En compañía de animales

Pedro Pardo: "Hai que coñecer o cabalo e saber o xeito de que corra"

O viveirés fíxose un oco nas carreiras con París. Naceu nunha casa con cabalos e acabou sendo xinete, unha afección que o ano pasado o levou a ser campión galego de andadura chapeada de menos de 1.50 metros
Pedro Pardo, con París. JM ÁLVEZ
photo_camera Pedro Pardo, con París. JM ÁLVEZ

Con sete anos París é todo un experto nas carreiras de andadura galega na súa modalidade, nas que compite o viveirés Pedro Pardo, quen entrena os seus trotóns para as carreiras que se fan polos concellos e para o campionato galego. O xinete corre con dous cabalos. Antes de empezar a tempada móntaos unha ou dúas veces á semana. "Se é un bo animal non fai falla máis, válelles tanto ir descansados, non o fas mellor por montar máis, é máis importante coñecer o animal e saber cal é a maneira de que corra", explica.

Pardo empezou con 12 anos, gústalle competir e "cando perdes hai que mellorar para arranxalo, mellorar é a motivación, nunca está todo feito e o que o pense, empezará a perder", di. Tamén desfruta cando vai de paseo con eles. "Dar un paseo a cabalo é desestresante, esquéceste de todo", comenta.

Tódolos seus équidos teñen pasaporte, árbore xenealóxica e o seguro que precisan para correr e para os traslados

Os seus son trotóns de 1,50 e 1,60 metros á cruz. "Sempre é preferido o que máis gana, hoxe é París, dentro duns anos Deus dirá, hai que criar, entrenar e preparar para ver como saen e ir renovando. Tiven moitos cabalos bos, cando sae un que fai tempos mellores, retiras outro", sinala.

O proceso para acadar un exemplar bo pode ser longo. "Dá traballo, tes que ter unha boa nai, botarlle un bo semental, esperar un ano mínimo de xestación, en dous anos empezas a ensinarlle e a partir dos tres mételo no mundo das carreiras. Outra maneira é comprar un animal adulto e preparalo; eu prefiro entrenalo dende cero, sempre me deu mellores resultados. Se crías bos animais soen saír bos. E logo que todo saia ben, que haxa sorte e non se lesione". Pardo subliña que a súa é una afección cara. "Os pensos subiron moito, os premios son unha axuda para pagar os desprazamentos, que ao prezo que está hoxe o gasóleo non compensa, pero como che gusta non o tés en conta. E hai que desparasitalos dúas veces ao ano, vacinalos e estar sempre atento a que non lles pase nada".

Mellorar sérvelle de motivación a este xinete que tamén se relaxa dando un paseo a cabalo polos montes e as pistas de Viveiro

Pedro vive en Galdo e di que entrena polas pistas do Castelo e os montes comunais. "En Viveiro temos bos sitios para entrenar a paso, normalmente fas paseos e déixaslles correr tamén algo". Conta que no concello "hai moita afección aos cabalos, o campionato galego corrémolo seis xinetes, en Cabaleiros do Landro temos 70 socios", apunta.

Comentarios