Sentido recordo a tres represaliados na Guerra Civil en Mondoñedo

Un acto a carón do cemiterio vello lembrou a Graciano Paz, Siervo González e Manuel Núñez

Momento da homenaxe en Mondoñedo. AMA
photo_camera Momento da homenaxe en Mondoñedo. AMA

Unhas 200 persoas lembraron este sábado en Mondoñedo a Graciano Paz, Siervo González e Manuel Núñez nunha homenaxe popular impulsada por varios colectivos polo 80 aniversario do seu asasinato, ocorrido a madrugada do 12 de febreiro de 1938 despois de ser detidos tras unha denuncia anónima e tras seren perseguidos dende o golpe franquista.

Os actos desenvolvéronse no parque a carón do cemiterio vello da cidade e contou coa participación de familiares dos homenaxeados e con representantes da vida política e social, entre eles Fernanda Cedrón, neta do famoso guerrilleiro coñecido coma O Gardarríos.

No primeiro dos actos interviron Pedro González e Graciano Pardo, netos de Siervo González e Graciano Paz, respectivamente, ademáis do cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, e os portavoces dos tres grupos da corporación: Ángeles Rodríguez do PP, Esperanza González do PSOE e Eloi Cabanas do BNG. Tralas intervencións actuou César Morán. Rematado este acto, os asistentes entraron no cemiterio vello para depositar flores na fosa común que acolle a sete homes -seis de Ribadeo e un de Viveiro- que foron axustizados na cidade.

Para rematar a mañá, houbo unha mesa redonda na Casa da Xuventude na que Fran Bouso, Ramón Ermida e Eliseo Fernández expuxeron a vida dos tres homenaxeados, dende os seus inicios na Sociedade de Obreiros Católicos ata a súa traxectoria política na Unión Socialista Galega ou o seu papel na conformación da sección local da CNT que dará orixe ao Partido Socialista na cidade.

A homenaxe rematou cunha comida á que asistiron 50 persoas.

Comentarios