martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

FERNANDO SUÁREZ, ALCALDE DE RIBADEO

"Gustaríame que seguise a liña de colaboración entre PSOE e BNG na Deputación"

Fernando Suárez Barcia. AMA
Fernando Suárez Barcia. AMA

O domingo pasado acadou a súa terceira maioría absoluta tras baixar 306 votos. A ese tempo hai que sumarlle un mandato anterior no que gobernou en minoría. Prefire non pronunciarse sobre a rumoroloxía que o sitúa na Deputación e agarda un millor entendemento coa Xunta de Galicia

Recoñece que o domingo foi un día "de moita alegría compartida" pero agora amósase disposto a traballar arreo ata o punto de que di que, desde ese día, só puido dar un paseo dunha hora. O resto foi traballo. Fernando Suárez, (46 anos) rematará este mandato ocupando a alcaldía de Ribadeo durante dezaseis anos de xeito ininterrumpido.

Como foi acadar unha maioría absoluta que non moita xente lle daba por asegurada?
O outro día puxen en redes sociais que foi moita a alegría compartida. Foi un  inmenso orgullo que a xente confiase en min porque con tantas listas, con tantos adversarios, poder ter un resultado tan bo é para estar orgulloso. Pero a partes iguais cunha enorme responsabilidade porque a xente nos apoiou para que sigamos sendo como somos e sigamos transformando Ribadeo, tratando a todo mundo por igual. Con todo eso é co que temos que lidiar.

Quedou algo máis descansado?
Tranquilo? Non parei desde o domingo á noite. Todo o que puiden facer foi dar un paseo dunha hora coa miña muller. E non sei nin en que gastei tanto tempo. Estou falando cuns e con outros, a ver como repartimos o goberno municipal e dando opinións sobre a situación que se abre na Deputación. Hai cousas do día a día que planificamos a tope para a vindeira tempada estival. Outras, como dixemos na campaña, e non mentimos, estaban para saír pero como era campaña non tiña senso sacalas. Traballamos para abrir a residencia nesta primeira quincena de xuño. Estamos ó cento por cento.

Falou da Deputación. Sabe perfectamente que a rumoroloxía sitúao a vostede como deputado provincial do BNG.
Quero ser moi prudente nesto porque a formación que eu represento en Ribadeo, o BNG, con calma, deberá dialogar co PSOE xa que entre as dúas teñen a maioría absoluta nesa institución. Así que a ese respeito eu non debo dicir nada de momento. Que me parece a Deputación? Pois creo que é un organismo que non debera existir porque é decimonónico. Pero como está aí, hai que usar os seus recursos o millor posible e pode servir para moito, para mellorar os concellos da provincia. Eu teño experiencias moi agradables destes mandatos anteriores porque nos axudaron moito.

Non queremos máis camisetas con anagramas da Xunta. Teñen que axudarnos porque só nos dan miserias

Pódese comprobar con ese proxecto estrela de construción dunha das mellores residencias de todo o Estado, deixando de lado as discrepancias ideolóxicas que puidera haber. Traballamos con honestidade baixo o mandato da legalidade e o resultado para os veciños é unha marabilla. A min gustaríame que seguísemos nesa liña de colaboración. Así que se se me pregunta iso, eu apostaría por afondar nesa liña de cooperación para facerlle a vida millor ós veciños e axudarlles a millorar a súa calidade de vida. Nós aportaremos a nosa experiencia. Iso significa que eu estarei alí? Pois non.

Tanto vostede como outros concelleiros seus din que este mandato vai ser dos bos para Ribadeo.
A nivel inversor pinta ben. No anterior traballamos moitísimo e fixéronse moitas cousas que se viron e outras que non se viron pero son unha base imprescindible para que poidan eclosionar: a modernización do asilo, o novo acceso a Ribadeo desde a A-8, a reparación da estación vella do tren, facer un novo parque, un campo de herba sintética, dar servizos de calidade ás parroquias. O plan das Catedrais permitirá poñer en marcha un aparcamento público polo que cobraremos e logo iso revertirá no comercio de Ribadeo. E logo estamos moi ilusionados de ter ó lado dous concellos amigos con boas expectativas para facer cousas en conxunto porque dous só dialogan cando queren os dous, e iso vaise dar agora.

Falando de diálogo, mellorará o que ten coa Xunta?
A Xunta ten que cambiar a política cara Ribadeo porque non nos da máis que miserias: camisetas rotuladas con anagramas da Xunta. Non queremos máis camisetas, queremos diñeiro para o campo sintético novo, unha parte sustancial da nova cometida de augas. Eso si é o que ten que aportar.

E fala de diálogo, con Barreiros?
Home, pois si. Tivemos algún convenio e tal, pero botei de menos outras cuestións que eu plantexei e ás que non tiven máis resposta que o silencio, como o tema do Cavi, que está en Barreiros xerando verquidos na nosa traída da auga sen que eles fixeran nada.
 

"Gustaríame que seguise a liña de colaboración entre PSOE e BNG na...
Comentarios