A gran fábrica de Gres Burela di adeus

Alfonso López, cervense que traballou nela dende moi novo ata xubilarse en 1991, recorda que chegou a empregar sobre 200 persoas, moitas delas mulleres e firmando un convenio colectivo propio
Alfonso, na súa casa de Figueirido, revestida coas plaquetas que saían da fábrica onde traballou. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfonso, na súa casa de Figueirido, revestida coas plaquetas que saían da fábrica onde traballou. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Cumpriu 92 anos en decembro e traballou toda a vida na fábrica de gres en Burela da que a partir de agora só quedarán en pé algúns muros e elementos considerados patrimonio industrial. Alfonso López Mon entrara de aprendiz no taller mecánico da cerámica e xubilouse nel en decembro de 1991. Este cervense tranquilo e afable non chegou a coñecer aos primeiros empresarios da fábrica pero garda múltiples recordos das súas xentes e funcionamento desde a posguerra. Ademais, tanto o pai como o avó traballaran na central eléctrica da Casa de Administración en Sargadelos, de onde saía a electricidade para abastecela.

Durante décadas a actividade fabril da zona estivo moi vinculada ao caolín e ás cerámicas, o barro. "Sobre 200 persoas chegamos a traballar na fábrica de Burela, a maioría mulleres, nas prensas, na clasificación do material, na limpeza e tamén nas oficinas", acorda Alfonso, quen reparaba os trómeles e outras máquinas necesarias para facer baldosas e revestimentos de construción con moitos clientes.

Nos 8.000 metros cadrados da fábrica coa que medrou Burela só quedan cascallos e algúns muros e dependencias que se conservarán na nova urbanización da zona. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Nos 8.000 metros cadrados da fábrica coa que medrou Burela só quedan cascallos e algúns muros e dependencias que se conservarán na nova urbanización da zona. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"No taller estaba co señor Sierra, de Daián, e con Manuel de ElisaTomás Cabarcos e outros. Cando entrei aínda rexía o taller Pepe Picallo, irmán do encargado da fábrica, Domingo Picallo, fillos dun alcalde de Mugardos. Domingo viñera traballar nas grúas do porto e Pepe logo emigrou a Arxentina", explica tamén acordando as finas e prezadas poteras de calamar que facían. Alfonso entra na fábrica en maio de 1944 e no 1949 irá para Ferrol cumprir o servizo militar no arsenal, retornando á empresa en xullo de 1951.

Nacera no Paraño, á entrada de Cervo, onde vive a súa irmá Lilita. O pai, José López, comezara co avó (Alfonso) na central eléctrica de Sargadelos e ao conectala á fábrica acabou traballando no centro fabril de Burela. As oríxes están precisamente a principios de século nunha Cerámica de Sargadelos fundada por Javier López e Ciriaco Guisasola, asturianos que tratan de recuperar o antigo proxecto de Raimundo Ibáñez, trasladándoa a Burela. Tampouco puideron sacala adiante á beira do mar.

Si o conseguen na nova ubicación, e en colaboración co secretario e accionista da anterior (Franciso Argüelles), os barceloneses Cucurny, saga de orixe francesa que tiñan fábrica en Hospitalet (logo trasladada a Montmeló) e tecnoloxía cerámica. Valorando os grandes recursos mariñanos, compran a firma e poñen á fronte en Burela ao seu fillo Leandro. "Foi primeiro Cucurny y Compañía, logo Materiales Cerámicos e ao final, Gres Burela. Por iso a rúa que pasa por diante leva o nombre de Leandro Cucurny, aínda que eu os fillos sucesores non os coñecín, ao traballar xa na época na que a comprou Ramón Canosa, de Viveiro", explica Alfonso López.

"Do outro lado da rúa, o antigo director cos Cucurny, Ramón Farré, montará outra fábrica tamén para facer baldosín e gres, e logo construir o lavadoiro de caolín nos Castros, que acabará vendendo aos alemáns. Penso que todo veu pola incomunicación que se produciu con Barcelona durante a Guerra Civil", indica. En efecto, Leandro quedou nas instalacións de Sevilla e toma o relevo en Burela un sobriño, Mario, fillo de Luis Cucurny.

Tralo derrube, as oficinas e algúns muros quedarán para o recordo

Alfonso acudía a pé desde Cervo para traballar (levando a comida) e logo en bicicleta. Despois nunha moto Guzzi e por fin nun Seat 600. "Cando eu empecei, dende o cruce que vai ao lavadoiro de caolín ata o de Eijo Garay non había máis de catro ou cinco casas", acorda.

Por suposto, non esquece o seu primeiro xornal: tres pesetas diarias, de luns a sábado, traballando de oito da mañá a seis da tarde. "Despois de comer –explica–, ías dar unha volta polo porto, cando estaban preparando os barcos para a costeira do bonito. Era o que había por aquí: o mar, os aserradoiros e as cerámicas". Logo tamén acorda ir de seis da mañá a dúas da tarde e entre as dúas e as dez da noite. "Cando xa se meteron os fornos de túnel tamén había que facer gardas de noite", di.

Alfonso, cun cadro seu. D.V.
Alfonso, cun cadro seu coa imaxe da primeira fábrica de louza de Sargadelos . D.V.

Foron épocas nas que entre Sargadelos, Gres Burela, a fábrica dos Enríquez en Sargadelos que tamén facía plaqueta e a exportación de caolín, o sector deixaba moitos cartos na zona e tiña ademáis o ladrillo feito por Pardiñas en Foz. Agora existe o proxecto dunha empresa aragonesa para volver a explotar as minas pero entonces os camións bulían desde a contorna e en Burela transformábanse arxilas de Barreiros, Vilaronte, Fazouro, Gondrás... máis feldespatos de Muras, en materiais de construción que se poden rastrexar por toda a xeografía, non só na Mariña. Produto acabado.

"O material había que moelo nos trómeles para despois filtralo e moelo de novo, pese a que ultimamente, cando se montou o atomizador, isto xa non era necesario. Ía directamente para os silos e despois se collía para as prensas", explica Alfonso.

O proceso do gres continuaba ao ir as plaquetas e azulexos para o secadoiro, e daí aos fornos. "Cando eu entrei só se facía baldosín –precisa–, e xa ía a cor incorporada na pasta. Posteriormente ás plaquetas se lles comezou a dar un revestimento, vernizándoas por riba despois do prensado. Marrón, negro, vermello... eran cores que se pulverizaban nunha cabina onde había unha cinta, previa preparación dos vernices en trómeles pequenos".

Antes que a merluza ou o bonito, o gres de Burela alcanzou moita sona

A empresa, que como Materiales Cerámicos chegou a ter dos primeiros convenios colectivos de empresa e empregar a moitas mulleres, conseguía pechar o ciclo transformando materias primas da comarca para exportar case todo en camións –boa parte ía para Francia– e nun barco propio, o Cabaleiro. "Neste costeiro de 80 toneladas tamén viña de Xixón o carbón para os fornos", di Alfonso, que estivo ao tanto dos cambios enerxéticos da fábrica: "Os primeiros eran fornos redondos e individuais e logo metéronlles o fuel, ata a cocción nos fornos túnel de gas, contínuos".

Ao principio os Cucurny ofrecían desde Burela refractarios coma ladrillos aluminosos para altos fornos e aparatos Cowper, pezas para fornos de coque, de cal ou cementos portland. Incluso tubaxes de gres dos alcantarillados e conducións de augas pero logo a fábrica especializouse nos baldosíns de gres que adornaban beirarrúas, andéns, patios. Ata a época das plaquetas e azulexos, entre outros revestimentos.

A non ser que houbera moitos pedidos, no verán a fábrica facía parada para as reparacións e os traballadores tamén confraternizaban: "Tiñamos partidos de fútbol entre os que estaban nas minas e transportaban o material e os de dentro da fábrica, que remataban en merenda", acorda.

Publicidade dos Cucurny de Burela, a primeiros do século XX. J Mª ÁLVEZ
Publicidade dos Cucurny de Burela, a primeiros do século XX. J Mª ÁLVEZ
Un referente
Sargadelos, gran símbolo para todos
Que Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane conseguiran montar a nova fábrica de louza e Sargadelos inspirándose no industrial de Raimundo Ibáñez causou admiración pero Cucurny e Gres Burela tamén pecharon o ciclo do barro e incluso houbo franceses en sociedade, aínda que pouco duraron. Alfonso quixo recordar a primeira fábrica de Sargadelos e sendo moi novo debuxouna en tinta china nun cadro que conserva na casa, Traballo de rapaz curioso, pasara pola escola que en Cervo facía o burgalés D. Valentín. "Pinteino a partir dun gravado sobre as antigas fábricas de louza de Sargadelos cando estiven lesionado nun xeonllo e tiveron que operarme do menisco. Mancárame durante un partido daqueles que os rapaces xogabamos nun campo do Morgallón, en Cervo, e ao que viñan ás veces os de Foz ou da Devesa".

O sitio queda cerca da ponte da Salgueiriña e da súa casa en Figueirido, onde casou con Carmen Cayón Fontán, impulsora dun coñecido bar todo revestido da propia cerámica burelesa, a carón da N-642. Alí contemplaron todo o bulir económico que trouxo Alúmina-Aluminio e o medrar da comarca. "Eu seguín na cerámica e de Figueirido xa antes viña traballando José Cayón, irmao de meu sogro Rogelio", explica.

As máquinas, no mar e en terra marcaron a vida da familia pois Rogelio Cayón, maquinista das caldeiras de vapor, tivo barcos coma o Felicia, e os fillos seguiron navegando e pescando con outros como o Estrella Maris, Atilano Juan, Villa de Sargadelos ou Juan Iglesias.

Comentarios