Mario Pillado: "Hai moitas eivas a nivel urbano que fan preciso desenvolver un plan de mobilidade"

O candidato do BNG á alcaldía de Burela defende a necesidade de mellorar a mobilidade urbana e as infraestruturas deportivas, así como a urxencia de contar cunha nova depuradora

aaaa
photo_camera Mario Pillado. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O BNG volveu apostar en Burela por Mario Pillado para encabezar a súa lista ás eleccións municipais. Despois de catro anos na corporación, o nacionalista ten claras cales son as prioridades do concello e cales serán as súas liñas de actuación.

Cales son os eixes principais do seu programa electoral?

Entre os eixes principais están o coidado dos espazos públicos e a mobilidade, así como a aposta polos servizos públicos de calidade, por iso intentaremos que tanto a recollida do lixo como o abastecemento de auga teñan unha xestión pública, aínda que sabemos que é complicado. Tamén consideramos prioritarias as instalacións deportivas e neste aspecto propoñemos xestionar o acondicionamento das pistas dos centros de ensinanza para poder usalas en adestramentos, así como darlle unha volta ás instalacións ao aire libre para fomentar a práctica deportiva entre os máis novos. Tamén queremos relanzar a escola de música e crear dentro dela unha área artística multidisciplinar, incluso vinculada ás novas tecnoloxías. Outra das nosas liñas programáticas é a democratización da vida política, por exemplo, abrindo o pleno ás intervencións dos veciños.

Cal considera que é o principal proxecto a levar a cabo en Burela?

Para nós é preciso distinguir entre importante e urxente. Algo urxente é a depuradora, porque é un problema ambiental. E importante é un plan de mobilidade porque hai moitas deficiencias a nivel urbano. Por exemplo, o elevador que dá acceso á biblioteca para ser usado por persoas con mobilidade reducida non funciona e o mesmo pasa no rexistro civil. Hai que humanizar os espazos e os edificios públicos.

Nesa humanización inclúen crear zonas peonís?

Para levar a cabo unha peonalización hai que facer un estudo moi profundo porque hai zonas que poden ser peonís, outras semipeonís e outras que non se adaptan a estas humanizacións. Estas decisións hai que consensualas con todos os colectivos da vila.

Que aspectos pensa que se deben corrixir no concello?

A nivel de mobilidade hai moitos pasos de peóns que están a distinto nivel e hai rúas que non teñen beirarrúa ou as que hai son moi estreitas. Por exemplo, a rúa Álvaro Cunqueiro, que é usada por
moitos rapaces, non ten un tramo de beirarrúa. Ademais os barrios de Vilar e Vila do Medio son zonas que históricamente non tiveron moita atención por parte dos sucesivos gobernos. Tamén en infraestruturas deportivas hai carencias e os horarios da biblioteca non están adaptados ás necesidades dos usuarios e ademais diso é preciso levar a cabo unha dinamización deste espazo con actividades.

Que balance fai dos últimos catro anos?

Fomos o partido que fixo unha oposición máis seria ao equipo de goberno con moita actividade para levar ao pleno a voz dos veciños e para tentar solucionar os problemas que nos plantexaban os cidadáns.

Como se está desenvolvendo a campaña?

O noso punto forte é o contacto coa xente a pé de rúa. Estivemos nos mercados semanais e no comercio e estamos tendo unha boa acollida. O venres temos previsto o acto de peche da campaña...

Comentarios