"Gústame sacar a arpa dos auditorios e achegala á xente"

Bleuenn Le Friec fai tándem con María da Pontragha no evento 'Contos entre cordas' este sábado en A Sacabeira (Sargadelos) ás 20.30. Achega a arpa celta e o seu repertorio a lugares onde non adoita escoitarse e nunha conexión directa co público
Bleuenn Le Friec. LYDIA CASTRO
photo_camera Bleuenn Le Friec. LYDIA CASTRO

Bleuenn Le Friec naceu en Lannion, a cidade bretoa irmandada con Viveiro. Empezou a tocar arpa celta con seis anos, licenciouse en Musicoloxía en Rennes, seguiu formándose no Musikene en San Sebastián e en conservatorios de Alemania e formou parte de diversas orquestras europeas. Galicia rouboulle o corazón e acabou vivindo moi pretiño da catedral de Santiago, desde onde compaxina a docencia na escola de música desta cidade e no conservatorio da Coruña coa interpretación da arpa, que toca como convidada en orquestras do país ademais de colaborar con outros artistas.

Como xurdiron estes Contos entre cordas?
María é unha contadora magnífica. Cando a coñecín eu aínda non falaba ben galego, fora ver unha conta súa e non entendera a metade, pero parecíame unha xenia. A partir de aí contactei con ela porque levaba moito tempo querendo facer algo para achegar a arpa á xente. Sempre me dá moita mágoa que o meu instrumento teña lonxanía e quería compartirlo dun xeito normal, como de andar por casa, non de forma pomposa, con roupas de concerto e protocolo. Conteille a idea e ela animouse.

Colaboro habitualmente coas orquestras galegas e con Xoán Curiel e Carlos Núñez

Que vai poder ver a xente mañá neste evento?
Os contos de María fían unha presentación do instrumento, pero non falamos da arpa todo o tempo. É unha contada musical que permite á vez escoitar contos e achegarte ao repertorio da arpa ou ás diferentes pezas e que cando a tes preto nun bar podes apreciar doutra forma. Os contos tocan temas moi universais a través de historias moi sinxelas, falan da vida, da morte, do amor... e haberá unha historia dunha viaxe a San Andrés de Teixido.

Ve cumprido o obxectivo achegar a música clásica a outro público?
Gústame tocar nos auditorios, pero tamén me gusta sacar a arpa deses lugares moi marcados por certa cerimonia. Poder facer o que fas normalmente nun lugar onde para un artista de música clásica non é normal tocar, cun público moi intimista, onde ves a cara da persoa que está e te podes comunicar directamente, é para min unha experiencia moi diferente e que me beneficia.

Percibe reaccións no público?
Vexo que están atentos e noto unha conexión directa que non podo ter noutros contextos. É moi beneficioso para abrir a música clásica a un público máis amplo. Pode ser unha idea pretenciosa, pero é quitar perxuízos sobre músicas un pouco elitistas; non quero que nos asocien aos músicos clásicos a iso porque temos ganas de sentirnos próximos ao público, ao final somos xente normal pero estamos dentro dese xeito de facer que non evolucionou moito nos últimos anos.

Á parte de neste proxecto, está inmersa nalgún outro?
Colaboro habitualmente coas orquestras galegas, tanto coa Sinfónica como coa Real Filharmonía, e últimamente estou tocando con Xoán Curiel e con Carlos Núñez, como arpista nas súas bandas.

Estivera antes pola Mariña?
Estiven de vacacións e tocando no Festival Bal y Gay, viaxe na que tiven tempo libre e achegárame a Cervo, de feito.

Comentarios