A historia, un clásico de verán

A Pomba do Arco ultima os vintecinco anos das súas xornadas en Foz con catro charlas de nivel entre os días 1 e 4 do mes de agosto
Imaxe promocional do evento. A POMBA DO ARCO
photo_camera Imaxe promocional do evento. A POMBA DO ARCO

Hai xa un cuarto de século que a asociación cultural A Pomba do Arco se encargou de que a historia fose un clásico do verán en Foz. Naquel lonxano 1997 pensaron que talvez as pequenas historias da súa localidade non eran tan pequenas e pagaba a pena contalas do mellor xeito posible, cunhas xornadas que, ano tras ano, foron medrando e medrando e, sobre todo, contando anaquiños dun pasado que mesmo moitos focegos descoñecían.

E esa idea ficou tan fonda na xente que xa non pararon de organizalas durante todos estes anos, á marxe das múltiples idas e voltas que A Pomba do Arco foi tendo en tanto tempo.

Agora xa está todo listo para que poidan comezar as deste ano, as que marcan os primeiros vintecinco anos.

Van ser do 1 ao 4 de agosto e todas no mesmo sitio, a casa da cultura de Foz, e co mesmo horario, ás oito e media da tarde.

As pequenas historias da súa localidade pagaba a pena contalas do mellor xeito posible

ARRANQUE. O inicio desta edición vai facelo o cronista oficial de Foz, Xoán Ramón Fernández Pacios. Tamén colaborador de El Progreso, no seu caso vaise encargar de falar de A historia dos portos de Foz porque non sempre foi só Porto Chico, nin Porto Chico foi sempre así e detrás de todos os que houbo hai moito que contar e que Fernández Pacios desgranará coa sabiduría e o detallismo que son habituais nel.

Ao día seguinte vaille tocar a quenda a un dúo de poñentes, o único desta edición. Será o que conformen Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, que neste caso van falar de A primeira guerrilla antifranquista na Mariña que ten tamén moito que ver coa propia historia focense e que vai a servir para percorrer algún episodio vencellada a ese periodo tan negro que foi a propia Guerra Civil, a posguerra e o que conlevou.

O seguinte poñente será Martín Fernández Vizoso analizando outro fenómeno singular do que tampouco se fala moito pero que tivo un gran peso na historia mariñá e tamén na focega: A masonería na Mariña, facendo un repaso pola súa presenza e tamén pola pegada que tivo, moito máis fonda do que se adoita crer.

O último dos poñentes vai ser Francisco Rodríguez Sánchez e a súa intervención vai xirar en torno ao título  A Mariña no século XIV por considerar o conferenciante que se trata dun intre particularmente importante para o que foi a posterior historia da comarca e, por conseguinte, tamén do propio pobo de Foz.

INVITACIÓN. O colectivo organizador, A Pomba do Arco, que neste momento está presidido por Marcelino Villarino Cageao, confía en que esta edición das xornadas certifique o que puideron albiscar en convocatorias anteriores: un incremento do interese nas mesmas por parte dos focegos.

A presenza de xente nas charlas aumentou e agardan que a selección feita este ano sexa de interese para a xente e se acheguen de novo á casa da cultura.

Comentarios