"Hai moitas cousas que nin eu nin os veciños de Bravos coñeciamos"

Sen ir moi lonxe atópanse pobos que perden actividade e nos que a memoria dos que os habitaron esmorece co tempo se ninguén trata de conservala. O veciño da parroquia ourolesa de Bravos José Manuel Franco sacou un libro que recorda os persoeiros, oficios e anécdotas.

José Manuel Franco. JOSÉ M. PALEO
photo_camera José Manuel Franco. JOSÉ M. PALEO

A historia dos pobos escríbese cada día, pero para evitar o esquecemento precisa que alguén a conte. Neste caso José Manuel Franco González, veciño de Bravos, en Ourol, aposta por manter viva a memoria dos antergos, pero tamén da propia parroquia ao rescatar no libro que acaba de publicar a Deputación Personaxes e historias da parroquia de Santiago de Bravos, no que fala de moita xente xa desaparecida e de épocas máis prósperas que viviu a localidade. 

É o seu primeiro libro? 
Si, é o primeiro. 

Por que decidiu escribilo? 
Son cousas que xorden. Empecei xuntando fotos de xente da parroquia, despois funme facendo con documentación sobre a campá da igrexa, que ten tres. A primeira fabricárase cunha suscrición que fixeran na Habana para os gastos da súa fundición. Logo tamén atopei información sobre a ferrería, sobre a sociedade Viveiro e a súa comarca, e da escola que hai aquí. Todo é empezar, pouco a pouco fun xuntando todo o que plasmo no libro. 

Como fixo para publicalo? 
A Deputación subvencionou a publicación, que pode conseguir de balde calquera veciño ou amigo na biblioteca de Ourol. Editáronse 600 exemplares e a Deputación quedou con algúns. 

Canto tempo lle levou facelo? 
Levoume bastantes anos, aínda que estivo parado moito tempo ata que volvín a retomalo. É unha cousa moi laboriosa, á parte dos relatos hai moitas fotos e iso para conseguilo leva un tempo, algunha delas non a tiña a miña familia e tiven que pedirlla a outras persoas. Tamén fago moitos relatos de costumes, do que foi a malla, as esfolladas, algo dos velorios, de temas funerarios... para darlle vida ao libro. 

A España baleira está en moitos sitios coma este; Ourol chegou a ter máis de 5.000 habitantes na década de 1950

Hai moitas cousas descoñecidas da parroquia de Bravos? 
Si, hai moitas cousas que o vecindario non coñecía, e eu tampouco, pero ao buscar información nunha cousa levou á outra. 

Algunhas actividades das que fala xa desapareceron... 
Claro, na parte alta desta parroquia houbo unhas minas da época prerromana, explotadas polos romanos; logo houbo outras no fondo da parroquia, que ten bastante filón de mineral de ferro. As últimas explotounas Endesa, antes estaba Barandica polo 1920 e despois pararon e volveron retomar a actividade a mediados da década de 1950. Ademais, houbo unha fundición de ferro que nunha época incluso facía pezas para o arsenal de Ferrol e tamén para Sargadelos. Pero parou de funcionar porque ía con leña e os veciños protestaron porque quedaban sen leña, xa que todo o que había se gastaba para o funcionamento da fundición. 

Tamén se extinguiron oficios? 
A nivel artesanal había zoqueiros, zapateiros, carpinteiros, algún aínda existe, pero a maioría desapareceu. E a nivel comercial houbo un momento no que houbo dous salóns de baile, funcionaron os dous ata 1964 ou 1965, cando pararon, porque a xuventude emigrou a Francia, Suiza, Alemaña ou Inglaterra. 

A súa familia tivo un deses salóns de baile. Fala del? 
O da miña familia foi inaugurado no ano 1941 e outro abriu en outubro de 1955, que foi o que se queimou no recente incendio. Os dous tiñan comercio. O noso tiña un ultramarinos, paquetería, ferretería, droguería e dábanse comidas, incluso se fixeron vodas. Funcionou ata 2007 a nivel comercial, que foi cando me xubilei. Coñecíano como o do Vinculeiro, que era un alcume. O meu avó xa andaba por el, dicían que era o que tiña capital e era fillo único, pero neste caso non era así, porque na época de meus pais eran varios irmáns e meus avós e o bisavó tamén. 

Sobre que persoeiros da parroquia escribe? 
Son persoas que coñecín, porque dende os 13 anos estiven á fronte do negocio con meus pais. Algúns xa morreron. Agora non hai case a quen preguntar, os que podían dar información xa non están entre nós e a xente nova non coñece. Eran veciños que destacaron na parroquia, por exemplo Fidel, que era compostor e coñecíaselle en toda A Mariña, ou outro que era un médico que veu de Cuba e tamén era moi coñecido. 

Cambiou moito co tempo? 
Si, coma todas. Nalgún momento había moitos veciños, hoxe en día hai poucos, e á parte son de idade. Ao faltar un péchase unha casa e, senón, o que queda ao mellor vai para a residencia. Agora houbo algunha alta de xente que veu de Holanda, que compraron unha boa propiedade por aquí. 

Entón foi a menos? 
Moito, iso é unha enfermidade que está en moitos sitios coma este, é a España baleira. Ourol chegou a ter máis de 5.000 habitantes en 1950.

Comentarios