O RINCÓN DE...

"A historia do municipio nace na capela de San Fiz"

A presidenta da asociación Patrimonio Laurentino, Remedios Gallo, ten na área recreativa da Cazolga o seu lugar especial en Lourenzá, entre outras cousas, polos seus vínculos coas orixes do concello
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Remedios Gallo, na Cazolga. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Sendo a presidenta da asociación Patrimonio Laurentino non resulta estraño que Remedios Gallo elixa como o seu imprescindible en Lourenzá a área recreativa da Cazolga. Alí atópase a ponte do mesmo nome coa súa correspondente historia e, un pouco máis arriba, a capela de San Fiz, "onde comeza a historia de Lourenzá". "A ponte, situada sobre o río Masma, foi construída no 1796 polos monxes benedictinos e serviu inicialmente para levar os materiais cos que se construiría o mosteiro de San Salvador", asegura e destaca a importancia da capela de San Fiz, que é anterior ao mosteiro: "Formaba parte dunha congregación chamada San Feliz y los Macabeos que máis tarde formaría parte do patrimonio eclesiástico do conde de Osorio Gutiérrez". 

Ademais de historia, a área da Cazolga acumula unha beleza paisaxística e natural que transmite calma: "É un lugar fermoso que invita á tranquilidade e un lugar ideal para ir a desfrutar en familia porque hai mesas e churrasqueiras para organizar merendas e o río non é perigoso polo que invita a bañarse aínda que a auga adoita a estar sempre fría".

Para Remedios este lugar tamén ten un importante significado familiar e de amizade: "Cando era pequena sempre ía cos meus pais e era a meta do percorrido que facía cando saía en bicicleta e máis tarde xa cos amigos converteuse nun lugar de reunión no que celebramos sempre o San Xoán e tamén o San Pedro, que é a festa dalí con acampadas e merendas". 

Outro lugar máxico para ela é o relicario da igrexa, que data do século XVII e conta con 28 reliquias que representa cada unha un santo. "Sempre me chamou a atención", asegura, "está realizado en pedra e madeira e é unha obra única que recomendo visitar en calquera momento, pero ao atardecer cando o sol se pon é espectacular, xa que a luz incide sobre o retablo e descubre de súpeto as cores dos adornos e das pinturas dos santos". "É maxestuoso ese momento", recalca.  

Comentarios