas. Rexeitou poñer vetos a turistas de territorios con brotes.

O presidente da patronal hostaleira Otea, José Luís Álvarez, recoñeceu que o rebrote da Mariña causa "certo nerviosismo" no sector, que constata reservas de "xente que ía a Galicia".

Comentarios