viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

VERÓNICA TEIJEIRO RODRÍGUEZ, INTEGRANTE DA ASOCIACIÓN DE EXECUTIVAS DE GALICIA

"Hai grandes profesionais na Mariña pero falta visibilidade"

Verónica Teijeiro Rodríguez. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Verónica Teijeiro Rodríguez. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Esta economista e consultora financieira viveiresa é polo momento a única integrante do colectivo na comarca e para dalo a coñecer organiza este xoves ás seis da tarde un acto na sala multiusos do concello de Viveiro, onde tamén se presentará a iniciativa Referentes Galegas

Verónica Teijeiro traballa como directora financieira na empresa Construdeco Norte en Burela e dende hai tres anos forma parte da Asociación de Executivas de Galicia, que está aberta á incorporación de máis profesionais femininas da comarca.

En que consiste este colectivo?
Executivas de Galicia fai ‘networking’ en todas as provincias coa intención de facer unha rede non só de contactos, que tamén é importante, senón de apoio, que sexa un punto de encontro para todas as mulleres da zona, con distintos perfís profesionais, directivas, emprendedoras, autónomas... para que teñan un punto de encontro no que compartir experiencias, formación, coñecemento, para poñer en valor todo o que nós podemos aportar. Tamén pretende dar visibilidade ás mulleres neste caso da Mariña, desde un punto de vista profesional. 

Que a levou a unirse?
Basicamente a experiencia laboral, por motivos de traballo tíñame que desprazar moito a Lugo e vas entrando en contacto con mulleres de perfís profesionais similares ao teu, coas mesmas inquietudes, con formación, que están en postos de responsabilidade. Unha destas compañeiras presentoume a un membro da asociación que me convidou a ir a unha reunión.

Que vantaxes lle atopa?
Sobre todo que tes un foro, un lugar de encontro no que podes facer consultas a nivel profesional sobre proxectos, emprendemento, e resolver as dúbidas que teñas. Tamén se centra moito na visibilidade, ás veces pasa que vas a un congreso e ves que a xente que acode é 90-10 (homes-mulleres). Cando vas a ponencias de executivos é raro ver mulleres e atopar unha da Mariña é extrañísimo.

Que actividade ten a asociación?
Por unha banda organiza reunións periódicas nas capitais de provincia e na de Lugo só iba unha socia da Mariña, que son eu, cando hai moitas máis que poderían sumarse. Outro punto de traballo é o proxecto Referentes Galegas, unha base de datos para aqueles medios de comunicación,  organismos ou entidades que necesiten información de perfís profesionais de mulleres. Por exemplo para unha conferencia, hai un directorio público cos perfís profesionais directivos ou executivos de mulleres.

É o que van a dar a coñecer en Viveiro. 
Si, primeiro imos presentar a asociación e despois o programa Referentes.

Por qué neste lugar? 
É onde vivo e tiven a colaboración do Concello e de CaixaBank, en todos os teléfonos aos que chamei amosáronse encantados. 

Custa aínda ver mulleres en postos directivos?
No día a día vémolo, hai moi bos profesionais tanto homes como mulleres pero ao mellor elas non teñen esa visibilidade. Na comarca hai grandes profesionais, pero non temos ese punto de encontro,
hai que romper o ampliar o círculo.

Atopou algún obstáculo na súa traxectoria profesional por ser muller?
Polo feito de ser muller non, pero por ser nai ás veces. Sempre traballei con compañeiros e nunca me sentín nin máis nin menos ca eles, pero cando eres nai ás veces os horarios non son os idóneos, recae máis a carga en nós e tes que pedir máis permisos aínda que legalmente cho permiten.

Necesítase apoio externo para reivindicar a muller executiva?
Si, pero non só da administración. Temos que concienciarnos as propias mulleres de que o noso traballo é importante e de que os cambios empezan por un mesmo, ti podes facer algo se estás nunha situación que non che gusta. 

Programa do acto, este xoves no concello de Viveiro
O acto de presentación de Executivas de Galicia e do seu programa Referentes Galegas celébrase este xoves ás seis da tarde na sala de usos múltiples do concello de Viveiro, onde as primeiras en intervir serán a alcaldesa, María Loureiro, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

Executivas
A presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschisky, e Verónica Teijeiro falarán da asociación.

Referentes 
A continuación presentarase o proxecto Referentes Galegas coa participación da súa coordinadora, Lidia Enrich; a catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodríguez, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, e a directora da sucursal de CaixaBank en Viveiro, Raquel Atadell.

Igualdade
A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, tamén falará neste encontro que pechará de novo a alcaldesa de Viveiro. Para rematar haberá unha actuación musical en vivo e un viño galego para as asistentes.
 

"Hai grandes profesionais na Mariña pero falta visibilidade"
Comentarios