Roberto Vilar: "Este home creu en min. Todo é grazas a el"

O humorista mariñán recibiu no Quen anda aí? a Bernardo Penabade, o mestre que aos 17 anos o animou a dedicarse á televisión
Bernardo Penabade no plató do 'Quen anda aí?'. TVG
photo_camera Bernardo Penabade no plató do 'Quen anda aí?'. TVG

O plató do Quen anda aí? da Televisión de Galicia acolleu esta semana unha emotiva homenaxe ao profesor do Ies Perdouro de Burela Bernardo Penabade.

O docente acudiu enganado ao programa e alí foi sorprendido pola súa compañeira de instituto Karina Parga e por cinco exalumnos aos que influíu enormemente durante a súa etapa académica.

No plató tamén se reencontrou con outro alumno moi especial: Roberto Vilar, ao que deu clase no instituto no curso 1989/1990 e para quen Penabade foi unha figura determinante.

"Este home creu en min", declarou emocionado o humorista xovense. "Falou coa xente, moveume, díxome 'métete aquí, empeza na televisión'. Se el non fai iso nese momento, eu non tería disfrutado deste medio que é a televisión", explicou Vilar.

O presentador mariñán confesou que Penabade foi "a persoa do mundo, despois de meus pais, que máis me cambiou a vida". "Todo é grazas a el porque como mestre fixo algo que para min é esencial: creer e mostrar confianza nos teus alumnos", concluíu o humorista.

"Bernardo é ese padriño que non elixiron os pais"

Entre os exalumnos que recibiron ao mestre no Quen anda aí? atopábase Noé, que defendeu que Bernardo é para el "coma ese padriño que non elixiron os pais". "Foi o condutor do volante da miña vida", asegurou o mozo.

Penabade tamén foi un referente para a burelá Laura Ramos, que "seguiu o seu ronsel" e agora é profesora de Lingua Galega; e para Edilson, que grazas a el aprendeu galego e sacou a bacharelato.

Comentarios